miércoles, 18 de marzo de 2009

UNHA FOTO CON HISTORIA





Dende a senlleira festa dos choferes, ata a data da nosa vedraña palmeira.



-------------------------------------------------------------------



Era un domingo do mes de xullo de 1965, cando a banda de música de Corme aledaba aquela mañá de verán. Coa caixa-tambor: Anselmo Cousillas, no centro meu pai Basilio e co bombo José de Toural. Sería esta a última actuación en Corme de meu pai ó fronte da súa banda, toda vez que ó ano seguinte non actuou na nosa vila e en maio do seguinte faleceu.


Foi a única festa que se fixo na honra do San Cristovo polos choferes de Corme. O turismo que vén detrás é o de José Santos+ , un dos promotores daquel evento. O precio que poido custar a banda naquel ano sería unha sete mil pts., como moito.


Dos rapaces que veñen diante da banda, só coñezo a Francisco de Celso que anos adiante edificarían seus pais sobre da casa de pedra que se ve ó fondo. Podemos ollar asemade a recén asfaltada estrada uns meses antes. Aínda se pode percibir o asfalto recente. Vemos á sombra do árbore o coche de época de Tío José de Tedín, "Torriña", e ao garda de quenda aquel día. O Cuartel naquela data contaba cunha plantilla de nove gardas, o sarxento ou cabo e logo o de radio. Un total de once, case unha ducia de familias que vivían e consumían en Corme, todo hai que dicilo.




Mais o tema que me trae é tamén o de rescatar para a nosa historia que a finais dos anos 50 fundóuse na nosa vila a: Sociedade Católica de Pais de Familia. Estaban na súa directiva o meu xa ex-mestre: D.Modesto Malpica, Alfredo Souto, Genaro Álvarez, meu pai Basilio e Severino Castiñeiras dos que eu lembro. Tristemente todos eles finaron xa, pois se algún vivira, podería dar datas máis exactas. Na miña tareifa de recoller datos non conseguín ata o momento ningún documento acreditativo de cousas máis concretas.


Esta asociación nacera co fin de acadar unhas melloras para Corme como foron: ese muro branco que vedes á esquerda, tapando unhas laxes que vertían auga todo o ano. Mais un preto inverno e cunha enchente, viría abaixo con tanto peso. Tamén fixeran as xardiñeiras da dereita fronte ó cuartel da Garda Civil; a prantación de árbores; a xardineira triangular que aínda está en torno á palmeira da Casa do Cura, a cal redondea para min a idade dos 50 anos, pois lembro que foi plantada nesa época. Coido que só quedan estas dúas cousas como lembranza daquela primeira inquedanza asociativa.


As teimas daquela asociación, eran en primeiro lugar o adecentamento da vila, no que plantaron frores ata en macetas e en canto curruncho había. Logo a mellora da auga da Arregadiña para a Fonte do Campo e a do Carral, máis a limpeza dos sumidoiros e arranxo de rúas. Para este fin contaban coa colaboración altruísta de Alfredo do Río +, o cal estando na directiva xa lles mataba dous paxaros dun tiro.


A pesar de que naquel tempo estaba prohibido o asociacionismo e só podían ser legalizadas con o título que antecede -máis os seus membros cribados pola peneira miúda acorde con aquel tempo -esta asociación dou un pulo ó pobo en canto a un adecentamento digno para aquel tempo e atención a xentes pobres, naqueles anos totalmente sen axudas.


Cómpre engadir que, esta asociación foi testemuña e apoio da volta á nosa Igrexa -1959- e do nomeamento de Parroquia dos Remedios, a máis nova das catorce do concello. Nese ano xebrámonos de Santo Hadrián de Corme Aldea.


Outra das súas fazañas, pero xa máis ledas desta asociación, foi a de mellorar as festas, traendo naquel tempo ás mellores orquestras de Galicia.


-------------------------------------------------------------------------------------------


P.D. Seguirei nesta teima, para rescatar o máis que poida para a historia da nosa vila, algo no que veño facendo dende hai anos, aínda que non é tan doado.

1 comentario:

Eloi dijo...

A verdade Suso que a historia para ti é algo que a levas dentro.Os teus datos son fiables como ten que ser en historia. Grazas polos teus recordos para os que somos máis novos.
De paso engadirche que escribes mui ben e temas interesantes así sexa para rir un mogollón.