domingo, 12 de febrero de 2012

A CONTROVERTIDA MARQUESINA DE CORME

Foi moito o falado en prol desta nosa marquesina, quén máis, quén menos non está de acordo co seu asentamento, pois, para mariñeiros nós, todos sabemos que case sempre chove de vendaval.


Isto vén a conto polo comentario no artigo de abaixo -que sempre agradezo, por certo- da miña veciña e amiga Maríasuagón. Ela dí:"gústame a utilidade da marquesina". Pero de contado que "sigue sen verlle outra, pois nin abriga da chuvia nin da sombra". Creo que non entendín ben, ou ela non expresou o que quería dicir, dende logo sombra a fai. Con respecto á chuvia, abriga máis do que parece, non sempre chove de vendaval e con vento. Son testigo por vecindade, de como estaba a xente ás 7 da mañá en días de chuvia, aquilo era de pena e tercermundista.


Pero unha das cousas que aprendín nos 15 anos na A.de V. foi que cando se pon trabas a unha cousa, hai que dar alternativas a outra, neste caso por exemplo: onde, donde, en que lugar, etc.


Porque o que dí María, é un pouco o sentir do pobo, todo quisque a buscárlle voltas, pero ninguén dí onde a poñería: "En calquera lado, menos neste", é a resposta cotiá. E eu pregunto: ¿onde é calquera lado?.


Cando veu o delegado da Xunta co tema das marquesinas -había tres concedidas para a nosa bisbarra- e llelo comentou ao alcalde, tivo que dicir sí ou non, pero xa. E sinalar o lugar, xa. De non ser así, iría para outra vila. Tampouco valía o quedarse co diñeiro e invertilo en cousas máis importantes ou necesarias. Creo que todos sabemos como as plantexan as administracións. Isto foi outra cousa que o pobo non quixo entender. Porque solo entendemos o que queremos entender.


Con respecto á ubicación, eu pediría ideas e solucións. Como todos sabedes, a miña cabeciña "non para" -frase de moda- en darlle voltas a Corme, é o meu pasatempo. Todo menos xogar a partida. E pásoo ben. Sen ir máis lonxe, o aparcamento fronte á Igrexa para coches de vodas e enterros, foi idea e petición miña dende hai uns 15 anos. Pero mirade que no da marquesina lle dín voltas e nada, que non saiu outro lugar máis idóneo aínda entendendo que "case sempre chove de vendaval".


E remato con esta teima dicindo que por moitas voltas que lle dín, o mellor lugar que atopei e abrigado do vendaval, foi entre a Fonte do Carral, e a caseta da maquinaria da rampla, xa sabedes. Pero empezan os peros: queda totalmente descentralizada para os nenos do colexio, pois solo teñen unha única parada. Imaxinade os nenos da Arnela! E a máis gorda se cabe: con Costas haberíamos topado, "mío Sancho".


Con respecto ao modelo tan singular-vangardista, tampouco couberon alternativas, o plano era así e, ou o tomas ou o deixas.


P.D. Fai máis abeiro do que pensades, quixera que virades á marxe dos viaxeiros, as nosas avoas e nais tomando o sol mentras esperan polo cotiá Rosario, xa é un lugar de encontro e pasatempo. E polas noites para os viaxeiros: ¿Que había antes disto? A cabina para unha persoa en caso de chuvia. Ah, e para os púberes comer pipas e de paso "ligar", se cabe, agora xa non están na porta da Axudantía.




