viernes, 11 de septiembre de 2015

OLA CORMELÁNS


Ante todo pedirvos disculpas por non escribirvos en tanto tempo. A dicir verdade, tiña pensado non seguir con este blog pola falta de interacción con todos os que me ledes, porque iso desmotiva a seguir escribindo. Case parece que un escribe para ninguén, pero non, alguén sempre me le.

Así as cousas, dicirvos que xa pasou o verán ¡Como se vós non o soubérades,vamos! Pasou e cén por hora, pois dende hai uns anos, falamos a muller e máis eu que o tempo agora nos pasa  voándo. Os días non teñen nada, e as semanas voan sen vento. E que dicir dos meses, cando te dás conta, outra folla arrincada. E xa logo volveremos ao nadal e outro aninovo á porta.

¡Ai, e cando eramos pequenos –agora xa imos “empequenecendo” de novo- non daban pasado os días para chegar e ser mozos!  Fun para a mili voluntario por vinte meses, xusto cando cumplin os 17 anos e pensei que nunca chegaría o intre de cumplir. E cando chegou o día firmaba por outros vinte. E velaí estaba eu de volta na casa con 18 abriles. Cando mellor estaba a cousa na Coruña dos meus soños. Cando quedei sen alento diante do semáforo fronte ó Obelisco despois do Teatro Colón. A cousa foi que viña de fronte unha bela señorita e tiven que sentarme no banco máis preto ata que me pasou o abafo. ¡Que cousas fai Deus!

Logo, nos xardíns de Méndez Núñez –o Méndez rico da miña familia, ai non- cada tarde escoitando no verán as actuacións no Kiosco Alfonso de aqueles grupos: Los Platinos; Los Duques ou Los Diamantes. E todo gratis á sombra das palmeiras. E mentres nós, os sorchos, intentando lighar chachas, aquelas marmotas que non querían vernos a dez metros. Debían pensar, e acertaban, que eramos pobres. ¡Como se elas foran ricas,vamos! Ricas non sei, pero estaban… máis que ricas. E con aquel mandiliño branco e ben almidonado. E nós veña a estar pendentes de collerlle do chan-por galano- o chupete que lle caía da elegante silla ao churumbel. Ata que cando a tiñas lighadiña, veña, cumpridos e á casa.

E de novo no Corme natal.  Chegou o tempo do namoro e as semanas eran máis longas que a Semana Santa de Sevilla ou a do Rocío en Almonte sen esquecerme da de Fisterra. O reloxo –aqueles Cauny que mercaban os mariñeiros en Ceuta, pois aquí non había- mesmamente parecía que non  andaban. Ou que andaban para atrás. E non daba chegado o domingo. E cando chegaba por fin o domingo, pois nada, que non daba chegado a noite. Malia que chegada a noite, pois nada meus, que a noite tampouco chegaba. Pero non chegaba “solutamente” a nada. Aquilo era un calvario de dor e sofrimento.

E agora ao revés: Xa pasou o Percebe, o Carme, San Roque e antonte o Faro. En nuns días aló irá os Remedios. E nin me enterei. E dentro de dúas semanas, veña a caída da folla dos árbores do xardín. Xusto cando está repletiño. Dicía eu hai unha hora cando baixaba ata o muelle: Que mágoa, agora que está a rebousar, veña a caída da folla. ¿A caída da  folla? Que frase tan cruel e despiadada!  Vós que sodes novos non sabedes o que iso significa. Pero eu si, co cal estou tamén no: O outono do Patriarca, o título da novela de García Márquez de quén acabo de ler: Cién años de soledad, por aquela peza/cumbia que tocáramos hai anos: Macondo.

Cando eu tiña  as Novas Ideas –Q.E.P.D., e que Diolas teña na Groria  moitos anos sen min, amén -sempre comezabamos con aquel tema de moda: El tiempo vuela. Pero eu non maxinaba que voaría tan pronto. E voou. Ou mellor en román/paladino/ cormellán: Voxou. Pero voxou sen haber vento de Nordés –ese que lle exportamos aos de Portozás-, nin Suroeste, a importación que nos devolven como vinganza aos de Cormelle.

