domingo, 21 de abril de 2013

AS CAMPÁS DE CORME ALDEA




Dende que nacín sentinme fillo de Corme Aldea, alí se bautizaron e casaron os meus avós paternos, despois sería meu pai Basilio e os seus nove irmáns, logo máis adiante os meus dous fillos maiores pasaron pola súa Pía Bautismal. E alí casei eu, ao pé do seu altar. E alí está soterrada media da miña familia e toda da miña muller. Ou sexa, que xa non sei onde teño máis deudos.

Todo isto vén a conto polo que escribo de seguido: Que me sinto un veciño máis de Corme Aldea, pero non atisbo a crer como en pleno século XXI están tocando a morto dous días as campás desa Igrexa cando un veciño morre.

Estaba eu un destes días na compaña dun vello amigo e compañeiro de profesión o cal ten xa 92 anos. E non saibades vós o dano que lle facía escoitar as campás cada dez minutos tocando a tanatos. Ata lle ordenou aos seus familiares que por el non tocasen desa maneira, ou sexa, todo o día.

A verdade que falo deste compañeiro a quén eu trataba de quitar importancia, pero a min dóeme de cotío tódalas tardes que estou no meu refuxio de Guxín, o estar tamén oíndo a tristura deste toque.

Logo falamos de que a xente fuxe prá Coruña, pero non é de extrañar con tanta tristura, e máis cando a poboación tanto do Porto como de Aldea son de unha idade maior, por non dicir vella, onde tamén xa me encontro.

E pregúntome moitas veces: Que dirán os catro nenos pequechos que temos nas dúas parroquias cando isto escoitan dende o Colexio das Forcadas? Dende logo ata a min me están dando gañas de pillar tamén o camiño da vila, pois alí todo é ledicia e endexamais escoitei tocar a morto.

A respecto disto, dicíame hoxe un amigo vindo dun enterro: “Solo falta que volvamos ao brazalete negro pola morte dun cuñado, e así de loito durante un ano ou dous”. Escoitanto isto pensei tamén naqueles enterros levando as cintas por cada lado da caixeta. E nos laios fóra de lugar. Como se non soubéramos que nacemos para un día morrer. Como si a morte non fora algo natural.

Ben pensado eu pregúntome: ¿Por qué dende sempre non repicaron as campás de tódalas igrexas cando un meniño nace? Non me digades que non teño razón, pois, se celebramos a morte, con máis razón debíamos celebrar a vida, pero con moita máis ledicia e cun bo repique de campás.

Que fermoso sería tamén, que, da mesma maneira que se reparten recordatorios para os cabos de ano, se repartiran igual tarxetas anunciando o nacemento dun neno.

Pero non, coido que nin siquera verei polo menos as campás caladas. Quizais tamén pensedes que xa devaneo de vello ou que estas son parvadas, as de anunciar a nova dun recén nacido. Mais, en penso que xa vai sendo hora de cambear de moda. Porque o de Corme Aldea é unha moda, pero unha moda que xa pasou de moda. Amén.



martes, 2 de abril de 2013

CORME SIN ESCAPARATES




Estaba eu o outro día na ventana da cociña esperando que a xefa rematara un guisiño xunto -ou sexa, deses que se aproveita o miudallo que foi quedando esquecido- cando de pronto vin de esguello como un grupo de excursionistas domingueiros subían pola rilleira da nosa Igrexa. Nada do outro mundo, pois, isto sucede prácicamente cada semana.

Mais de pronto decateime cando enfilaban a nosa Calle Real, ou sexa, O Campo, que non hai escaparates. E dixen para min: que pobreza de pobo, os poucos viaxeiros que nos honran coa súa visita non teñen un escaparate para onde mirar. Home, algún si que o hai, tampouco hai que esaxerar, pero non os que debía de haber.

Efectivamente os que estamos aquí de cote, xa estamos acostumados a ver, mellor dito non ver, que xa non nos quedan escaparates, solo quedan ventanas de baixos con contras pechadas e pouco máis. E sentín vergoña ante os devanditos visitantes como si o pobo fora meu, como se fora culpa miña.

