lunes, 24 de enero de 2011

CORME: FIN DE SEMANA



CORME: FIN DE SEMANA
Algunhas vilas pretas das cidades van tomando o nome de cidades dormitorio, e, velaí onde hai tempo veño maxinando que a nosa vila tamén será ou mellor dito xa o é, unha máis. Pero non, non quero que a nosa se chame dormitorio, pois, os nosos cando veñen a “finde” -como se dí agora en abreviatura moderna- non veñen durmir senón facer que non durmamos os residentes de feito.
¡E canto nos tardan os venres para escoitar un pouco de barullo e batifondo, eu ata penso que nos tarda o mesmo cá eles, os cormeláns/coruñeses, ou viceversa que tanto monta! Casemente caberían apostas polo de saber a quen lles tarda máis o venres. Somentes con verlle a cara de ledicia namais aparcar o coche, ata mesmo parece que lles medra o peito. E a nós con eles!
Son sen dúbidas os sinos dos tempos, a día de hoxe é unha hora escasa o routeiro deica á capital. Menos a min, que, nin indo pola autopista, segue levándome hora e media. Que lle vamos facer!
Mais centrándonos no tema que dá título a este artigo, dende hai uns anos Corme vai tomando unha nova forma de vida acorde cos tempos actuais: Traballar na cidade, onde están as industrias e, logo manter as raiceiras co pobo que todos levamos dentro. Logo, da mesma maneira que durante a semana o pobo queda triste e cheo de soidade, outro tanto ocorre á inversa na cidade,pois, dende os venres aos domingos na tardiña baixa está valeira.
Pero non sabedes a miña malicia a este respecto: Ata desexo que A Coruña quede sen ninguén pola raxeira de levar aos nosos cormeláns. Xa sei que o mesmo sucede en todas as vilas da costa e de terra adentro por mor deste mal endémico que é a falla de traballo, pero a min solo me importa a miña vila.
Malia que eu tamén son vítima de min mesmo, pois, cando algún domingo vou escoitar concertos no Pazo coruñés, á saída atópome sen casemente ter onde xantar e practicamente as rúas desertas. E dígome entoándo o mea culpa: Así aprendes, pecador, a báscula non pode caer para os dous lados, se están no pobo non poden estar nos Cantóns e, se a ronda de chiquitos chega dende a Ribeira á Arnela, non poden estar na rúa dos Olmos.
Así as cousas, xa non sei quen sofre máis das dúas partes: Eles ou nós. Aínda que ben pensado, son eles quen teñen que andar de acó para aló mentres eu durmo na mesma cama quente toda a semana. E penso neles: Como a atoparán o venres con esta friaxe?. Agora con isto do panel informático ata estarrezo cando leo na pantalla que estamos a seis grados ás catro da mañá. Menos mal que non son baixo cero!
Ata o venres, meus. E facede moito, moito, moito ruído. Estamos cansos de tanta tranquilidade. O malo é o domingo, cando marchades coas pilas cargadas do ar da nosa brisa e o rezume da nosa Ría. ¡Ai, canto nos tardades!

domingo, 16 de enero de 2011

NA LEMBRANZA, CORMELÁNS




Esta é unha de tantas fotos coas que paso horas ollándoas e intentando saber cales dos presentes serían os meus ancestros. Sen dúbidas é de primeiros do século pasado, antes, casemente imposible por falla de fotógrafos e cámaras. Canto daríamos todos por coñecer a algún deles!
Pero unha das cousas que máis me chama a atención é a seriedade coa que están pousando, como se de algún xeito intuísen que nós, os seus descendentes, teimaríamos anos despois por saber quén eran. De calquera xeito, sen dúbidas entreles estarían os nosos bisavós ou quizais os avós que xa coñecimos, aínda que sendo nenos, por suposto.
Mais se nos paramos a pensar, dentro de outros cen anos os nosos bisnetos dirán outro tanto con respecto ó pobo que logo coñezan, aínda que eles xa terán milleiros de fotos e vídeos para saber quén eramos os seus devanceiros.
E aí está a Calle como referente do noso Corme. Como podemos observar, xa había casas con dous andares, ou sexa, que para eles, os da foto, xa era un Corme moderno aínda cando non coñecían a luz eléctrica nin tiñan máis liña á Coruña que a típica carrilana de cabalos.
Corme era unha das mellores vilas da Costa da Morte, pero o mesmo que as outras: Malpica, Laxe, Camariñas, Corcubión, Cee ou Fisterra, sofrían as mesmas carencias. Non había adiantos e a mellor comunicación era sen dúbidas por mar, grazas a iso, o noso pobo aínda foi dos mellores por mor da flota de cabotaxe na que sempre fumos en cabeza.
Que logo pasa o tempo, pois en certo modo aínda recordo moitas das casas tal e como están na foto! E só teño 66. Mellor dito a tiro dos 67 para o 7 de febreiro. E xa escoitei hai cinco anos chamarme “anciano”, así como ledes. A verdade que aquilo deixoume apabullado. E aínda non estou xubilado. Nin penso facelo. Os artistas non entenden iso de xubilarse. Xustamente agora que un ten o caletre ateigado de máis sabiduría e coñecementos vai poñerse a esperar que toque a campana!
Velaí lembrando a campá, onde os da foto escoitaron a mesma ca nós. O mesmo ledo repique os días de festa e por lei da vida o triste toque de tanatos, algo que naquel tempo érao máis a miúdo por falla de adiantos médicos. Quizais a media de idade dos da foto, seríao de 60 anos ou pouco máis. E verdadeiramente si parecían vellos ós 40 coa boina ruza e a vestimenta remendada ou acarunchada.
Triste é o pensar que naquel tempo morría calquera persoa moza por unha sinxela apendicitis ou un catarro mal curado. Pero non había nin aspirinas. Sigo e seguirei ollándo estas fotos, as do Corme dos nosos devanceiros. O reloxo quédame parado, pero o tempo váiseme nun intre mirando esas cariñas de tenra duzura. E penso neles, que me trouxeron á vida pasando tantas penurias e pobreza: Que Deus vos teña ó seu pé, cormeláns.

sábado, 8 de enero de 2011

A QUÉN MIRABAS, TROMPETA?