Así que meus colegas, nunca digades que non a nada. Sempre que sexa cousa boa, por suposto. Disfrutade, viaxade, bailada, comede, bebede e…, e todo que remate en ade ou ede. Aínda que ben pensado..., mellor  en “ede”. Perdón que xa se me olvidou ese verbo,  xusto, xusto, xusto cando máis me lembro del, o que son as cousas. Xa o dicía Tío Xoquín do Riñote estricado coma un congro ó sol do abeiro da Solaina: “Non somos nada, e en calzoncillos menos”. ¡Canto sabían daquela os vellos!

E que sei eu que vós non saibades. Que cada día penso, maxino, cavilo –pois a cabeciña non para- que cando era pobre, pois era rico. E…agora, ai, agora non sei porqué, pero dame que é  ao revés. Xa o dicía Ciciolina nun programa da tele sen mando dos anos 70. (Disque usaba unha 120/130, dicían as mozas entendidas do Porto que viaxaban á Coruña no Ghillén cada seis meses e facían galano de ir a Saldos Arias).  ¿Por qué será? Dicía a italiana Chichiolina.
-------------------------------------------------------------------------------------------------------
P.D. E esperando algunha vosa resposta, quedo á vosa disposición. Atte

viernes, 13 de marzo de 2015

AQUELES BAILES NO MIRAMAR


Agora que un está na 3ª idade, é cando máis se vai lembrando das cousas da nenez e da puberdade. E recordo como no Miramar tiñamos no mes de decembro até 15 bailes nalgún inverno. Como sabedes, ese mes xa ten algún ano  5 domingos. Logo engadimos o día 8, festa da Inmaculada; o día de Noiteboa; o de Navidade; o día dos Quintos e o Fin de ano.

Mais non queda aí a cousa, a cousa viñan sendo “as arribadas”. Ou sexa, uns cuantos barcos fondeados na nosa Ría, e baile asegurado así fose luns, martes ou mércores. E baile gratis para toda a mocidade, que, sin móbil nin redes sociais, como se dí agora, deseguido baixaban dende Guxín;  A Aldea; Froxán e Gondomil, ou de Roncudo, Candelago e as Pedras Miúdas pasando pola Arregadiña.

E as nais achantado, xerundio do verbo achantar. E os pais mirando prá outro lado (porque televexo non había) namentres daban conta dunha torta con mel ou unhas barbadas frixidas en col da mesa. O de dar permiso, sobre todo ás fillas, sempre era cousa das nais: “Alabado sexa el Señor, dademo a tanto baile e a tanta modernía, o que unha ten que ver antes de morrer”.  “Bueno nena, bueno, vai daí logho, pero vai ben tapada e non te atente o demo a… xamentendes, que os mariñeiros ulen moito a maruxía e son moi galáns. Eo mesmo que o rascar todo é comezar, pois, despois do bico vén o crico”.

Logo, como naquel tempo non había ducha nin chacusi, en dez minutos todo mundo perfilado. Os mozos ulindo a Varón Dandi, aquela colonia coa que en vez de lighar, deslighabas. E as mozas, ai as mozas! Iso xa era outro cantar. Peiteábanse entrelas como podían, pois, a laca aínda non chegara ás cánebas do pobo, aquelas tendas que tiñan de todo. Ata facían de botica e tiñan aspirinas soltas, non como agora que hai que mercar a caixa enteira.

No entanto a trámites burocráticos para facer baile calquer día, nin o primeiro, todo estaba tramitado, non como nestes tempos modernos, pois agora para facer un baile ata fai falla un plano de arquitecto/técnico por mor se esfonda o chán do turreiro da festa. Tamén é certo que a Ribeira agora está tapando o “pozo de tormentas” como lle chaman en termos oficiais e pode esfondar, as cousas hai que dicilas.

Pero mirade vós onde eu fun parar, o tema era o Miramar e aló fun dar á Ribeira. Pois iso, que aqueles meses de nadal eran de máis festa que os días de San Roque. Aqueles si que eran invernos de verdade, ata eu fixen a miña declaración en decembro. A da Renta non, que aínda non a inventaran, a outra, xa sabedes. E que o Miramar no mes de decembro collía tal temperatura que a celme do corazón rebousaba de fogaxe.