Nesta estaba, cando de repente me decatei de que o escaparate da nosa casa tamén está valeiro. E desexei nese momento que estivera ateigado de cousas por mor dos visitantes. Pero non, a vida non ten marcha atrás coma os coches. Malia isto a Rúa do Campo tampouco é miña para sentirme culpable de non termos máis escaparates.

Ese día mentres ulía e lle ía entrando ao ditoso guisiño xunto de unhas pataquiñas; unha presa de arrós; un tomate que quedou na neveira e dúas talladas do cocido anterior, quedei absorto cos ditosos escaparates e seguía sentindo vergoña. E dor, dor de cómo foi quedando esmorecido este noso Corme.

Ata que de pronto me din conta –e con certa compaixón- que tamén nas cidades van quedando valeiras de escaparates as mellores rúas. De pronto foime o maxin á Rúa de San Andrés e á Calle Real da Coruña así como todo seu extraradio. E medio me reconfortei pensando que este mal non solo é de Corme nin dos demais pobos da bisbarra, este mal é un cámbeo de ciclo como se dí actualmente.

Verdadeiramente as cidades e vilas serán cada ano máis feas pola falla de escaparates. Pronto as antigas tendas serán reconvertidas en garaxes. Somentes terán vida algunha que outra baiuca e cafetería da esquina. E as nosas mulleres, fillas e netas, xa non dirán aquela súa frase de: vou de tendas e ver escaparates.

Pero a min o das cidades dóeme menos que o do noso Corme, aínda que tamén, pois o noso Campo e o Río da Roda todo pechado faime mágoa con tanta tristura. Xa nunca será o da miña nenez, aquel Corme dos escaparates. Aquel Campo do Paseo en filas de seis as mozas e os mozos tirándolle piropos.

E aquelas parellas de noivos mirándose ás meixelas coa luz dos nosos escaparates.

viernes, 22 de marzo de 2013

INVERTIR EN VIVIR




Foi esta unha frase que escoitei hai uns tres meses nunha pilícula, e, de verdade que espertou en min unha intriga, unha nova maneira de saber invertir, que até agora solo se limitaba (coma todo quisqui) a mercar pisos, casas, ordenadores, teclados e mobles modernos.

A devandita pilícula trataba sobor dun señor maior e viúvo, un señor formal, educado e con boa situación económica, pero que dende a morte da súa dona, pechárase na casa, unha misa cun paseíño e pouco máis.

Mais quixo o fado que no mesmo edificio unha das inquilinas tropezou un día con el e díronse a coñecer. Ela era arxentina, con boa situacón ecónomica, pero cunha enfermidade terminal da que ela era sabida.

Paseniñamente comezaron as visitas de un piso ao outro, e sempre cun respecto do máis formal polas dúas partes. Así foi pasando o tempo e o señor xa buscaba agora a compaña daquela muller simpática e altruísta.

E comezaron a saír, comer e viaxar xuntos. Diversos países entreles o de ela foron visitados por esta parella, que en ningún momento se saíron do respecto entre ámbolos dous. Por fin a face deste cabaleiro amosou un sorriso.

Malia que o día chegou, e, esta muller leda e simpática morreu, tal como era de esperar. E o señor quedou destrozado, dito sexa moralmente, pois, había atopado nela unha raiola de sol para a súa tristura e soidade.

Pero un día chamou aos dous fillos, un varón e unha fémina, ámbolos dous casados e con familia para expoñerlles a súa nova maneira de ver a vida, unha vida á que a arxentina lle abrira os ollos: a de viaxar e saír de aquela tristura na que se encontraba.

Como era de crer, aos fillos aquilo lles caíu coma un xerro de auga fría, pois, a situación ecónomica deles estaba un pouco apretada e esperaban unha pequena axuda, ou iso pensaron cando seu pai os chamou ao piso.

E velaí onde xurdío a frase que dá título a este artigo. Os dous fillos, en un intre que seu pai non estaba diante expresaron esta frase: “hermano, nuestro padre a decidido invertir en vivir, entendámoslo y seamos respetuosos con sú voluntad”.

Quizais foi esta frase a que de algún xeito me demostrou que non solo se invirte en cousas materiais, como por exemplo en comprar toda clase de ferramentas modernas para facer cousas de entretemento. De algún outro xeito, vemos a diario que nos programas como: Atrapa un millón, ou Pasapalabra, tódolos concursante responden o mesmo á hora de preguntarlles en que van invertir o que poidan gañar no concurso: en viaxar.

E esa pilícula, como dixen, foi quen me fixo ver a vida dende outra óptica. Ben é certo que unha ferramenta (á que son moi aficcionado) dúrame toda a vida e que unha excursión ten un tempo de días limitado. Agáx que agora disfruto pensando no que vin nas viaxes e coas ferramentas e artiluxios, solo de vez en cando. Visto o dito e ben pensado, deiquí en diante vou invertir en ver mundo e en viaxar, pois, unha cousa foi velo cando ía traballar e outra moi diferente é velo pasexando. Ou sexa, que quero invertir en vivir. Penso que é a mellor inversión.

miércoles, 6 de marzo de 2013

MUNDO SENIOR




Un día tiña que ser, e por fin chegou, xa descubrin o que é Mundo Senior, así con maiúsculas. Ou sexa, o Imserso cunha filial. Unha filial que se encarga de que todo lle salga gratis ao goberno. A carrocería pagamos unha porcentaxe, que a vista de ollo xa non é pequena, e logo unha vez alí chegados empeza o “desquite”por parte do devandito Mundo Senior.

Mais vouno a explicar mellor: unha vez no hotel, veña charlas para empaquetarche excursións a pasto, pero iso si, a un precio fóra do normal. E velaí onde o Imserso queda a pré: pagamos as excursións con comida incluída, pero aforran a do hotel. Todo calculado, máis as consumicións a precio abusivo.

Pero non é este artigo motivo para queixarme, senón todo o contrario, o trato foi exquisito desde a mesma estación de autobuses en Coruña con un picnic para a viaxe, máis a atención de azafatas en tódolos momentos do traxecto. ¡Pena de azafatas novas no medio de tanto vellume!

E por fin subín ao meu primeiro avión. ¡Ai, miña nai, que sensación! Menos mal que non me enterei da altura ata que cheguei a destino. Aínda que ben pensado o tortazo sería igual de mil metros que de once mil. Pero non, unha viaxe fantástica dende Santiago ata Sevilla. Bastante peor á volta que sobrevolando Vigo, un tremento bache de ar, fixo berrar a toda a pasaxe. Pero non, eu non berrei, aínda que dixen: isto acabouse, Méndez.

Pois iso, que, esquecíme da familia, da banda, da casa e de Corme enteiro, pero sobre todo do toque da campá a iso que xa sabedes. Por sorte non tocou por ninguén.

Estou chegando ao final e aínda non vos dixen onde estivéramos: En Matalascañas, da provincia de Huelva, mesmiño pegados a cen metros do Coto de Doñana, onde dito sexa de paso, non se ve nin un coello aínda que entres ata a metade do Coto. Logo o paseo marítimo de cinco klms., que andivemos de punta a punta varias veces.

Así as cousas, visitamos Sevilla e navegamos polo Guadalquivir (ata fun mariñeiro media hora sen marearme), e atopei o nome de Corme na Praza de España, case nada! Logo a fermosa Huelva e, o máis apaixoante: O Rocío e Almonte onde durante o inverno está a Virxe, alí asistimos a tres misas rocieiras que me chegaron a pouco.

¡Malia que o triste foi o día de volver, pois, con aquel plán de vida: durmir, comer, pasear e bailar, facía falla ser parvo para non estar a gusto. ¡Ata non che está mal isto da terceira idade, por non dicir de ser vello! Porque o sentirse bello no medio de tanta “carrocería” sería unha utopía, todo son arrugas e barrigas. ¡Que ben riman!