A quén mirabas, trompeta?...a Vidal non, dende logo.
----------------------------------------------------------------
Na foto de abaixo tiña dezasete e nestoutra cumprira os vinte. Foi tomada á beira da Capela do Faro o oito de setembro de 1964, cando pasou Vidal coa súa cámara e díxome no seu castelán habitual: “Susito, mira para esa chica y sonríe a la cámara”. E vaia se sorrín, pero non á cámara; á rapaza. Facía falla ser parvo! Aínda que ben pensado quedei un pouco aparvado e de Vidal esquencínme. Cada un atendío ó seu, el metío a cabeza debaixo do pano negro e eu estaba negro debaixo da visera da banda. Ata que o brilar do flás fíxome volver en min. Non foi que eu durmira, mais ben foi que quedara apabullado retratando á rapaza. E sen cámara, non me fixo falla.
A foto do trompetista quedou plasmada en papel de retrato. A da bela rapaza quedoume plasmada no corazón. Non fixo falla papel. Non sei se foi por non atender á misa da Santa no Ara da cara Sur ó ar libre, ou o condenastro de Cupido ceiboume unhas frechas coa puntería de Robin Hood, pero aquela tarde na festa da romaxe, malditúnha partitura vin no atril en col do vello palco de pedra. Tampouco me lembro se din sostenidos por bemoles ou corcheas por semicorcheas. Pero non é para tanto, pois, ó fin e ó cabo: Do sostenido ou Re bemol henarmonizan entreles.
E pensei mentres a ollaba bailando: Que ben henarmonizaría eu con esa rapaza, ela poría os bemoles e eu os sostenidos ou viceversa, pois o factor non altera o produto. Iso dí o refrán, porque eu estaba máis cá alterado e cabilando no factor para chegar ó produto. Tan alteirado estaba que case sentía celos cada vez que un mocete a sacaba a bailar. Como se xa fora miña, vamos! E ela sen saber nada!
A parella da Garda Civil, como era costume, fixo sinais a meu pai co dedo índice: "Una más y andando que és gerundio". E o meu, Q.E.P.D., mandou poñer no atril para rematar aquela xota titulada: “Ista é a miña”. Non sei porqué, pero coido que mo fixo adrede, pois, durante a actuación nin a súa batuta ollei. Pero el olloume a min, que non verá un pai!
Acabou a romaxe e pensei en subir á Capela para darlle a volta á tella por mor da sorte. Pero non, o meu non era cousa do vento, estaba un serán de calma chicha. Ollei á Santiña antes de pillar camiño rilleira abaixo polo atallo da Agra de Portas e mandeille un bico procurando a súa axuda. Sempre nos lembramos dos santos cando fai falla, logo, pois, ata logo. Mais o bico dou resultado! A Santiña fíxome brilar as meniñas cando no esqueiro da baixada e uns metros diante miña, velaí viña ela, a rapaza coas amigas.
O derradeiro sol do Fusco e o Lusco fundindo no mar de Camelle, deixaba entrever a súa silueta no medio das compañeiras. Na curva das Cacharras de novo xirei a caluga e con outro biquiño pedín perdón á Santiña por non ir á misa. E pensei para min: “Se as cousa saen ben, para o ano hei vir á misa, miña Virxe do Faro”. Mais de pronto Ela, a Virxe, faloume baixiño: “Ai si, ou sexa que se a cousa se traba esquécetes de min?, pois por desagradecido e mal devoto, hoxe non a ves máis”.
Abraiado e pensando que me estivera ben, ollei á carretera e xa non estaba no medio das amigas. De novo volvin a cabeza cara a Capela e un calafrío fíxome estarrecer naquel serán de abafo. Pero a Santa xa non estaba alí.
Aquela noite non durmin, pero hai noites que ata non sofres por non durmir e, esa foi unha delas. Ata quixen rezar, como cando era pequeno, pero abofé que xa me esquencera ata da Santa María. Coa bombilla apagada soñei esperto e as pálpebras erguidas cal ollo avizor do mariñeiro en alta mar non foron capaces de pecharse. Dende aquel mencer comecei a desfollar a margarida e sempre me saía a boa, a do si. Ata que desfollei o utópico xardin enteiro. Tamén chegara o outono, os labregos terminaran a esfolla das espigas e o millo ateigaba os cabazos, as cousas como son.
Un domingo de mañá, tres meses e dezaseis días despois collin camiño do Faro. Escudriñei ó meu redor e sen verme ninguén, polo lado Norte, virei unha tella, recei un Nosopai e non sei cantas Aves Marías. Non me saíron aló moi enteiras, pero iso si, ían cheas de moita, moita, moita devoción pola conta que me tiña. De pronto, o vento cambeou e cos nervios din un Nome do Pai coa man esquerda mentres comezaba a baixada co Nordés de popa. E dixen para min: Ou hoxe, ou nunca, a Santa xa puxo a súa parte, agora "tócame" poñer a miña. A esta moza hai que "tocarlle", pero na celme do seu corazón e..., sen trompeta.