O malo do Miramar era ter as fiestras todas abertas fronte á carretera. E alí estaban as solteironas, ollapeiras e malcasadas que non quitaban ollo das parellas. Pero sendo sincero, o día da miña declaración, aquel 20 de decembro do 1.964 cando eran as dez e vinte da noite,  nin as vin ollapeándo. A verdade (e que quede entre nós)  era que xa non vía. Non vía nin a Papiri, o da blanca guitarra (xa sabedes, o animador da Lira de Plata) mentres cantaba: Cae la nieve.

¡Ai, meus, agora xa non hai decembros! Nin día das Quintas. Nin barcos de arribada. Nin o anuncio do meu benquerido señor Manuel (Borrachón) cando dicía: “Pó próuximo domingo vai vir atuar un trío de catro”. Non, agora xa non hai baile no Miramar, o salón das declaracións. Da Renta non, xa o dixen antes, porque co Vello de Madrí non se facía a declaración da Renta, algo bo tería que ter. Que  diolo teña na groria, réquina santimpace, amén.

Perdón que me entrebicuadrillei: quería dicir que Diolo teña na Groria, pero  ao señor Manuel, o dono do Miramar, aquel salón das declaracións. Pero iso si, declaracións de amor. Mais agora que recordo, penso que temblei máis aquel 20 de decembro no Miramar, que ante a inspectora de Facenda -e tremenda moza loura- cando por culpa da Lola Flores-A Faraona, (D.E.P.-R.I.P. e que diola teña tamén na groria) pasamos tódolos músicos de España pola pedra de afilar. Esta última chegoume ó bolsillo, pero a do Miramar,  ¡ai a do Miramar…! esa quedoume para sempre no corazón

viernes, 9 de enero de 2015

CORME-ANO 2.050


Como xa me coñecedes, son un soñador, pero un soñador desperto. Un soñador que quere imaxinar, cando menos, como será Corme dentro de somentes 35 anos. Eu por lei de vida non estarei, pois, serían 105 anos e non quero vivir tantos.

Mais o que me trae hoxe, non é outra cousa que, como me veño imaxinando a nosa vila para o devandito ano, cunha entrada única polo Campo e as beirarrúas con metro e medio máis de ancho. Ou sexa, como veño vendo nas cidades que visito, onde segundo contan, así manda a Comunidade Europea. E velaí, cando por fin os nosos bares poderán por fin poñer as súas mesiñas fóra e á sombra tamén de fermosos árbores por toda nosa Calle Real.

Pero para chegar a isto, teráse que cumplir o meu soño desde neno: A carretera do muelle por Debaixo da Capilla até o Chalé, abeirando a praia da Arnela. Por ela terían entrada e saída os camións para o peirao, e sería saída única tamén para autobuses e toda clase de coches que antes poderían entrar polo Campo, ou xa por esta nova estrada.

¡Ai, meu Corme, quen te vío e quen te verá! O noso Campo, a nosa Calle Real con sombra de árbores e os cormeláns e visitantes tomando café á beira da calle ou baixo as toldillas das cafeterías. E quedará para sempre a bela historia de cando eu era rapaz: do fermoso Paseo polas noites polo noso Campo. As mozas en pandillas de cinco, e os mozos tirándolle os tellos á rapaza que lle quitaba o sono. Porque naquel tempo, as mozas aínda quitaban o sono aos seus namorados, agora non sei.

Aquel senlleiro Paseo (así con maiúsculas, pois era nome propio) era iso, único en toda a bisbarra. E agora xa non pode nin poderá ser por mor dos coches; da idade moderna; do signo dos tempos ou do cámbeo de ciclo  como din os entendidos no asunto por non saber sacarnos da crise. ¡Que cousas ten a vida, cando eu era neno non había crise nin nada diso, había sopas de broa, caldo de verzas e papas de millo. E punto!

Volvendo ó asunto do Paseo, aínda  lembro aquela novidade de cando puxeron o moderno alumeado nas fachadas do Campo. Sería polos anos 50 e, se vos fixades, aínda quedan os vellos ferros/soporte nalgunha fachada. ¡E como fardaba a xuventude cormelán pasexando desde a Casa dos Cáns até a Fonte!. Malia que non podía ser un metro máis por mor dos prexuízos, que os eran todos.

Coas mans na faldrigueira do mandil, ou ben acicalando o pano á curra, as nais facían garda nestes dous puntos, mentres falaban das novas parelliñas: “Mirade vós, non me dighades que non naceron un para o outro. Que Dios os ampare prá boas fadas”, dicían entrelas pasando a man polo queixo brileiro do preve da cea. “Prá boas fadas, si”, rosmaba entre dentes a máis retranqueira.

Namentras, a sella da auga íase enchendo co goteo da nosa emblemática Fonte. E ata iba por fóra entre contos e marmurios. Ou a bañeira do río, para levar máis auga. E logo unha berza aboiándo enriba da auga prá que non fora por fóra, e debaixo o mulido en col da cabeza. Aquelas nosas mulleres eran auténticas malabaristas coa bañeira chea de auga na cabeza.

A verdade que a mocidade dos anos 50, que recordo como se fora hoxe, o tiña mui crú: Non abondaba con 10 garda civiles, máis o cura, o médico e os mestres todos, ( e menos mal que non tiñamos alcalde nin notario) senón que tamén tiñan que dar conta as ollapeiras. A verdade que as mozas da época non se “comían unha rosca” con tanta vixilancia. Pero todo ten a súa parte boa: tampouco caían no sexto. Naquel tempo as casas eran todas de planta baixa(¿).

Aínda así, eixistía o piropo. E había categorías entre os mellores piropeiros. Aqueles mariñeiros ulindo a maruxía e o cabelo engominado chiscando o ollo dende a porta do Casino pasaron para sempre á historia. Se lle preguntas a un mozo de agora qué é un piropo, mírate con ollos de pasmo.

Pero xa me saín do guión, xa me deixei voar na noite do tempo pasado, cando o que quería era falar do futuro. De como será o Corme moderno do ano 2.050 ou finais do século XXI.

¡Ai, meu Corme, que tan velliño vou indo xa. Cando un comeza a falar do pretérito realmente chegou á terceira idade. Que tantas cousas vou lembrando da miña infancia e pubertade! Mais, vivo coa esperanza de que vou verte para ese ano que non está tan lonxe. E vereite, Corme, aínda que será polos ollos dos meus fillos, netos e bisnetos.




viernes, 28 de noviembre de 2014

PERSONAXES EN XENTE DE CORME

                                  
Dentro da rede social de Facebook, temos os cormeláns un blok, que, por chamarllo de algunha maneira leva o título de Xente de Corme. É un marabilloso invento onde os máis vellos do lugar rememoramos a nosa infancia e pubertade. Aquí atopamos de pronto, algo que vivimos, agáx que xa o tiñamos acurrunchado na noite do tempo. 

 Este é un lugar onde cada quén vai remexendo no baúl da súa casa e vai atopando fotos que xa tiñamos esquecidas no baúl da memoria. Fermoso traballo baixo a dirección dun grupo de cormeláns que tan ben saben coordinar este, para min chamado blok, aínda que penso ten outro nome. Perdoade por non saber definilo doutra maneira, pero a min isto das redes sociais xa me pilla un pouco a destempo.

Mais unhas aportacións destes días en fotos dos anos sesenta, fíxome un calafrío, sobor de todo do ano 1.967. Ese ano, que para min debía de ser o ano máis fermoso de miña vida polo feito de casarme, quedou marcado de tristura cando dous meses despois se foi me pai con 51 anos.

Por iso e por ver as fotos do cura "Peseto", que para min nunca terá outro nome e que aínda debía escribirllelo en minúscula, fíxome estarrecer de raxeira. Así o manifestei en comentarios do devandito blok, uns comentarios quizais fóra de lugar, malia que non poiden evitalo.

