

-----------------------------------------------------------------------------------------------
Foi un deses seráns que non tiñamos cama. Logo dunha tremenda churrascada, porque ante unha parrillada galega non hai quén se resista, comezamos o debate dos perigos que tiñamos os músicos o mesmo ca os mariñeiros: “Haber jefe, ti vai apuntando aí nesa servilleta”. Sempre tiña que anotar eu por non ter ninguén boli.
O fontaneiro, o carpinteiro, o albanel, o da pingueira no faiado, o da televisión, o da bombona, o electricista, o do contador da luz e o da auga, o de cambear a goma do butano, o carteiro,..., e así deixámola cousa cando xa íamos en once. “Vaia, que tamén por un máis xa era a ducia”, dixo o condenastro do Nica, o animador. “E agora dicídeme vós cantos perigos non temos os músicos mentras estamos fóra da casa. ¡O mesmo ca os mariñeiros! E logo falan de nós, pensan que ir á festa é ir de festa. Nós imos facer a festa”, seguiu el.
Dous días adiante escoito eu na Fonte do Campo a unha mui honrada muller: “Ai, déixame ir pa casa que vai aí o da Sta. Lucía co recibo deste mes”.
“Compañeiros, acabo de descubrir ó máis perigoso de todos”, dixen eu na festa seguinte. Todos quedaron ínquedos. “Jefe, o que ti non vexas non o vé ninguén. Logo, aínda había algún máis?”, dixo o Nica. “Si meus, o da Santa Lucía”,dixen eu sacando peito e a face seria polo descubrimento. “Mecághono carallo, pois é verdade, ese é o máis perigoso e ademais ten cara de xoíña”, dixeron todos á unha mentras estoupaban coa boca chea de callos.
Así as cousas, e por mal pensados e pecadores "sin obra", pero con "gracia e omisión", xa me diredes vós a onde iremos dar cos ósos o día de marras. Ó Ceo xa nada, iso nin soñalo. ¡A verdade que, tamén para ir coas ovellas, (foto da esquerda) a min nonme vai o monte nada! Perderíaas todas. A marxe diso, tampouco cola a cousa: Sempre hai catro carallos, ducias de misas que non fuches, murmurar, ollar de reollo as pernas dunha muller e, logo nada de confesarse dende a primeira comunión. Así que co visto, ó Ceo nin con percebes do Roncudo de recomendación.
Logo queda o Purgatorio. Ollade o que alí hai na foto do medio e xa me diredes: Monxas e frades do máis inocente. Solteironas co precinto de garantía (o mesmo cas cociñas sen estrenar de abaixo) e catro paspáns que non se comeron unha rosca. E por encima todo o día facendo laios de perdón. Pero, é o sitio que máis medo lle teño: Ó Purgatorio, o que nos faltaba ós músicos despois de ver e non tocar. Tocar (?), no palco sí, pero namais.
Seica “también se peca con el pensamiento”, dicía un cura mentras eu esperaba para tocar á procesión. Así que visto o visto, os do mundillo da farándula, como nos coñecen, xa contamos ir pó inferno, pois xa vedes aí as fotos das animadoras e bailarinas que andaban connosco nas festas. ¡E todo iso sen poder tocar, tocando!
¡Ai..., pero aló han estar xa: Susana Estrada, menos o porteiro que era automático...; Marilin Monroe; a Pantoja por desfacer tantas vidas e non levar unha a cabo; a Faraona, que por culpa dela pasamos tódolos músicos pola Facenda Pública e caeunos gorda; a nosa oriunda galega Carolina, a Bella Otero, (ata lle foi infiel á Torre Eiffel); a Becaria Lewinsqui, a do Clinton; Sarita Montiel fumando Chesterfiel (foi ó único que lle foi fiel); a enrrugada Carmen Sevilla que tamén foi boa pilla. E logo estas da Jett Sett: Mar Flores; a inocente Rociíto; Belén San Esteban e, toda esta troula de: Gente e Gran Hermano, que dá máis que falar ca política.
Porén, meus, tampouco vai ser tan mala cousa, pois a min a caloriña sempre me veu ben. Son moi frioleiro, sabedes. E alí, entre as rachas do lume, unha auga na trepia e o ambiente..., pois, xa vos contarei. ¡Que Deus nolo perdoe!
---------------------------------------------------------------------------------------------------
P.D. E para máis contando que as nosas parientas van ir para o Ceo por tan formales. Ou sexa, solos total. Mailas de marras.