martes, 28 de diciembre de 2010

AS COUSAS SON COMO SON, NON COMO ERAN



EU NA MILI
Cando os máis vellos falaban de 50 anos atrás, eu quedaba apabullado en tal oír. Mais, velaí pasaron dende esa foto. Tiña eu 17 cando enchin a maletiña por min feita -e que aínda conservo- para irme voluntario facer a mili. Ou sexa, a senlleira maneira de poder estudar na Coruña. Vinte meses que pasaron voando na Banda de Infantería onde me chamaban o neno.
Que ledicia e doada foi esa etapa. Aínda nesquenzo as tardiñas ligando ás chachas nos xardíns do meu ancestro parente Méndez Núñez. Había que estar ó loro, para, en canto lles caera ó bebé o axouxere do carricoche no chan, alí estabámos nós para entregarllelo cal flor de galano na man da bela moza. E abofé que, paseniñamente un día tras doutro íanche entrando á fala, en castelán, por suposto, aínda que ó final eran de Baio, Sta. Comba ou Coristanco, ou sexa, da miña bisbarra. Canta ilusíon a esa idade! E xa pasou medio século, coma se fora unha virandoira.
Véxome no retrato e quedo mirando se realmente o son, casemente non me lembro del, dese rapaz que o mesmo cá todos quería comer o mundo. Facía proxectose e pensaba como serían os seus descendentes, o seu porvir, o seu fado. E soñaba, soñaba esperto cheo de ilusión. Porque naquel intre só era fillo e a cuestión é ser pai, velaí a diferenza. ¡Que fácil é ser fillo!
Pero non, o home propón e Deus dispón. Hai unha nova frase en prol dos acontecementos diarios onde os xornais subliñan de cotío: “A realidade supera á ficción”. Pois si, chegamos a unha etapa na sociedade, onde esta frase fíxose certa, case parece virtual.
E soñaba, soñaba eu que a min nunca me pasarían esas cousas, esas novas que cada mañá saen nos xornais. Pero eramos moitos a maxinar o mesmo. Os que as “levamos” dos nosos devanceiros e agora; agora de esa xeración da cal nós seremos os seus devanceiros.
Vólvome a ollar no enrrugado retrato e penso: “¿Daría algo por verme de novo con esa idade?”. Non, dende hai un tempo coido que xa estivo ben abondo. Como di un vello refrán, porque a vida compónse de refráns: “Xa non é capote”, din os da terceira idade, ou sexa, os da miña. E éche ben certo, para volver a pasar polas mesma coitas, non.
Sigo soñando esperto e maxino quén vivirá nesta miña casiña no albor do século XXI, sen ir máis lonxe. E arrepío ó pensar que xa estará de novo edificada e os seus donos non levarán o meu apelido. ¿Quén estará neste currunchiño onde neste intre escribo estas liñas ollándo á Fonte do Campo?
Pero a mágoa que máis me doe, é, a de pensar nas miñas chilindradas que dende neno gardei e cos anos fun xuntando. Logo, todo canto escribin e compuxen. As miñas cousiñas sen valor real, pero todo el sentimental. E penso, porque son un pensador nato, como todo irá ó contedor do lixo.
Cando vou ó Punto Limpo, sinto un calafrío vendo o que a xente verte no camión, os recordos de toda unha familia. Pero iso si, nunca se viron cartos, eses non estorban nin dan pesadelo. Aínda que ben pensado, a familia, ese sustantivo feminino, deixa claro que é maternal. Que fermoso adxetivo pertencente á nai!
En canto a proxectos, van quedando no vello e utópico baúl dos recordos! Dicía eu hai uns anos: “Ei pillar o coche e dar a volta a España coñecendo todas as súas capitales de provincia”. Pero o baúl vai indo ateigado, todo nel foron banales soños, xustamente por soñar esperto. Soñar é malo incluso durmindo, unha fantasía cal brétema das mañás que se esfuma coas primeiras raiolas.
Son as doce da noite cando remato estas ringleiras, escribiría deica mañá, pero…, tantoten. Pillo o retrato e con el na man óllome no espello. Non, eu non son ese, ese púbere estaba cheo de ilusión e…, o do espello xa non ten ningunha. Non o coñezo de nada. Abro o meu secreter, collo a carteiriña que aínda gardo da mocidade e, o seu vello e varolento recendo faime voar na noite do tempo. Meto de novo o retrato e aperto as pálpebras para termar que das meniñas non escorran bágoas polas meixelas. As cousas son como son, non como eran.

martes, 7 de diciembre de 2010

A NOSA ESCOLA



Esta era a nosa escola, por chamarllo de algunha maneira. Non, o local era bo con forza, na calle Real, soleado e con vista ó mar, xusto onde hoxe está a farmacia. O problema era a "problemática":Unha enciclopedia moderna, "mellor non meneallo" e logo: Las cién figuras españolas, propiedade estatal. Pero ningún enfermou da columna co peso do "material escolar" nin facía falla mochila/carrito, unha libreta e unha pizarra en cachos cabía no mesmo peto.
De ningún xeito tiña culpa algunha o mestre D. Modesto, non, el ensinaba o encomendado. A verdade que me dá arrepío ver esta foto, sobre todo cando penso como saímos á vida, ou sexa, mundo arriba. Menos mal que a ignorancia é boa compañeira e así fomos "tan felices de infelices". Tiñamos un bo horario, todo hai que dicilo, de nove e media á unha do mediodía e un recreo pola praia da Arnela que xa quixeran para eles os madrileños de Madrid.
O retrete era na mesma carretera onde hoxe está Caixa Galicia, e, á falla de auga non había que tirar pola cisterna. Tampouco tiñamos papel hixiénico, un cachiño de periódico facía a mesma labor sen gastar o que non había. Ou ben un xeixiño do mar!
Anos adiante viñera aquel leite en polvo. Fora un invento novo e pasábamos a mañá entre ferver a auga e remexer o polvo ata que saíra o leite. (Non pensedes mal que maldita mentira digo). O que é gustoso, non estaba aló moito, pois, como che tocase o vaso cheo de bolos xa a tiñas clara, perdón, espesa.
-----------------------------------------------------------------------------------------
As"sinaturas", eran: Música, cantábamos o Cara el Sol máis Montañas Nevadas e aquilo era unha gloria desfilando desde o Alto da Costa por todo o pobo. Ás nosas nais que estaban pelando as patacas para o ghisiño e coas mans luxadas baixo do mandil, caíalle a baba. Tamén é certo que nos veu ben, pois, os rapaces de agora non saben cantar nin desafinando, que é xerundio, (ai, que palabras eu fun aprendendo de vello) , os rapaces modernos cantan todo nunha nota sola, ou sexa, rosman. Disque é bacallau ou rap, que malditún sei o que é iso. Daquela o bacallau nin ulilo ata o día de Noiteboa. Así que todo ten a súa parte positiva, dígoo polo de cantar.
En "Idiomas e Lengua" falábamos castelán e quixera eu que nos escoitárades:"D.Modesto, este niño peghóme por debaxo del prupite". Pero tiña a súa parte positiva á hora de embarcar. Nesta sacábamos un sete, pois saía un pouco chapurrado.
En Relixión tiñamos escola os sábados, non como agora que van de marcha, nós ós sábados toda a mañá catecismo. Aquí a nota era un dez de media.
En "Educación" outro dez, pois tiñamos moita práctica pola calle: Bos días ós mestres, ó cura, ó médico, ó practicante e ós once gardas civís do Cuartel de Corme. E logo despois a todas as súas mulleres, menos a do cura, por suposto. Mirade vós o que é a vida que, cando subín facer a mili voluntario ós 17 anos, no primeiro permiso que tiven atopeime na Fonte do Campo co novo médico do pobo. E non sabedes que fixen?, institivamente foime a man e saudeino militarmente. E iso que estaba sen a visera de sorcho.
No entanto a Deportes, eran os deberes para a casa e non tiñamos aló gran cousa nin estrés de exame trimestral. A "sinatura" de "Deportes" era ir carrexar correada da Ribeira ou da Arnela ata a Pedragueira ou á Atalaia. Despois ó estrume para o esterco, poñer as patacas, ir á fieita para o porco e as galiñas ou ás carolas ata Serra. Ben mirado tampouco era tanto, pois, aínda había tempo para andar a pedradas os de Ghivaje contra os da Riveira. Velaí onde sacábamos outro dez!
En Ortografía non había queixa, dicían algúns que tantotiña Betanzos con be ou con uve, soaba o mesmo. Pero nesta e como moito, un tres con cinco.
En Mate, esa que tanto lle tremen os rapaces de agora, facíamos as catro reglas sen fallar en ningunha en especial. Ata facíamos a"regla de tres" e o mestre"axudábanos"moito, moito, moito. A media xeral era: de xeonllos e cunha enciclopedia en cada man media hora.
Ai que me esquecía, aínda me falta iso de Ciencias, a ver se algún día me lembro delas e vos paso o apunte. (Penso que esta era a ciencia de saber cando entraba o mestre e nos pillaba rebuldando).
E paréceme que solo me queda a de Letras, aquí non era riqueza a boa letra que tiñamos, os mellores como moito un cinco con oito.
Tamén tiñamos unha especial que agora non dan nos colexios, era a de Redacción, unha carta á futura moza o día de mañá e comezaba así: Esperando te encuentres bién al recibo de esta...etc., para logo despedirse con aquilo de: Tuyo que lo soy..., e estábache ben esa "sinatura", era á que máis atención se lle poñía.
P.D. Esquecíame dicirvos que daquela non había a "sinatura" de Galego, esa xa a falábamos o resto do día.
------------------------------------------------------------------------------
Na lembranza dos compañeiros que faltan da foto e do mestre D. Modesto.

domingo, 7 de noviembre de 2010

CARTA ÓS AVÓS DA FOTO ANTERIOR





CARTA ÓS AVÓS DE ABAIXO

En Corme a 6 de outubro de 2010.

Ós nosos avós da foto de abaixo no petón do Cachafeiro, a Riveira.
O Ceo, s/n, ó lado de Deus Pai.
Queridos avós: Na procura que vos atopedes á destra de Deus Pai folgando das penurias e traballo que tivéches acó abaixo, quería eu con esta carta contarvos un pouco como está o voso pobo cen anos despois da foto que sacáches nas pedras da Riveira. Namais vervos nese retrato, non o dubidei e dixen para min: “Que máis quixera eu dentro dun século, ter alguén que me escriba e ver ó meu Corme!”.
No retrato adxunto, sacado tamén un día de festa e no mesmo lugar onde vós estades, alí comezouse o primeiro peirao, o do Cachafeiro, e logo foise alongando que xa case chega ó medio da ría. Pero mirade como é a cousa, agora que temos peirao, non hai aquelas ducias de barquiños que fondeaban na nosa ría. O conto de sempre.
Veredes que hai moitismas casas, pero total quedamos catro, os demais foron indo uns trás doutros. (Os galletes que hai nos tellados, son antenas das televisións que logo vos falerei). Ollade o xardin, está mesmo riba da Praíña do Pulpos e máis arriba a Igrexa, dimoslle a volta co campanario cara o noroeste. No monte entre a Arnela e o Osmo, ata nós pasmamos co que alí fixeron. Xa non hai cola na Fonte do Campo, agora a auga chéganos á casa e, veña a ducharse dúas veces ó día, xustamente cando non se dá pandolada.
E os adiantos, iso xa non ten xeito: A televisión, un caixonciño para ver cine na casa, coma aquelas películas que o Tarugo poñía na Calle despois da comedia; nevera no lugar da fresqueira; lavadora e enxugadora, agora as mulleres non van ó río de Riba, ó Perillán nin tender ó clareo; aspiradoira, móvese coma un porco espiño e barre sen vasoira; o butano, un gás que fai lume co cal xa non hai lareira nin hai falla de ir ás carolas. Logo está o teléfono, antes con cable e agora xa sen el, un invento para falar sen que te vexan e quedar coa moza sen ver a cara do pai.( Noutra carta escribireivos do resto dos inventos, pois cada día hai un máis novo).
En canto a viaxar, agora hai coches á Coruña catro veces ó día, sen falla de arrumbarlle, como tiñades vós que facerlle á carrilana nas costas arriba. Logo hai uns paxaros de lata con ás, e voan!, chámanse avións e chegan a Bilbao nunha hora, aquel porto ó que íades con corenta toneladas de costeiro e vos levaba quince días. Ai, cando entrabas de arribada en cada porto unha semana e moceabas e troulabas arrufados para esquecer as penurias do mar. De aí veu a lenda dos mariñeiros: En cada porto un amor. Sorte que o cura aquel, cando vos confesou pasóuvolos por veniais, senón…! (Tamén tiñades a oblata ó día, as cousas como son).
Mais, non vexades como é a vida de mariñeiro actual. Agora navegan en barcos de miles de toneladas, e cada un deles ten o seu camarote coa televisión esa e a ducha. E de vacacións cada dous meses. Pero tampouco é coma antes, atracan ó peirao e saíndo ás dúas horas. E nada de amores en cada porto, non teñen tempo, pero a verdade sexa dita a cousa ten arranxo, pois, de seguido saen elas voando, voando no avión ese, e, aló se prantan en Barcelona en dúas horas. Xa Deus goberna!
A dicir verdade, (sen que se enteren elas) as mulleres tampouco teñen moito tempo de nada con tanto ir e vir. Á perruquería, ó chacusi (un balde grandismo con 30 billas xiringando auga por todo o corpo) e a un solarium, outro tareco que as pon morochas, antes tiñan que estar esbrancuxadas, xa vedes. Así que con tanto trafego non dan feito e ata chegan á misa cando o cura está lavando a louza, como se dicía antigamente.
Como vedes, meus, os mundos cambearon moito, moito, moito; antes había que facelo todo a man e dobrando os cadrís, e, sobraba tempo, agora que nolo dan todo feito non hai tempo de nada! Siquera vós aproveitade ho, e xogade unha brisquiña de seis, coma na Torriña que aínda segue teimando, pero iso si, non vos escape un "carallo" ó cargar brisca á baza, polo amor de Deus, non sexa o demo que El vos mande para o inferno co traballiño que vos custou chegar ó Ceo.
E namais por hoxe, nosos devanceiros, deica o Ceo a carta vai levar moitos selos de avión e estamos en crise, unha palabra nova que vós non coñecíches, naquel tempo sacudíase todo quisque e ninguén estarrecía de frío. Agora temos que estar pé da estufa todo inverno, senón cómenos a gharugha.
Ai, que me esquecía, recordos a meu bisavó Tío Pepe de Torrado, o que fixo a Fonte do Campo, dicirlle que está moi ben pintadiña e aloumiñada. Aínda que os pichos non botan auga e o pilón está un pouco trasquilado, eu vivo en fronte e dou boa conta dela.
Apertas e bicos para todos e de todos nós, os vosos descendentes, veremos se nós temos algún bisneto que nos escriba despois doutros cen anos.
Suso de Basilio.

