viernes, 20 de mayo de 2011

A COITADA DE LUÍSA E ROQUE

NOTA:Parte dun capítulo de miña inédita novela: Carme e Corme, baseada no século XII.

---------------------------------------------------------------------------------------------
Aquela tarde de inverno, Roque pillou camiño da Aldea. O amor podía mais que a chuvia con temporal e, o baile de zanfona era a ilusión semanal. Pero antes quixo saudar aos seus tíos da Escobia e de paso enxugar os trapelos mollados.
Ao carón da lareira viu amosar á súa curmá Luísa baixando do sobrado. Namais ver a Roque estoupou en chanto: “Roque, a túa moza e o meu mozo fánnos os cornos, vense ás furtadelas. Sábeo toda a Aldea”.
Roque quedou irto, sen fala e pálido. A súa noiva, o seu primeiro amor! Se estaba cego por ela! Non, non podía ser verdade. “Si sobriño, é certo, eu mesmo os pescudei nun vello pardiñeiro de Gondomil”, díxolle seu tío Hadrián.
Saíron todos e solos quedaron os dous coitados. Xa non había baile, aínda que iso sería o de menos. Enxugáronse as bágoas coa caluga baixa. Non atopaban verbas para aquela situación. Sentados no tallo da cociña colléronse das mans sen darse conta. Como tantas veces na vida. Centos delas dende pequechos.
De socate, Roque sentío algo que o fixo estarrecer. Nunca sentira aquela sensación das mans de Luísa. Mirouna á face e no brillar das húmidas meniñas viu algo que nunca vira. Un novo destello. ¡Malia que era a súa curmá e aquilo era unha vergoña! Non, non podía ser. Sen dar pío pillou camiño das Areas entre os chuvascos de vendaval. Sempre durmía alí despois do baile nas noites de mal tempo, mais despois da coita e do sentir das mans da súa curmá quedou sen fala e abouxado.
Un mes adiante, os seus infieles ex quixeran volver as noces ó cesto, malia que nos lles valiu de nada. Pero dende aquel día, Roque era outro na casa, comezou a adelgazar e non daba pío. Seus pais estaban ó tanto de todo. Ata que súa irmá Remiña urdío de facer que seu tío Hadrián os convidaran a xantar na festa de aninovo. Para algo era muller e tamén notara algo na súa curmá Luísa.
Na mesa mesmo parecían dous viúvos sen erguer a vista para non ollarse. Rematou o xantar e Remiña falou de saír á eira naquela tarde soleada de inverno. Como tantos centos de veces que alí rebuldaran de pequechos. Ata que foron entrando á fala e Remiña foise ladeándo sen que se decataran para os deixar solos.
Sentaron ó pé da casadeira do cabazo e paseniñamente as súas meniñas volveron a brillar coma un relampo. Sen darse conta, as mans comezaron a buscarse ata entretezer os dedos: “Luísa, aquela noite…,xa sabes cal, a pesar da mágoa sofrida espertou en min un sentimento e, dende iso a miña cabeza é un desfollar margaridas por mor de saber se o meu sentir por ti é de verdade, ou ben polo desengano que os dous sofrimos. Luísa, eu …,non sei que dicirche”.
“Roque, a min pásame o mesmo, sei que somos curmáns, que moitas parellas casaron por amores coitados, unhas foron adiante e…, outras quedaron no camiño. Eu tamén desfollo a margarida nas tebras da noite e na luz do día, sabes?”.
“E ó final, que pétalo che sae, Luísa?”. “Roque, xa que faláche da margarida primeiro, dime cal é o que che sae a ti, pídocho?”
“Pois…, se ti o dis, velaí vai: Que te quero, Luísa. Pero o pétalo da túa flor tenme desacougado, eu tamén devezo por sabelo, aínda que.., vou pechar os ollos,e, se a cousa se tercia, “ollos que non ven, corazón que non sinte”.
Foron segundos tan longos que el tremía ó non escoitar nada. Ata que en vez de ouvir sentiu, sentiu a súa boca contra a del e os seus brazos ó redor do pescozo premendo. Sen erguer as pálpebras abrazouna con paixón e sentiu as molladas meixelas. Abriu os ollos e miráronse de novo ás húmidas meniñas”. “Quérote Roque, ata o fin das nosas vidas”.
Sempre foran coma irmáns e, aquel lerio dou que falar sen resollo na parroquia. Aínda que foi o mesmo, eles comezaron de noivos e agora xa se dicía: “Fixeron ben, e, os outros percales tiveron o que merecían”. Falouse das trabas que poñería a igrexia á hora de os casar se algún día chegaban a iso. Mais os prexuizos había que os deixar a un lado. A familia vendo o que lles pasara ós dous, aledouse que se sentiran namorados de verdade. Sobre todo cando vían o respecto que entreles se tiñan…, alomenos diante da familia!

No hay comentarios: