sábado, 2 de julio de 2011

UNHA MERENDA EN FAMILIA


Antonte publicaba a Voz a foto de unha merenda na romaxe do día de S.Pedro aquí na nosa comarca. Nada novo baixo o sol, somentes que de pronto sentin as meniñas húmidas, eu son así. E decateime do inmenso valor que ten en col dun taboeiro de pino con dous cabaletes, unha empanada, unhas tortillas e unhas sinxelas viandas de calqueira romaxe. Porque ao seu redor estaba toda unha familia e iso ten máis prezo ca todo un banquete de voda a cen euros o cuberto.
Hai cousas, meus, que un non acaba de comprender, eu que vin milleiros de merendas na miña vida de músico, teño que ver esa foto nun xornal, para de repente darme conta do auténtico fervor de acudir rezar unha misa ao Santo, para logo desfrutar coa familia.
Pero digraciadamente non sempre é así, outros acoden ao Santo e procuran alonxar un treito para o intre de dar a man coma irmáns. Velaí a diferencia. E velaí o que eu non entendo, como se pode crer e rezar a Deus sen dar fala á familia e non sentir un remorso? Esta tamén é outra das observacións na miña vida cotidiá de trotamundos, pois, sempre dixen que fun un ollador do meu entorno.
No que a min respecta, nunca aceptei aquel, para min triste refrán: “A familia está para as ocasións”. Para que ocasións? Esta é unha das frase que máis odio, dito sexa en román paladino e sen máis reviravoltas. Eu desde que peche os ollos non teño falla da familia que en vida me dou as costas. E menos que acepten o pésame polo meu pasamento. Non, a familia que só está para as ocasións, que non perda unha noite de velorio nin unha tarde de soterro para acompañarme con face de circunstancias. Dí outro vello refrán: “Mellor solo que mal acompañado”, aínda sendo no derradeiro día.
Por iso, meus, non entendo a que carallo vamos de romeiros ofrecidos e fervorosos, escoitar catro misas, levar un velón de seis quilos e pasarlle o pano ao Santo, se logo non somos capaces de compartir unhas chulas de pan e ovo coa familia.


sábado, 4 de junio de 2011

CHAMÁNBANLLE:CALO CALO

POEMA
Das tebras do mar infindo, en Corme ficou o Calo,
meigas e trasnos coas figas, falaron de conxuralo.
Cal anxo do Ceo coitado / tenrura que entenrecía,
náufrago esmirrado / esgotado el tremía.
De fame esgorecendo / e a roupa sen enxugar,
chegaba a el o recendo / do caldo quente no lar.
Ninguén soubo onde el vir / nin o seu nome chamar,
pois, só sabía dicir / calo calo, ó falar.
Mesmo era un malpocado / das ondas do mar batido,
que semellándo a un fuxido / esmolába un bocado.
Sen roupa de mal remendo / descalciño camiñaba,
mais de abafo repelendo / só nos pobres tiña entrada.
No vagar do triste fado / non atopou un esteo,
tantas noites ó sereo / dos poxigos rexeitado.
Nin de hedras pardiñeiro / nin cabana de palleiro,
non fora o demo deitalo / nun cabanel ó abeiro,
O seu fogar foi a rúa / a súa cama o chán,
durmía co sol do día / que a noite fría era en van.
Mais na noite silandeira / ó rueiro espertaba,
que ó socairo da soleira / ollában como ouveaba.
Loiro famento, ouvía/ alma de cándida pena
da artesa broa resesa/ el duras codias roía.
Unha noite de luar / a unha lubre foi levado
bouránronlle prá eivalo / até case agonizar.
Era a vergoña da vila / dicían coa terra na man,
quen letanxías rezaron / no Cubeiro un serán.
As plañideiras laiaron / irtas meixelas sen bágoas,
baixou o cadaleito á cova / de mostrengo as catro táboas.
Nin campa dun vello valado / nin cruz de dous carabullos,
que pra calar os murmurios / o alcume foi vedado.
Floreceron alecrins / no seu túmulo, cal foxo,
roseiras son as dos ricos / dos pobres a flor do toxo.
Na escura noite ó embalo / petos na amura resoan,
e os cegos morcegos voan / coa lenda de Calo Calo.










viernes, 20 de mayo de 2011

A COITADA DE LUÍSA E ROQUE

NOTA:Parte dun capítulo de miña inédita novela: Carme e Corme, baseada no século XII.