jueves, 14 de octubre de 2010

NOSTALXIAS CORMEÁNS



Corme no 1.900, xa choviu desde entón. Aínda meus pais non naceran nin os avós casaran. E, que logo pasa o tempo! Xa non están uns nin outros e eu na 3ª idade e cun pé na 4ª, así coma quen non quere a cousa. Case recordo parte do Corme desta foto, e falo de hai 60 anos coma se nada.
Como podemos ver, hai máis de 30 barcos só no que colleu a antiga cámara. Daría algo por saber quen foi o fotógrafo, pois, nesa data o lembrado Vidal tampouco nacera. E velaí temos na laxe que anos despois sería o alicerce do Muelle do Cachafeiro. Este nome era o apodo do mestre que fixo a obra por ser nato desa vila pontevedresa ó lado de Forcarei. Moitas veces pasei por Cachafeiro e fixen festas ó seu redor, e sempre recordaba o vencellamento que nos une con aquel silandeiro pobo erguido ó longo de toda a carretera.
Con respecto á foto, aí mesmo onde están os nosos ancestros, a xulgar pola vestimenta era un día de festa. Un día de festa que sería a oportunidade de vir ó pobo un retratista de fóra. E todos ollándo á cámara para a posteridade. Mesmamente parece que nos están saudando. Eles, os que serían os nosos avós, tan mozos aínda e ledos pola festa, terían agora máis de 110 anos.
Quizais ese día na Praza do Pán, na Calle como a coñecemos, marcouse o noso destino na verbena da noite ó ligar o avó á avoa. Tamén é posible que no momento da foto, o noso avó lle tería botado o ollo á nosa avoa tan guapa ela no día de festa! Ou non, vaite ti a saber, ó mellor estaban sen saber que esa noite se farían noivos. Logo, ó son de Os Gaiteiros, nese tempo os primeiros músicos de Corme-Aldea, que frase lle dirían a elas?: "Pepita, estou tolo por ti, muller, queres ser miña moza?" Pepita dixo si para sempre, e, acó estamos nós e os que veñan.
Unha mañá de Nordés, cal se fora a da retrato, José saiu embarcado nun deses veleiros marcándo a soidade da familia mariñeira de Corme. A súa muller desde outeiro do Petón do Carral, enxugou as meixelas co mesmo pano que o saudaba. Ata perdelo de vista no mar infindo! Cando recalaban de volta oito mese despois, o neno coñecía e case andaba. Pero seu pai era para el un descoñecido!
A pesar desta mágoa, este foi sen dúbidas o Corme dos 3.000 habitantes, ese recordo que sempre está connosco. Pero non, xa non somos máis ca un milleiro escaso, o demais é lembranza dun tempo ido. Terá moito que chover ata voltar a acadar esa cifra. Coido que ningún cormeán vivo neste momento, poida chegar a ver de novo a nosa vila con ese padrón de habitantes aínda que eu o desexo.
Hai un intre, eran as nove da noite. Desde o peirao ollei o pobo e desde o xardín o noso porto, e pensei entre as árbores ateigadas de follas: Á noite es agarimoso e ó albor máis fermoso, mais na soidade do estío, sinto en min arrepío, de esquecerte e non verte, fuxir onda os teus fillos aló onde eles ir. Pero non, non son capaz de deixarte, en ningures sería feliz, meu Corme!