ESPERO IDEAS PARA SE NO FUTURO HAI QUE CAMBEALA. E con respecto a min, pois iso, que é o meu mellor pasatempo, nunca máis lonxe de outra cousa. Bo día, meus, en Corme xa estamos de verán.




sábado, 11 de febrero de 2012

OLA CORMEÑOS, BO DÍA DENDE CORME








































Con este xentilicio nos citaba Álvaro Cunqueiro nun dos seus poemas cando a primaveira asomaba: "Ahí vienen los cormeños...". Pois nada, que vos quero ter ó día nas novidades que hai. Onte colocaron estas fermosas macetas na fronte da Igrexa para plantar nelas unhas árbores de adorno, ou sexa, coma nas cidades. Logo preto da palmera xa vedes os contendores subterráneos para vidro e cartón. Ao lado irán amais, os contendores correntes do lixo, isto é na parte de arriba que podedes ver o que parecen os bordes dunha xardineira.



Agora a cuestión é que aínda lle han ver xeito de meterse entre as xardiñeiras para meter os coches, pois sinto dicilo, pero aquí a anarquía é total. Aos venres e sábados, a marquesina-parada do bús, está ateigade de coches como así a fronte da nosa Igrexa. E nada, que non pasa nada. E alí dormen ata o día seguinte e o coche de liña cargando fronte ao quiosco.



Pero vaiamos a Malpica, a ver quen se atreve a aparcar fóra das marcas do concello. E non se nos ocurra facelo na Praza, alí xa é gorda a receta. Ou a Laxe, que tamén escriben. Eu penso que o noso concello non ten para talonarios de recetas, hai que ser consecuentes e entendelo, estamos en crise. De seguir así plantexaráse o de falar coa compañía da Ora, pois os tikes son miúdos e máis baratos. E ben pensado, non quedarían mal unhas cabinas para sacar os tikes de marras, ata lucirían de carallo!



En fin, que nos fan obras a tutiplé, pero logo cadaquén fai o que quere, no muelle arranxan as redes e alí quedan fardos de cordelos estando o contendor a dez metros, e no resto do pobo xa vedes, fermosas obras, pero o dito, unha anarquía total.

Bo día "cormeños".





martes, 7 de febrero de 2012

UN CUMPLE, 68 ANOS, PERO ESPECIAL


Hoxe 7 de febreiro cumplo os 68 tacos, valga a redundancia. Pero hoxe é un cumple especial por mor de cando hai 12 anos a estora -12,30 da noite do día 7- se me descubríu o que un mes adiante me levaría a perder un riñón, o esquerdo. Estivéramos tocando no Local Social de Estribela, na entrada de Marin e ó terminar ás dez, coma sempre ceábamos en Placeres.
Era unha sorpresa miña convidar ós compañeiros na peaxe da autopista a Santiago onde parábamos sempre, pero todo se truncou nunha mala noite e nun peor mencer do meu cumple dos 56 anos. Xustamente cando solo ían 30 minutos do meu día 7 sucedeu o que debo obviar, non hai falla. ¡Que cousas fai a vida, habendo tantos día no ano!
Mais, quen me diría que estes 12 anos foron os máis sobranceiros da miña vida: Director da banda E.Pondal ; acadar o 1º premio do Instituto de Estudos Bergantiñáns e a impresión do meu libro: A Música en Corme; profesor da Escola de Municipal de Música; aprovar o Celga-4 con 65 anos; compositor asociado dos Encontros de Música Relixiosa de Pontevedra; autor do Himno para o Ano Mariano da Milagrosa de Carballo; pioneiro en habaneras en galego; gravar varios cedés co nome de pezas miñas que dende hai tempo están colgados en Internet a marxe de soar en toda España; navegar neste virtual mundo informático e aprender mecanografía. E un longo, etc. que non cabería neste folio.
Non, non quero facerme unha autopropaganda destes sinxelos e humildes méritos, nunca máis lonxe diso, o que quero suliñar é que si naquel momento non saíra daquela doenza, iríame sen ver e dar vida a todo isto –tan meritorio para min- e sendo exactamente o mesmo que eu o era. Logo, unha das cousas máis importantes, que nunca a historia musical de Corme sairía do prelo para que dentro de centos de anos os nosos descendentes poidan saber que Corme foi a capital da música da bisbarra.
Efectivamente vivín moitas etapas de 12 anos na vida, xustamente cinco e media, pero nesta foi como vedes na que máis me realicei. De algún xeito, a miúdo mo lembra Xosé Manuel Varela, un dos meus profesores cando me dí con estas verbas: “Suso, quén te víu e quén te ve!”. O outro, o que me metío neste lerio cibernético xa imaxinades quén é: Óscar. Porque eu, amigos, á miña idade presumo de ter profes, os que conforman o eido cultural bergantiñán.
Mais é a miña baixa autoestima a que frea o meu achegamento a eles por moito azo que me dan. De algún xeito non podo esquecer que saín da escola sen o graduado. Ou máis ben, que a miña xeración non tivemos escola.
Pero están chegando as 12 da noite dos 12 anos, xa está ben de tanta rememoración emocional. Tamén cheguei á xubilacíon, agora Inserso a pasto e provar o avión, pois, ben pensado, xa non é capote… (¿). Logo o trén moderno e aquilo que vos falei da autocaravana. Estes días estou facéndome moi boíño coa parienta e creo que xa vai entrando, na caravana aínda non, a ver si xuntamos os cartos, de momento coa idea. E paseando, verbo de pasear.
Son as 12 e dous minutos do 7 de febreiro de 2012, xapiverdi meus, así en galego, xa teño 68 anos, nunca tan vello me vin. ¡Aínda que ben pensado, téñome visto máis bello! Bicos a todos

