martes, 15 de octubre de 2013

UNHA NOVA MANEIRA DE VIAXAR: DE CARAVANING

UNHA NOVA MANEIRA DE VIAXAR: DE CARAVANING


Dicíavos eu, hai aló máis dun ano que, a miña ilusión era a de ser caravanista. Pois xa levo un ano percorrendo toda Galicia, a Galicia que eu coñezo como a palma da man, pero agora non vou traballar e poido escudriñala como Deus manda. E de certo, era moito o que me quedaba por ver, aínda nos mesmos lugares onde antes traballei.

Case tódalas semanas viaxamos na pequena caravaniña, como eu lle chamo, pero a experiencia é fabulosa. Nada de hotel, nin piso, nin vivenda ampla. Isto o supera todo. O feito de convivir tan apretugado e con tan poucos metros de superficie, fai sentir algo novo que eu descoñecía. É unha forma de reencontrarse entre a miña dona e máis eu, algo que na casa non sintes.

A verdade que o dos hoteles é un coñazo: sube maleta; abre maleta; volve a facer a maleta; baixa maleta. E así un día tras doutro. Aquí, meus, xa está todo listo. Subir e arrancar todo é un. As pastilliñas de 3ª idade xa están no pastilleiro. O de afeitar a branca barba, idem. Os cepillos de dentes. A roupa colgada nos percheiros. E a cama. ¡Ai a cama! Mellor cá na da casa.

Esta experiencia, dicía, é tan marabillosa, que, cada mañá ves un novo mencer en cada peirao e cun ulido a unha maruxía distinta. Iso si vás pola beira mar. E logo por terra adentro, outra nova sensación, como foi esta semana en Portomarin, en Lugo, nese pobo que foi anegado polas augas do Río Miño para o embalse de Belesar. Este ano cúmplese o 50 aniversario: 1.963-2.013 que, aínda recordo con lucidez.

Logo, a convivencia con centos ou miles de peregrinos que fan o Camiño de Santiago, fíxonos sentir tamén en certo modo camiñantes. O de Portomarín, Palas de Rei, Monterroso ou Melide, é de non esquecer. E o de pasexar polas ruínas do vello Portomarín, que, neste tempo de sequía está case sen auga, faite estarrecer cando maxinas a historia milenaria dese pobo. Un pobo agora asentado no preto outeiro, desde o cal os máis vedraños, están ollando ó lugar onde naceron. Aínda así, a nova vila é algo fantástica.

Mais un bo remate foi o do Mosterio de Sobrado dos Monxes. Pasara por alí moitas veces, pero como antes dixen, unha cousa é ir traballar, e outra pasexar.

Cando comezamos, dicía, hai aló un ano, non apuntábamos nin os días nin os lugares. Agora fixen unha recompilacíon de memoria e logo xa vou anotando cada semana os lugares visitados. E danme que xa estivemos fóra de Corme, máis de dous meses neste ano. Hai que entender que no verán tampouco poido viaxar o que quixera por mor das actuacións da banda.

Porque todo hai que dicilo: para min e para sempre, o meu pobo, a miña vila somentes é Corme. Pero hai que entender que 69 anos sen moverse deiquí, tamén fan a súa mágoa. Viaxar é a mellor inversión que se pode facer. O din os ricos e tamén os bohemios trotamundos.

Así e desta maneira, o ano vaise facendo máis levadeiro. E tamén desde a lonxana, aínda que non sexa tan lonxana, daste conta do moito que lle queres ó teu Corme.











No hay comentarios: