lunes, 6 de octubre de 2008

Calamares Made In Corme



Así como ledes: Calamares Made In Corme. O asunto é que aínda non houbo tempo de rexistrar a marca por mor de pescalos. (Hai que ter cuidado que, con tanta présa que levan, nunha esquina crávanche a cana nun ollo). Aquí, o que non corre voa.
¡Pero, que cara de felicidade cun só calamar! Na miña vida tal cousa vin e iso que xa non son un imberbe. ¡Mais...,velaí o tedes con esa face de ledicia e dándolle envexa ós seus amigos que xa tiveron que fuxir! ¡Agora que entrou o calamar!
Non se fala doutra cousa neste outono cormelán: de envexa para os do Mediterráneo. Se paseas polo Campo, calamares; nas baiucas durante a partida, idem; nas cánebas mentras mercas o azucre; nas casas, máis do mesmo. Pero o triste -perdón, máis ben de ledicia- é ollar a Fonte do Campo á hora dos chiquitos ó medio día. Non hai cabida no Pilón todo el rodeado de calamareiros. ¿De que falarán?, cavilo eu dende a ventá da cociña. Abro un pouco a vidreira e escoito: "¿Cantos collétes hoxe?" "E ti, cantos pillátes?" "¿A que hora fótes?". "¿Viñétes xantar ou xa seghites?". Ata me fai lembrar cando había cola de sellas e caldeiros ó longo do chan na Fonte:"¿Quen tá detrás do picho?", preguntaba a/o que chegaba.
Mais o conto non queda aí, o peor e a trifulca sobre das poteiras: "Eu pedín unha a Bilbau",dí un. "Eu fun á Coruña onte, e xa non quedaban das pequeniñas", quéixase outro. "¿Que saberedes vós, senón tendes pu...ñetera idea?: eu cunha do ano pasado collín seis quilos", saca peito o máis entendido. ¡E marchan xantar cheos de raxeira, o mesmo ca os rapaces!
¡Pero eu non son capaz de pescar un! Cando no paseniño da noite polo peirao, ollo semellante crime, ata mesmamente arrepío. ¡Tamén vai vindo o inverno, todo hai que dicilo! Pero non, non é iso. ¿A vos parécevos ben pillar esas criaturiñas recén nacidas e..., veña, ó cesto? ¿Que dirá súa nai á hora de ir pa cama e os seus calamariños sen aparecer? ¡ Ai, o que ten que pasar unha nai!
Malia isto. ¡Que cara de interesante pon o que xa ten media ducia! Case parece o descubridor dun novo invento. ¡E os demais..., ai..., que cara cando ollan de esguello ó do lado enchendo o cesto! E así, con esa cueldade, sácanos do frio mar e..., ó aceite fervendo.
¡Pero hai que dicir a verdade: Están pa chupar os dedos!
---------------------------------------------------------------------
P.D. Aviso ós navegantes, digo..., ós calamareiros que se foron: Está entrando moito calamar con esta maruxía. Vinde axiña, abofé que vale a pena, ou, non ollades a felicidade de Rafael?. ¿Iso? Iso non hai cartos que o paguen. ¡Ai, meu Corme!

3 comentarios:

mdolores dijo...

hola suso:entrei no teu blog e quedei abraiada do ben que escribes e iso que non foches moito a escola, se chegas a ir serías todo un fenómeno da escritura, a ver se alg´n dia eu chego polo menos a mitade do ben que escribes ti.

apañadita dijo...

Eu nunca collín máis dun calamar... pero da un subidón... ata penso a forma de cociñalo.

Administrador dijo...

Grazas a M.Dolores e a Apañadita. Non sei que sodes pero a verdade é que me arrufades a seguir na labor. Tamén grazas a Bruno, o meu veciño de fai anos, que foi o primeiro en entrar nos comentarios do Blogg.