sábado, 4 de febrero de 2012

UN AVANCE DAS ACERAS (BEIRARRÚAS)






Ola, para os que non vindes a Corme cada semana, velaí un avance de cómo está a obra. A de enfrente, onde a Marquesina, xa está lista e nunha semana terminan con todo. Logo debaixo da Palmera van dous contendores subterráneos para vidrio e papel, ou sexa, como nas cidades.
Malia que xurdío unha dicotomía, houbo quen protestou por mor de non deixar máis ancha a carretera e roubarllelo ás aceras. Manda carallo, cando nas cidades están a facer máis espazos peatonís para a xente, como ten que ser. E máis no noso caso que, a fronte da Igrexa era o antergo Altar e polo tanto é un terreo do pobo para honra e desfrute. Dicía D.Xosé (O Alemán) que neste país sobraban inxenieros sen carreira!.
Hoxe sábado, a estora, as 7 da tarde cando tomei estas fotos, Corme parece de primaveira. Aínda que ben pensado, Corme sempre é primaveira! “Y vosotros os lo perdeis, “forasteros”. (Xa sabedes que isto volo digo en plán pavero, polo moito que vos quero e añoro).
Neste intre de quitar as fotos veño da Casa do Mar, da biblioteca e Asociación de Veciños, de pagar o ano que comeza, (de paso recórdovolo). A verdade que agora dan gañas de non saír de alí co ben que quedou o local, é algo inefable. Por fin a nosa Casa do Mar vai facendo honra á súa labor social en tódolos eidos, ou sexa, que ten vida ata o mesmo tellado.
Á marxe disto, falárvos do muelle onde cada noite mesmo parece o Muro da Coruña con tantos pesqueiros e camións. Aos “andantes” de pola noite, ata nos cae a baba en tal ver! Adxuntaríavos unha foto das descargas, pero a miña cámara non dá para tanto, aínda así, algúnha noite hei provar.
Como non sei máis que contar, dicir que esta semana viñeron poucos coruñeses de finde. Según me enterei pola axencia de información: “A Cormelana.com”, seica están un pouco entoumados coa friaxe cruñesa e alí están coa calefación a tope, ou sexa, o mesmo cá os pitiños novos coa bombilla á falla de súa nai, a galiña. (Perdón se faltei, pero isto é prá darvos raxeira e que veñades a vindeira semana. “Sin vós non somos nada” terxiversando a canción de Amaral).
A ver que me queda que contarvos, pois o asunto non é nada fácil dado o ben levados que somos, agora xa non vén a Garda Civil, nin Municipais nin nada por mor de non haber follóns, aínda que están moi desgustados, pois de seguir así teñen medo ir pró paro. Tamén se aforra o gasoil, todo hai que dicilo, aínda que eles podían andar co vermello que é máis barato, total quén ousaba mirrarlles o depósito?.
A verdade que onde van aqueles tempos de nosas avoas e nais reñindo pola sella da auga na Fonte do Campo, a cañeira do esterquiño diante da porta, as churras e os porquiños que ían comer as berzas e fuzar na leira da veciña, ou a roupa ó clareo no Perillán. E de aqueles rapaces que mallaban uns noutros de cotío. Agora dá prace ver os púberes ligando ó socairo da Marquesina.
Estes son tempos, meus, e non os nosos a trompadas e pedradas coas zondras. E agora, ai agora, agora danse bicos en fartura un tras doutro, que contraste. ¡Quén tivera 15 anos, este sí que foi un avance, ben pensado, o das aceras… tantotén!