---------------------------------------------------------------------------------------------
Aquela tarde de inverno, Roque pillou camiño da Aldea. O amor podía mais que a chuvia con temporal e, o baile de zanfona era a ilusión semanal. Pero antes quixo saudar aos seus tíos da Escobia e de paso enxugar os trapelos mollados.
Ao carón da lareira viu amosar á súa curmá Luísa baixando do sobrado. Namais ver a Roque estoupou en chanto: “Roque, a túa moza e o meu mozo fánnos os cornos, vense ás furtadelas. Sábeo toda a Aldea”.
Roque quedou irto, sen fala e pálido. A súa noiva, o seu primeiro amor! Se estaba cego por ela! Non, non podía ser verdade. “Si sobriño, é certo, eu mesmo os pescudei nun vello pardiñeiro de Gondomil”, díxolle seu tío Hadrián.
Saíron todos e solos quedaron os dous coitados. Xa non había baile, aínda que iso sería o de menos. Enxugáronse as bágoas coa caluga baixa. Non atopaban verbas para aquela situación. Sentados no tallo da cociña colléronse das mans sen darse conta. Como tantas veces na vida. Centos delas dende pequechos.
De socate, Roque sentío algo que o fixo estarrecer. Nunca sentira aquela sensación das mans de Luísa. Mirouna á face e no brillar das húmidas meniñas viu algo que nunca vira. Un novo destello. ¡Malia que era a súa curmá e aquilo era unha vergoña! Non, non podía ser. Sen dar pío pillou camiño das Areas entre os chuvascos de vendaval. Sempre durmía alí despois do baile nas noites de mal tempo, mais despois da coita e do sentir das mans da súa curmá quedou sen fala e abouxado.
Un mes adiante, os seus infieles ex quixeran volver as noces ó cesto, malia que nos lles valiu de nada. Pero dende aquel día, Roque era outro na casa, comezou a adelgazar e non daba pío. Seus pais estaban ó tanto de todo. Ata que súa irmá Remiña urdío de facer que seu tío Hadrián os convidaran a xantar na festa de aninovo. Para algo era muller e tamén notara algo na súa curmá Luísa.
Na mesa mesmo parecían dous viúvos sen erguer a vista para non ollarse. Rematou o xantar e Remiña falou de saír á eira naquela tarde soleada de inverno. Como tantos centos de veces que alí rebuldaran de pequechos. Ata que foron entrando á fala e Remiña foise ladeándo sen que se decataran para os deixar solos.
Sentaron ó pé da casadeira do cabazo e paseniñamente as súas meniñas volveron a brillar coma un relampo. Sen darse conta, as mans comezaron a buscarse ata entretezer os dedos: “Luísa, aquela noite…,xa sabes cal, a pesar da mágoa sofrida espertou en min un sentimento e, dende iso a miña cabeza é un desfollar margaridas por mor de saber se o meu sentir por ti é de verdade, ou ben polo desengano que os dous sofrimos. Luísa, eu …,non sei que dicirche”.
“Roque, a min pásame o mesmo, sei que somos curmáns, que moitas parellas casaron por amores coitados, unhas foron adiante e…, outras quedaron no camiño. Eu tamén desfollo a margarida nas tebras da noite e na luz do día, sabes?”.
“E ó final, que pétalo che sae, Luísa?”. “Roque, xa que faláche da margarida primeiro, dime cal é o que che sae a ti, pídocho?”
“Pois…, se ti o dis, velaí vai: Que te quero, Luísa. Pero o pétalo da túa flor tenme desacougado, eu tamén devezo por sabelo, aínda que.., vou pechar os ollos,e, se a cousa se tercia, “ollos que non ven, corazón que non sinte”.
Foron segundos tan longos que el tremía ó non escoitar nada. Ata que en vez de ouvir sentiu, sentiu a súa boca contra a del e os seus brazos ó redor do pescozo premendo. Sen erguer as pálpebras abrazouna con paixón e sentiu as molladas meixelas. Abriu os ollos e miráronse de novo ás húmidas meniñas”. “Quérote Roque, ata o fin das nosas vidas”.
Sempre foran coma irmáns e, aquel lerio dou que falar sen resollo na parroquia. Aínda que foi o mesmo, eles comezaron de noivos e agora xa se dicía: “Fixeron ben, e, os outros percales tiveron o que merecían”. Falouse das trabas que poñería a igrexia á hora de os casar se algún día chegaban a iso. Mais os prexuizos había que os deixar a un lado. A familia vendo o que lles pasara ós dous, aledouse que se sentiran namorados de verdade. Sobre todo cando vían o respecto que entreles se tiñan…, alomenos diante da familia!

