Esta é unha estampa para todos os cormeláns. Que xa os son todos, os nados e os que un día tiveron a ben facer de seu este noso Corme.
Pois así estaba hoxe ás tres de tarde a panorámica cormelán. Como vedes, ás obras da Serra están en pleno auxe. Sei de antemán o desexo de algúns que veñen poucas veces ó ano: quixeran tela así de por vida. Pero tamén teñen que pensar nos que nunca de aquí saímos, pois queremos chegar a ollala urbanizada e non criando culebras, toxos e silveiras como deica agora.
Sexa como for e no que a min concerne, tampouco é iso o que eu soñei dende hai anos. A miña idea de esa finca era a de un xeriátrico para maiores, así como tamén un hotel, lugar privilexado para as dúas cousas e entre dúas praias.
¡Pero a vida é así e que ten os cartos manda! O meu soño tampouco o verei cumprido. Só en parte. Polo menos sen silveiras e lagartos.
En canto á segunda foto dende a Arregadiña, ollamos a entrada da Ría, cos montes da Ribela e o Carral á nosa dereita. Ó fondo Laxe. ¡Hoxe non tiveron vento do nordés co cal poideron saír dar unha voltiña! A esta hora ben de seguro que estarán ós calamares no seu peirao. Pero nada, para calamares Corme.
A verdade é que se eu mandara..., íades ter nordés de exportación de cotío. E con selo cormelán, por suposto. "La mar me deixe se saías da casa".(Non fagades caso, pois sabedes que vos quero moito, moito, moito. ¡Que remedio, somos o espello de vernos de por vida!). Pero tamén nós temos que teimar co suroeste de importación, Made In Laxe.
Malia o conto, meus que estades fóra, isto é máis triste có velorio dun vello centenario. Temos unha falta de ruído total. "Dademún" a tanta tranquilidade, xa case un ten medo con tanta soidade. Sequera hai anos, aínda repicaban as campás ó sábado pola noite e logo á Misa principal do domingo. ¡Agora nin iso con tanto invento xaponés! Todo é "enlatado".
Falando disto, mirade vós onde me lembro hai pouco tempo na Coruña. Estaba eu probando un piano nunha casa de música, cando entran un cura e o seu sacristán. Piden con moita humildade que lle mostren órganos de igrexa, faltaría máis. Como non se decantaban por ningún, proveilles eu un deles. Pero velaí a cousa que o sacristán dille á empregada: "Mire usté, nós non sabemos tocar e queriamolo coa música xa feita, ou sexa darlle ó botón e namais, coma eses dúos que veñen polas festas". ¡E marcharon desgustados! Eu sentín pena por eles ó ver a súa ilusión frustrada pois, asemade tiñan cara de bonachóns e sinceros. ¡E cos cartos no peto!
E así meus, xa vedes onde eu fun parar. ¡Pero xa atopei a maneira de aledar a nosa vila: con música enlatada! Mellor dito: con ruído de coches, claxóns pitando, alboroto de xente, nenos rebuldando, as campás que repiquen e non toquen a morto, máis ruído de chimpíns etc., e isto cambearía ó cen por cen.
Porque mirade meus:Corme está senlleiro de tan silandeiro.
6 comentarios:
Vai haber que comprar a cabra e darlle as teclas dende a regadiña a ribeira para aledar algo o pobo.
Grazas José, ti busca unha cabra que o carriño e o teclas xa o hai.
Pues si ya tenemos el carrito y el organillo, solo falta la escalera y la cabra. Venga a alegrar Corme.
Unha das riquezas que tivo sempre Corme é que non facia falla unha superorquestra das que hai agora para facer festa.
Que volte as "Novas Ideas"....
la burritaaaaaaaa
La burritaaaaaaaaaa
Que tempos aqueles
Publicar un comentario