viernes, 31 de octubre de 2008

Na vosa lembranza, Corme





In Memorian.

Velaquí o noso pobo entre os anos 1910-15 da centuria pasada. Quedou a vila pero foise aquel pobo. Mais a sémola non morreu. Enxendrou e xermiu un novo pobo coma unha árbore na primaveira. Porque non hai vila sen pobo, nin pobo sen vila.
E aí están pousando para o fotógrafo de quenda nun día de festa, ben de seguro. Non era Vidal naquel entón. Pero iso é o mesmo. Malia a tristura é que agora nós con máis recursos, non somos capaces de deixar testemuña aos nosos descendentes.
Fai anos que teño esta foto no meu baúl dos recordos, mais non poiden, no día de hoxe, resistir por máis tempo o deixar pasar esta data sen que saíse á luz pública o recordo dos nosos devanceiros.
¡Cantas veces a ollei e, tantas estarrecín de calafrío! ¡Quizais xa non quede ninguén e aínda foi estoutro día! Quedo pasmado ollando a un pobo que aínda lembro. Coñecín á maioría deles. Pero xa non están. Agás se algún vive, será agora centenario.
Mais, vaise o home, pero queda a súa obra, o seu recordo, a súa familia. Amais diso, eles están aí, no retrato, na nosa mente, no noso corazón. Porque eles son o Corme que nos trouxo á vida, os nosos ascendentes, devanceiros e vedraños. Sen eles, nós non estariamos acó.
Tampouco coñeceron as televisións, os avións, o teléfono e menos o móbil. Nin soñaron coa lavadora; nevera; lavalouzas e por suposto coa luz eléctrica. E foron felices. Sen présa e con lecer para todo. Non coñeceron o estrés nin souberon do psicólogo, non lles fixo falla.
Hoxe e mañá é o seu día. A data de lembrá-los con máis agarimo. Uns faráno rezando e outros a súa maneira. Hai quen di que é a súa festa aínda que a min éme de mágoa aceptalo. Son moitas as veces que maxino se é que nós pasamos pola vida-tempo, ou ben é ó revés.
E deixo que cada quen olle nesta foto, como paseniñamente vamos pasando pola vida. Quedo abraiado cando escoito dicir: "Hai que xogar a partida para "matar" o tempo". No meu senso non cabe esa verba, o tempo, a vida, hai que aproveitala a máis non poder.
Reiterando a lembranza dos nosos ancestros, gardade con agarimo esta foto tan de noso.

Corme, un de novembro de 2008.







1 comentario:

Administrador dijo...

Neste intre, teño xa o nome de unhas dez persoas da foto. Estou á espera de coñecer máis e logo poñerei o nome.Grazas.