miércoles, 11 de mayo de 2011

FILLOS DE MAMÁ SUSA





Agora que acabo de aterrizar na 3ª idade, voume dando conta de como o tempo foi pasando e con todos aqueles compañeiros que fomos á escola non cruzamos catro palabras ao longo da vida. Uns bos días, un deica logo e pouco máis. Pero o tempo pasou, pasounos a vida e non tivemos unha conversa nin sequera para lembrar a pouca escola que tivemos.
E levámonos ben. Non estamos a mal. Outros xogan a partida e van de viños, non é o meu caso. Pero tampouco, tampouco hai conversa seria entreles. Fútbol, calamares e pouco máis.
É ben certo que os amigos non son os que nacen no mesmo rueiro, os amigos iránche aparecendo ao longo do camiño da vida. Onde menos o pensas. E de repente sintes unha sensación como se os coñeceras de toda unha vida, coma se foran os teus verdadeiros veciños.
Cada ano ou cada varios, aló polo estío, aparecen os que viven na diáspora e pouco máis ca un guiño de cabeza ou un ola seco. Como moito unha aperta de man e dúas palabras. Parece que nos tivéramos medo.
¡Cantas gañas teño de xuntarnos un día e enchernos de falar! Non hai dereito a isto, parece como se nos tiveramos respecto e falla de confianza. Que ben o pasaríamos lembrando o tempo das pedradas por falla de escola. De carrexar correada e golfe deica o mesmo Cairo ou de ir ás pinas a Serra. Falar daquel leite en polvo que se inventou polo 1.955 e sabía a todo menos a leite, ou sexa, que non se tragaba, pero había que poñer un sorriso ao mestre mentres se che pegaba ao ceo da boca un dos bolos por non ir ben remexido.
Falaríamos tamén de Mamá Susa, pois a nosa xeración podíase chamar: Fillos de Mamá Susa. E poderíamos facer unha Misa na súa honra e logo unha cea, onde por suposto falaríamos dela e dos tempos que xa pasaron e non volverán. Na conversa -a mellor terapia- sairía como íamos á chatarra para comprar pirulís ou algún pitillo de Celtas. E fartaríamos de rir.
Pero non, non somos capaces. Nacemos no mesmo rueiro e xa. Realmente non somos amigos. Non temos confianza entre nós. O destino fixo que as cigoñas de París nos trouxeran na mesma dirección. Pero namais.
E protesto, meus, protesto que solo nos lembremos de irnos ao soterro e ollar no recordatorio cantos anos tiñamos: “Hai sí ho, era un ano máis vello ca min”. De seguir así as cousas, prefiro que non me veñades ao soterro.