Tamén nas mesmas fotos aparece a tristemente célebre mestra que apodarei "Calígula" por evitar tratala de dona. Xa sabedes de quén falo, a mestra máis mala que pasou por Corme. Pero  nunca se debe  xeneralizar cando que houbo e hai, mestres que profesión aparte, son belísimas persoas. A excepción non fai a regra, como todos xa sabedes.

Como dicía sobor do crego Peseto, debo confesar a loita que tivemos na Asociación de Veciños para fuxilo da nosa vila. Cobraba ata pola auga bendita, por resumilo todo nesta sola frase. Aínda que en Xente de Corme digo que me cobrou o enterro de meu pai dúas veces, non foi esa a desencadenante da trifulca en prol de facerlle a maleta.

Tivo o cinismo de dicirnos, á directiva da Asociación, que: "Mis 12 años de carrera me permiten vivir mejor que ningún obrero". Coido que con isto xa queda todo dito do tal persoaxe, que Deus o teña na groria, aínda que non é o seu lugar.

O senlleiro práceme de gusto que nos deu á vila de Corme, foi cando baixando as escaleiras do adro para a rectoral, resbalou no verdín do patio e partío as dúas pernas. Ou sexa, que tan agarrado era que nin pagaba a ninguén para limparlle escaleiras e patio. Foi, reitero, a única ledicia que nos ofreceu na súa longa estadía.

Logo queda a inesquecible dona "Calígula", da que tamén fago referencia dicindo que a miña nai lle cortou o pelo a rape cando ía á súa escola. Maís dona Calígula tiña os seus intres bos, non era tan fríxida como pensabamos os cormeláns.

 Así, e en máis dunha ocasión e nas tardes de solsticio, pasexaba deica á praia da Ermida. E contaban as linguas oficiais da época que alí, e ó socairo e á sombra dos pinares, tiña desfogos efervescentes e fisiolóxicos  cun colega tamén solteiro, pero non capado. "Ai, Rosendo, que cosos teneis los hombres", xadeaba no intre do aquel de aquelare, mentres os rapaces do pobo escoitaban e espiaban entre toxos e xesteiras ou en col de algún piñeiro termando na macana das pinas.

Don Peseto non, nunca del se falou. Coas mulleres era un home moi casto, o del era o carto. Para o seu desfogo abondáballe coas confesións. Para don Peseto somentes había dous Mandamentos da Lei de Deus: O Sexto, cando as parellas que nos íamos casar nos axeonllábamos pé do confesionario. E o Séptimo, que era o que a el lle quitaba o sono da noite.

E como digo en Xente de Corme, que Deus os teña no Purgatorio. O Ceo non é prá eles e o inferno é moi quentiño para xente vella, sería moita bicoca para estes dous exemplares. Así logo, o Purgatorio é o seu lugar, un lugar de almas cándidas e solteiróns forrinchas e malas pécoras coma estes dous. Falan que seica se vive eternamente. Pero iso si, cheos de frío e nin caldo. "Que bién se vivía en Corme, don José. Ai, no me lo recuerde, doña Maruja".

P.D. Que Deus mo perdoe como cristián que son, pero non podo evitalo. Son dous personaxes tristemente inesquecibles na historia de Corme do século XX. Amén.




viernes, 14 de noviembre de 2014

VELAÍ VAI O NOSO XARDÍN


Non, non vos asustedes, o xardin está no seu lugar, ou sexa, onde sempre estivo: Na Estada, en col do Río dos Pulpos e das laxes da casa do crego.

O que eu quería dicir, ben sendo que quedou rapado. Mesmamente ao revés dos homes que se rapan na primaveira, aos xardíns fanllo no outono. Ou como cando iamos á mili: Ao cero. Xa dicían as vellas panillando ao solpor do sol de inverno cando eu era rapaz: O mundo está ó revés. E batuanón a Deus que non ían moi fóra de razón.

E non hai direito meus, durante todo o verán ata servío para que as parelliñas novas comezaran a facer cochegas. Nas máns, non, e nos pés tampouco, senón por onde cadrase, pois por algún curruncho hai que ir comezando.