martes, 31 de enero de 2012

NIN CARTA, NIN CARTOS, NIN CARAVANA


Como vos dicía no artigo de abaixo, pedín a xubilación, ou sexa que pasei ó desguace así con todas as da lei. A lei tantotén, agás que na xestoría dixéronme: “Suso, agora vai chegarche unha mensaxe no móbil, e logo viráche a carta coa contía”.
A mensaxe chegou, meus, pero do resto...: “Nin guiche nin velo”, dicían os canteiros cando eu era pequeno, e agora xa son “grande”cando comezo a encoller! Entrando no asunto, que nin carta nin cartos, a carta tantotiña. Pero non ho,non borrei a mensaxe para tela de recordo ata que chegue o pecunio, ou sexa, que se execute o participio do verbo cobrar.
Por conseguinte, desde hai un mes estou comendo á conta da miña bella –xa vedes que o escribo con b de Betanzos polo de ser boíño ata cobrar- e queiras que non, tés que aguantar catro cousas, xa non é ó primeiro que lle estampan o prato de arróz nos fuciños! Porque ela xa cobra sendo máis nova cá min. Debe ser das dereitas, ou fan do Feijóo-09 ou do Mariano,pois, de Raphael xa o era de moza e sigue sendo.
Pero sen devecer,e, "mentras peno espero" -dí aquel vello poema de Os Tamara- vou contarvos os proxectos en mente ata que Diolo queira. A cousa vén sendo que sempre sentín gañas de facer caraváning e darlle a volta a España ó estilo do inesquecibel Labordeta. ¡Agás que con la jefa hemos topado, mío Suso, non quere saber nada de caravanas, seica ten medo!
A pasada primaveira fomos a varias feiras de exposicion na zona de Betanzos e Sada. Eu namais entrar nos últimos modelos alucinei. Ai, pero a ela faltáronlle as bágoas para chorar co medo, mentres eu me deitei nas camas de tódalas caravanas. E nada, que non houbo maneira. A maneira víalla eu se a Primitiva deixara caer os 40.000€ dun modeliño xeitoso!
E agora vén un segredo que vos vou contar e que quede entre nós. Hai cousa de 15 días remexín na monovolumen ata darlle coa trécola de facer cama cos asientos. Isto foi dentro da nave, en Guxín. Un domingo animeina a entrar e probar a ditosa cama. En tres minutos estaba durmindo tan placidamente mentras eu subía e baixaba buscándolle máis prestacións á furgoneta, nevera, cortinas, etc.
Este domingo convideina a unha sestiña na cama de "marras", pero non pensedes mal, ou sexa, ben. Isto foi no outeiro don monte da bisbarra e con un “sol de carallo”, como de novo van cantarnos os rockeros de Riveira: Herdeiros da Crus. Coa radio de fondo e "servicio de bar", ou sexa, o termo e unhas chupilandas de merenda coa fermosa vista da comarca dixen prá min: “Ai, parece que se vai animando, a ver se podemos comprar a de verdade!”,
Pero todo foi unha van ilusión. Dúas horas despois, o frío fíxose sentir e decidimos arrancar. ¡Ai, Deus, o coche sin batería!
“Eu xa o sabía Suso, a min estas historias non me ván”, comezou o sermón, e iso que foramos á Misa. ¿Qué fago, Méndes, a quén chamo? E chamei a un amigo. En quince minutos alí estaba a patrulla do concello. Erguer os capós, as pinzas e arrancando á primeira. ¡Quen ten padriño, bautízase, xa foi sempre e será!
Mentres recollían as pinzas, vexo como un dos municipais lle chisca o ollo ó outro con picaresca e sorríndo, coma quén non quere a cousa. Ela, a miña bella, rubia para máis, estaba a medio entrever no terceiro asento envolta cunha manta tremendo de frío. Como se fora escondida, pero era tamén co xenio: “E agora ván por aí abaixo pensando que somos dous viúdos, non? Nunca máis”, díxome con raxeira mentres poñía o cinturón. ¡Como se aquilo fora o afundamento do Prestigge!
“Pois, ben pensado non se engañaron moito, eu estaba cunha viúda, a miña”, dixen con mágoa e fíxena sorrir. Pero adeus proxecto da caravana.