lunes, 2 de mayo de 2011

O SPA DOS NOSOS AVÓS


Non tiveron ducha, baño nin chacusi. Tampouco radio nin televisión e menos fío musical. Escasamente coñeceron a luz eléctrica e non ían á piscina nin ao chiscólogo polo de relaxarse co estrés.
Non, os nosos avós non coñeceron esa verba. Quizais viñese no diccionario, pero tampouco había diccionario, aínda que mellor dito, non estaba inventada. Os nosos devanceiro/as relaxábanse co sacho, o rancaño ou co fouciño, co feixe de herba ou co xerro do leite á cabeza.
Outros co remo ou en barcos veleiros coa estiba nas bodegas e na cuberta. E da bodega enchendo sal ou cemento. Malia iso, tampouco tiñan ducha, retrete nin auga doce para lavarse sinxelamente por parroquias. E elas, nosas avoas, coa caixa de peixe deica as minas de Varilongo. E non tiñan estrés os nosos devanceiros.
Os nosos avós tampouco ían á praia para broncearse e menos aínda ao solarium. Xa estaban morenos de tanto sol no traballo, co salitre do mar ou co vento norteiro das agras e chousas.
E agora non nos chega coa ducha, o baño, o chacusi nin a piscina, agora hai que relaxarse co spa, ou sexa, o mesmo antes citado agás que todo revolto, pero con nome moderno.
Mais se nos remontamos á historia, isto xa o inventou Cleopatra bañándose en leite de burra, pois, naquel entón non eixistían as cremas hidratantes en envase de plástivo ou cristal con fecha de caducidade. E á condenastra abanicándoa dúas ducias de doncelas con plumeiros de pavo real!
Non sei porqué, pero creo que nos estamos pasando catro parroquias cando falamos de estrés. Tamén lles estamos faltando ao respecto aos nosos ancestros, eles que na súa humildade xamais empregaron o termo reivindicar nin se queixaron de nada.

sábado, 23 de abril de 2011

UNHA DE CHISCÓLOGO


Sucedeume hai uns meses. Estaba eu esperando a quenda para entrar ao meu psicólogo, cando de súpeto se me ocurreu unha idea, metin man ao peto, saquei unha tiriña de papel e nela escribin: “Non hai dereito que veñamos os que vimos, polos que tiñan que vir e non veñen”.
Namais entrar, lle la din ao psicólogo e quedou pensativo logo de relela unhas cuantas veces. De pronto díxome: “Jesús, este apunte lo llevaré a nuestro próximo congreso”.
Efectivamente ao psicólogo ou psiquiatra vamos moitos, pero non por mor de ser os de máis falla, senón por ser máis débiles de nervios, ou sexa que, o ter nervios non ten que ver con estar mal da casqueta.
Pero velaí onde esta miña frase me comezou a facer mágoa dende aquela mañá, e, máis cando veño de comprobar no día a día a moita falla que tiñan de ir os que realmente debían, pero non van.
Na sala de espera comprobo que a face de todos os pacentes reflicte tristura, pero nunca que estean mal do caletre. Ao mesmo tempo teñen cara de boa xente, agás que falla de carácter e sangue fría, dito sexa en román paladino.
No entanto a isto venme á memoria aquela vella frase tan usual para moitos exemplos: “Nin son todos os que están, nin están todos os que son”. Nunca mellor aproveitadas estas verbas.
Malia que isto caerá en saco roto e todo seguirá o mesmo. O mundo, a vida é dos fríos, cínicos, sangue fría que non coñecen o que antes citei, esa enfermidade como é a de padecer nervios. Persoalmente sempre perdo do meu lado, aínda sabendo que teño razón. Por qúe?, por medo a min mesmo, porque vou ser eu quén o vou a pasar mal.
É triste chegar á conclusión que un se teña medo asimesmo. Parece de risa, pero eu, o meirande inimigo o levo dentro de min, ata perdo de entrar en debates anónimos de algúns xornais, porque sei que esa noite non vou pegar ollo logo de ler as respostas.
Aínda sabendo que é pecado, un sinte envexa cando ve ao do lado tomando un viño ou un café, unha cervexa ou un cubatiña. E un sempre con tila, descafeinado e auga, toda unha vida con auga e sen padecer do estómago. Logo, toda unha vida atiborrándose de pastillas e con elas no peto para unha emerxencia. Agás que sempre hai quen o pase peor, non se pode caer en soberbia
Mais se algo me sirve de consolo é que, da mesma maneira que o polo Norte xa non é tan frío, tamén os tan fríos deixan de selo segundo lles aperten as caravillas. ¡Ai, cantos fortachóns vin chorar! A todo porco lle chega o seu San Martiño.