Como supoño que estaredes pensando que isto sucedía á sombra dos plataneiros e arrumacados en col dos bancos do xardín, teño que dicirvos que non, que estades equivocados: Agora as parelliñas de tórtolos novos, ou sexa, de púberes, agatuñan árbore arriba e aló se acomodan no medio das ramalleiras cando o sol desaparece trás do monte do Carral.

A verdade que isto ten un romanticismo que na miña vida imaxinei, e mirade que son cavilador. O mesmo que os paxariños que fan os seus niños na copa dun árbore, agora  ben a moda de facelo os raparigos. E velaí onde fan mal, estorbarlle ás golondrinas, merlos e demais familia. Non hai dereito, nenos, a cadaquén o seu lugar.

Mais a envexa que me entra e me fai sentir máis vello, vén sendo por dúas cousas: A primeira, como faría eu para subir ao árbore agora con 70 anos?. E a segunda: Que pintaría eu coa miña patrona estortorado entre pólas, ramalleiras e milleiros de follas.

Pero a cousa non queda aí, meus, para o verán que ben, e cando as flores e os árbores florezan de novo, ei pillar unha escaleira e convidar á parienta a subir. Subir para imaxinar como sería se agora foramos uns púberes. Iso ten que ser unha gozada nas estreladas e silandeiras noites de verán. E ao rechouchío dos paxariños por quitarlle a súa pousada cando lle era moita hora de ir para a cama. Ou sexa, ó niño que tanto traballiño lle custou facer a seus pais. Porque os paxariños aínda teñen pais, de momento aínda non lles fan a "facundación no vitro" ás paxariñas. Dademún a tanta modernía, dicían as nosas avoas amalloando o pano da cabeza á curra.

Malia que a culpa de todo isto a ten o concello: ¿A onde van subir agora as parelliñas para arrumacarse?. Despois queren os nosos políticos que haxa casamentos e veñan criaturas a este mundo. Tamén hai que darlle oportunidades, señoras autoridades, pois, agora non hai salón de baile nin discoteca onde roubar un bico. Siquera un biquiño, que por algo hai que comezar. Aínda que agora que me acordo, dicíalle unha nai a unha filla cando comezou cun mozo: "Filliña, ten cuidado que... trás do bico vén o crico".

Así que señor teniente de alcalde do virtual concello de Corme: Que sexa a derradeira vez que manda vostede podar os árbores do xardín. Xustamente cando máis frío fai, as parelliñas  non teñen onde acougarse. Logo quere vostede ter vodas, pois, agora e asegún me enterei polas linguas oficiais desta vila, tamén lle fai competencia ao crego. ¡E sen pasar polo seminario maior nin tan siquera polo menor, que xa é dicir!. O que un ten que ver antes de morrer.

jueves, 25 de septiembre de 2014

OS REMEDIOS, UN DÍA FELIZ


Ola meus: Despois de tanto tempo sen escribirvos, tiña que ser a química musical de onte coa miña banda na festa dos Remedios, a que hoxe me dira pulo para porme a teclear.

Pois iso, que onte tiven un día feliz por poder tocar no meu pobo, un pobo no que sempre me chaman, pero por compromisos adequeridos de antemán noutras vilas da comarca non podo aceptar o de tocar en Corme tódolos anos.

A verdade que non atopo verbas para transmitirvos a ledicia que pasei cos pasarrúas e máis tarde coa procesión percorrendo todo o pobo. E que dicirvos das pezas de "volta da misa" como se adoita dicir, algo inesquencibel. Soubéronme a pouco, estaría unha hora máis, agáx que a orquestra tamén tiña que facer a súa labor e o reloxo non para.

Hai aplausos e aplausos. Velaí onde os do pobo que me viu nacer me saben a máis, sen menosprecio das demais vilas onde tamén me criei de rapaz. Somentes sinto que os nosos cormeláns ausentes non estivesen ao meu redor, pero son datas de colexios e traballos que non perdoan as festas en días de semana.