--------------------------------------------------------------------------------



P.D. Nota de última hora: A carta xa chegou hoxe día 1, escribíume unha señorita e isto mola cantidade, ante unha muller ninguén se atreve a reclamar. Agora falta o xamentendedes.

jueves, 26 de enero de 2012

ANINOVO E XUBILADO VELLO


Unha etapa máis da miña vida chegou a punto e final, dende este mes paso á lista dos xubilados, sempre que me queiran no Inserso, pois, tal e como están as cousas xa non digo nada.
Mais, non saibades a sensación que sentín despois de asinar os impresos da solicitude, namais saír e chegar á rúa quedei absorto. Algo cambeara en min en cuestión de minutos, de repente dinme conta que de algunha maneira non me sentía tan vello ata ese intre. Aínda sabendo que un día tiña que ser, que todo ten un comezo e un final. Que da mesma maneira que o pano se ergue nunha obra de teatro ó comezo da primeira escena, tamén se baixa ó remate da mesma.
Sabíao o derradeiro día das clases aos meus alumnos antes do Nadal. Pero calei e despedinme deles coma de costume, non fun capaz de dicírllelo. Os nenos non o entenderían, por algo son nenos. Quixen bicar aquelas cariñas que vin medrar un ano trás doutro, desexábao, pero non, non fun capaz. E comecei a ir gardando as leccións, os lápices e as gomas de borrar na carteira/mochila. Antes de apagar a luz, unha última ollada á aula fíxome voltar no tempo. Mais non, non chorei, cousa rara en min, éme algo inefable de explicar. E pechei a porta, agás que de maneira diferente, era para sempre, un doble peche.
------------------------------------------------------------------------------------
E por outra parte tamén a nosa tenda, o Bazar a Fonte cerrou as súas portas despois de 37 anos. Vamos, que mesmo parece que foi o destino para máis mágoa, que estes dous feitos acontecesen na mesma data. Se a música a vivín cou paixón, tamén a tenda non foi menos. Pouquiño e pouco, os andeis van quedando valeiros, mellor, polo menos fáiseme un pouco máis doce o final.
Con canta ilusión se abre un negociño cando estás no mellor da vida! E nunca maxinas que un día será o derradeiro. ¡Que pronto pasou todo, aínda que todo pasou no seu tempo! Cada mañá engadindo estantes e colgarexos. Cada noite maxinando en como colgar aquel xoguete á vista de todos.
Pechar a tenda foi pechar outra páxina principal da nosa vida, e sentirmos vellos, así, sen máis paliativos. Sintes a mesma sensación de cada noite cando vás baixando as persianas da vivenda unha tras doutra. A vida é o mesmo cá un libro entretido, vas pasando follas e chegas ó final cando menos o esperabas, cando estabas realmente disfrutando dese relato.
Agora, seguirei escribindo corcheas, fuelleándo no acordeón, serrando no violín ou espallando unhas notas no piano. Menos a trompeta que xa collíu varola aínda sendo o meu 1º instrumento e o máis doado de cantos probei. Logo seguirei dirixindo a banda ata que Deus o queira e nas noites e leceres, seguir estudando na miña escola persoal e escribindo para vós, para quén queira lerme. De rapaz non puiden estudar para ir traballar; mais agora que traballei, tempo terei de estudar.