miércoles, 13 de abril de 2011

A ARTESA

A artesa foi durante séculos un dos mobles máis funcionais en todos os fogares humildes, pero sobre todo moito máis no rural. Esta peza de madeira de pino facía de mesa de cociña e de gardalouzas, amais da súa específica función: a de amasar e levedar a broa ou o pantrigo, cando o había, ata chegar o intre de enfornar.

Colocada ao pé do alcedeiro, estaba ao alcance da man de todos os comensales para pillar sen moito esforzo, o prato, a culler, o garfio, o coitelo, a cunca do caldo ou a caneca do viño. Rematado de comer, axiña se metía baixo a súa tampa toda a baixela empregada na comida por mor de saír axiña ao monte ou cadaquén ás súas trafegas.

Ben mirado, parecía un adianto dos modernos lavavaixelas, neles tamén se ateigan os utensilios do compango. Agora ben, mentres que este último fai a trafega de lavar a louza sen sequera estar á vista, na artesa tampouco se vía, pero xustamente escondíase por non a poder lavar. Había vertedeiro, pero non auga. Aló contra a noite, metíase toda cacharrería do día no balde fervendo da auga das vacas, co cal se obtiñan dúas funcións: aproveitar os restos dos pratos e cuncas, fungallas de broa ou patacas do caldo sobras, para despois de saír lavada deseguido amoureala de canto nunha cesta ou paxe de mimbre e logo de escorrer no vertedeiro encasillala no alcedeiro unha vez enxugada.

Máis unha das típicas funcións deste nesquencido moble, era sen dúbidas a de erguer a tapa, poñer a estanca ou coa mesma cabeza termar nela mentres se botaba un bocado ou ben xantar. Cando o facía unha sola persoa, se alguén petaba á porta, abaixo a tampa e ninguén sabía o que se xantaba, eran tempos de non contar a vida de un nin ao mellor veciño.

Ben pensado, esta función daba o sorriso, pois, co roer do comensal, e, caso de ser unha tallada de pernil, o movemento das fazulas facía que a tampa co bombeo subíse ou baixase ao mesmo tempo. Coa artesa, o alcedeiro, o vertedeiro sen auga, sen baño nin ducha nin luz eléctrica para ver, sempre chegaba o tempo para todo. E o planchar era co ferro de cinzas da lareira e de aspiradoira a vasoira de palla. Logo, a lavadora era o río que máis auga levaba e nel había liortas pola pedra de máis arriba onde a auga chegaba máis clara, cousa natural.

Parolábase ao socairo do cabanote ou no abeiro dun ribazo. Había fiadas e noites de contar contos. E os noivos moceaban sentados en col do tallo de matar o porco, aínda que ben pensado, abofé que xa tiña cabeceira polo de “matar a cousa”, caso de non haber “mouros á vista”. Sempre podía haber un velorio no Lugar de Baixo e a casa quedaba sen guardia.

Agora que non hai bois nin vacas, leiras que prantar e chousas que coller, nin todas as facendas antes nomeadas, a artesa mercada na feira de Portugal, é un adorno máis, pero na cociña do garaxe polo de non luxar a de verdade. E non hai tempo de nada coa casa ateigade de canto cachibáche sae na televisión. Ata saíu a aspiradoira sen fío nin ter que andar cabo dela.

A lavadoira traballa mentres se ve a Belén Esteban, (tamén é moi bonita e vale a pena). Logo o microondas polo de quentar un cazoliño de leite, pois fame non hai malditúnha. A roupa non hai falla de a poñer ao clareo en ningunha matigueira nin a enxugar no balcón en cordelos, xa temos a secadora. E todo traballa mentres durmimos!