Así foi como no pasarrúas/alborada por todo Corme, a maior parte das fiestras estaban pechadas. Xa non estabades todos. E vós sofrindo na vila e eu sofrindo por non ver o voso sorriso pola Paxariña, a Riloa, a Fontiña, o Gafote, a Arnela, O Campo, O Río da Roda, a Calle, a Ribeira ou Debaixo da Capilla.

Pero unha das cousas que máis me estarrece é o de tocar o Himno Galego diante da nosa Igrexa, cando o Alzar da Misa. E logo veu na procesión  polo Río da Roda (onde mellor soa), A Saeta, de Xoán Manuel Serrat, que eu arranxei para a nosa banda, algo que fai estarrecer.

E así foi, meus, somentes quixera con estas verbas facervos sentir aos que non estivéches como foi a festa dos Remedios en un día de auténtico verán. Ou sexa, facervos sentir a ledicia que eu pasei tocando no noso Corme, onde xa me contrataron para o vindeiro ano. Saúdos. E grazas a todos aqueles que me diron o seu práceme sen esquecer os aplausos que foron de tódolos presentes.

martes, 22 de julio de 2014

FESTAS DE SAN ROQUE DO ANO 1.903


No antigo diario El Noroeste de A Coruña e por medio do seu corresponsal en Corme, aparece publicado textualmente o 24 daquel més o programa que deseguido escribo.

Programa de las Fiestas, que en honor del Glorioso San Roque, habrán de celebrarse los días 29,30 y 31 del corriente.

Día 29: A las 12 de la mañana, un repique de campanas y el disparo de 21 bombas, anunciarán el principio de los festejos. Por la tarde solemnes vísperas en la parroquia que estará suntuosamente decorada. La tradicional velada que se celebrará a las 8, será amenizada por la Rondalla de Candelago, elevándose globos de diferentes tamaños con profusión de fuegos de luces, terminando a las 12 con el disparo de 30 bombas reales.

Día 30: Salva de bombas a las 6 de la mañana. Seguidamente las músicas y gaitas del país saldrán a recorrer el pueblo ejecutando alegres dianas y alboradas.  A las 11, solemne Misa a grandes voces y orquesta con sermón a cargo de un orador sagrado. Terminada la Misa, saldrá la solemne procesión con vistosas imágenes recorriendo las calles de costumbre. Durante el trayecto, inmensidad de voladoras cruzarán el espacio, disparándose un sorprendente cubo al recogerse la procesión.
Por la tarde, baile y cucañas en la plaza, regatas en el mar de bucetas, gamelas y chalanas a las que se le adjudicarán valiosos premios honoríficos y de relativo valor.
En obsequio a los forasteros y costeadas por el comercio, se establecerán gratis grandes vistas en el Carral de 3 a 6 de la tarde. A las 7, exhibición de cuadros vivos en el salón Crúz. A las 9, gran verbena con iluminación a la veneciana, en la Calle Real, amenizada por los músicos y rondallas. Durante la velada, se quemarán vistosos árboles de fuegos, elevándose a intervalos grandes globos hasta las 12, hora en que terminará con el disparo de 40 bombas  y la ascensión de un globo colosal.

Día 31: A las 7 de la mañana, bombas de palenque y dianas y alboradas como en el día anterior. A las 11, Misa solemne y procesión. A las 3 de la tarde, paseo de moda en la Calle Real amenizado por la música popular. A las 5, gran baile campestre en la Arnela, cucañas en la Plaza, vistas sorprendentes en el Carral y peleas de gallos en la Ribera. Todo amenizado por las músicas populares  y gaitas del país. A las 7, cuadros vivos en el salón y certamen de acordeones en la Plaza. Por la noche, iluminación y verbena con música, y fuego de cuerda y artificio representando un simulacro naval, terminando a las 12 con una retreta ejecutada por la música popular; bombas de palenque y elevación de un globo cautivo.
La Comisión, agosto 20 de 1.903.


E así amigos, dentro de outros cén anos, quedarán abraiados os nosos descendentes cando lean os programas que na actualidade temos. Realmente a min, isto faime chorar por matinar como foi aquel noso Corme.