miércoles, 18 de enero de 2012

A TORRE DA PENELA




A TORRE DA PENELA EN RIOBÓ-CABANA DE BERGANTIÑOS
O nome desta torre ten a súa orixe nun triste feito, un feito que dende hai anos tiven gañas de afondar na súa historia. Mais fagamos un pequeno resumo da súa situación e recolleitas históricas.
Para chegar á Penela, collemos a estrada dende a Trabe en dirección a Agolada. Na cume do alto de Sta. Margarida de Baneira, un pouco antes de A Mata, atopamos un desvío á dereita que a uns cen metros nos leva á devantita torre e ó lugar do mesmo nome.
A Torre da Penela, pertencío aos Bermúdez de Castro e foi unha das fortalezas máis importantes da comarca. As raiceiras desta familia caciquil da Idade Media, remóntanse a Lope Bermúdez, descendente dos Bermúdez de Traba e Montaos quén casou con Urraca Rodriguez de Moscoso da casa de Altamira. ( Como vos dicía nun artigo máis abaixo, en cada familia “noble” había unha Urraca. A madriña debiu ir para o Ceo con tantas afilladas).
O seu fillo, Roi Soneira de Riobó, tomou o nome desta comarca da parroquia do mesmo nome: Riobó. Testou no 1.571 e á súa morte foi sepultado, coma tódolos caciques na mesma Igrexa de San Martiño.
Anos adiante o seu neto Lorenzo Bermúdez de Castro, reconstruíu a casa e convertíoa en pazo. Á súa morte foi tamén soterrado na mesma Igrexa (Martínez Barbeito-1.986:478)
Nos escudos das pedras de armas desta familia, poden verse os símbolos dos Bermúdez de Castro e Riobó, e, preto da Torre hai unha fonte de dous canos que verten auga sobre unha pía en forma de sartego –sepulcro- a cal tamén ten o seu feitizo, pois, pode aparecer disfrazado de fada, de serpe ou incluso en forma de ovo e dando saltiños. (Garea e Giadás, 1.995:89).
Na Igrexa de San Martiño de Riobó, atópase un dos retablos barrocos –o maior- dos máis fermosos que vin ó longo da miña vida. Datado a mediados do século XVIII, conserva unha ábsida románica de envexa e no chán do presbiterio, atópanse tres tumbas que corresponden a esta “noble” familia.
Pero o que me enchíu de tristura foi cando hai anos souben o porqué do nome da devandita Torre. Unha lenda como tantas de castelos de “nobles”, agás que a xulgar polo seu nome todo indica que está basada neste feito:
“Cóntase que tendo retida a unha fermosa moza no cárcere desta torre e baixo vixiancia, a rapaza nun descuido logrou fuxir. Malia que os soldados lle deron morte ó pé do cruceiro. Os lugareños vendo isto comezaron a berrar con mágoa, dor e impotencia: ¡Pena… dela! ¡Pena… dela! ¡Pena…dela!”
E así, meus, con este fito e o nome contraendo as dúas palabras, esta fortaleza quedou coñecida como a Torre da Penela.

--------------------------------------------------------------------------------------

Fonte principal de datos: Xan Fernández Carreras.