sábado, 4 de octubre de 2008

Lembrando os nosos bailes: As Delicias


Os nosos salóns de baile
Hoxe: As Delicias

E só me queda falar das Delicias, en Corme Aldea: Aínda que recordo haber baile nel, era eu mui rapaz para ir deica riba pola noite e tampouco poder entrar. Non teño datas de cando abriu pero debeu pechar sobre os anos 1960 segundo as miñas contas.
Nas Delicias, e antes do devandito ano, ensaiabamos a banda de meu pai ós domingos todo o día. Lembro que á tardiña, quedaban alí os máis mozos da banda para tocar pola noite. ¡Caiame o ollo -se son sincero- o feito de non poder quedar! ¡Malia que... só era un púbere, un imberbe!
En canto ó local, o palco estaba colgado fronte á porta principal e o salón todo el pintado con fermosos cadros de paisaxes e outros que non sei describír. Só un deles, creo recordar, semellaba a un xardín con pavos reais e con moito colorido. O pintor era o señor Serantes, quen asemade adicábase a escolante e ensinaba ós futuros patróns de Corme. Era un home moi polifacético e preparado naquel tempo. Foi mágoa que as súas pinturas se perderan, pois coido que a día de hoxe terían o seu mérito.
Unha anécdota deste salón -que tiña porta de postigo polo lateral do Sur- foi parecida a que antes lembrei do Miramar: Tamén alí estaban ateigadas as nais das mozas e outras fisgonas. ¡Ai pero... unha noite, os rapaces da Aldea foron ás cortes das súas casas!
Cuns envases de lata, pasáronllelos ás bestas e facos polas “súas partes” acuguládoas de moscas e atabáns. De volta e na escuridade do carreixo, deixaron as latas abertas baixo as saias das alí apretugadas. E fuxiron, por suposto, antes que se decataran. Sen dar pío, a que máis ea que menos mosqueou a fume de carozo.
Pero na vida todo ten un comezo e un final: Nos primeiros anos da década dos sesenta, un novo abrente amosaba un cámbeo na sociedade. Aparecían os primeiros televisores aínda que só en escasos locales públicos. Os turismos ían entrando en escena, pero non só co volante en mans de pseudo feudales e ricos de parroquia. A emigración deixaba entrever unha nova vida e un cámbeo social onde a muller, por fin, podía acceder a un posto de traballo sen prexuízos de antergos tabús.
Así, a mocidade colleu ós domingos: Hortachica, Perillán e Alto da Costa abaixo, pois ademais estaba o cine Olga e algunhas cafetarías onde entreterse. Unha páxina histórica pechábase coas Delicias, como o mesmo sucedeu e sucedería, cos antes mencionados e os que pecharían tempo adiante.
----------------------------------------------------------------------------------------
P.D. Non quixera pechar este capítulo sobre das Delicias, sen facer referencia a un antergo salón do que tiven referencia na testemuña de Angelito Cousillas.
Vivían eles, a súa familia, na casa que hoxe é de Ramón de Xerpes. Entre esa casa e a de Fariña había un salón que era conocido coma : "Dos Bochiños", por ser este un apodo familiar desa familia.
Contoume Angelito, amigo de toda a vida, que na procura de aforrar luz -naquel tempo de D.Manolo- un día e sen saber seus pais, subeu a unha banqueta cunha subela na man; fixo un furadiño na parte de arriba do contador e..., engulíu un alfiler dos de "cabeza negra" ¡ Ata facer frear á "rodiña!".
A cousa foi de marabilla, pois a "rodiña" apenas xiraba. Pero...velaquí que un día o cobrador dos recibos sospeitou que un salón de baile debía consumir máis kilowatios. Sen máis, pasou a man por riba do contador e atopou a cabeza do ditoso alfiler.
"¡Que malleira levei de meus pais!" "¡Foi peor o remedio ca enfermidade!" ¡E iso que as bombillas naquel tempo só eran de 25w! Malia todo isto, non podía el frear o sorriso cada vez que mo contaba.

1 comentario:

mdolores dijo...

o grilo quer cantar ou quer grilar á grila? porque con este trabalinguas a saber-