E como dixen máis arriba, o trato foi de un dez. Andan con nós, coa terceira idade, o mesmo cá cos nenos nunha gardeiría. O único problema foi que engordei tres kilos en dez días. Isto multiplicado por 150 personas, fíxome entender o porqué o avión á volta pegou semellante bache. ¡Era visto!

lunes, 11 de febrero de 2013

UN CUMPLE MUI ERÓTICO. NIN DISQUE NIN SEIQUE




Contan os máis vellos do lugar, que este cumple (69)seica é mui erótico. Pois a verdade que eu os cumplín o sete de febreiro, e, nin disque nin seique. Sería mui sensual, valga a menudancia, pero penso que con un 59 xa me conformaría. Aínda que ben pensado, tampouco, auga pasada non move muíño. Haberá que esperar ávidos á primaveira, a ver se…, aínda que na vida, nada é para sempre.

Tamén podía ser un 42 que é o meu nº de calzado, por aquilo de acordarse mellor. Pero nin facendo unha raíz cuadrada ou unha regla de tres, as contas non diron e durmín coma un paxariño amartelado de mantas neste frío de inverno. De mantas eu, malia que os pobres paxariños, pois, vaite ti a saber con que se taparán!

A culpa de todo isto dende logo a tivo miña nai por nacerme en pleno inverno. Así fun de sempre un frioleiro de primeira. Ata no mes de agosto teño que ducharme coa auga fervendo. En inverno xa non me ducho, ata aló o maio florido. Ou sexa, como cando hai que botarlle auga ás flores.

Malia todo isto, tampouco se fai aló moito esforzo, pois como dicía Voltaire: “Eu coma don Quixote, invéntome paixóns para exercitarme”. Agora a cuestión é saber entender a frase e logo levala a cabo.

Mais volvendo ó conto: a quén se lle ocurre poñerlle o nº de erótico a esta data?. Eu penso que volteándo as cifras sáennos un 96 que xa mola cantidade, como din os rapaces. ¡Ai, canto saben os rapaces! Mellor dito as rapazas, pois os mozos de agora, mellor non falalo. Ata teñen que ser elas as do primeiro bico, que xa é dicir. Non, os homes acabáronse na guerra, dicían na Banda de meu pai cando eu era un púbere. E abofé que debe ser verdade.

Así as cousas, meus, o día e a noite pasaron sen pena nin groria. Nin tan siquera a mamá dos meus fillos tivo a xentileza de agasallarme cunha tableta de chiculate. Dende que os netos foron vindo, máis esquecido fun quedando. Agora todo é para o máis novo: Álvaro. Era visto que a competencia nunca foi boa, dicía un taberneiro que tiña a súa baiuca preto dunha fonte.

Pero cuidado, a cabeciña funciona coma de 20. (Quero dicir a cabeciña de pensar, ou sexa, a querella, a crecha ou a cacholiña, non mal entender). Todos son proxectos que quedan en auga de castañas. Agora é cando me dou conta do que din os médicos cando falan da masa gris do cerebro. E que tan gris, digo eu. Esta cór solo é boa para os traxes e pouco máis.

Eu maxino (logo eixistirei) que aquilo que dicía Pichita, o primeiro batería que tiven nas Novas Ideas, non era verdade. Dicía el co seu humor pavero: “Un home é un home e un ghato é un bicho”. Nada, Pichi, que estabas engañado meu, e falo dende os 69 máis frescos ca unha lechuga. Como din aquí no noso Corme, todos son disques e seiques.

E nada, colegas lectores, senón hai novidade o día 21 sairemos de “lúa de mel” cara Matalascañas, aló polo parque de Doñana a 15 klms. do Rocío. Cousas do Imserso o de mandar o vellume deica o Sur por aquilo de ser máis quente, debe ser a ver se así medra a poboación. Vai de carallo o ministro do idem. E aínda que dean ben de comer, “nin ghiche nin velo”, viremos como fomos: nin un 42, aínda con boa calefación.

domingo, 20 de enero de 2013

TEMPOS DE POUCO TRABALLO




Esta é unha reflexión que fai reflexionar, fai reflesionar se verdadeiramente hai pouco traballo ou menos gañas de traballar, velaí a cuestión. Porque a dicir verdade, o que é zolás non hai aló moito, a ver se me entendedes. Xa sei que hai crise, que non hai traballo. Pero…, pero ben pensado, ata penso segundo o que vexo no meu redor, que aínda hai menos gañas de traballar. Perdoar a excepcións.

Falabamos esta mesma semana no enterro do pai dun músico e amigo, sobor de todo, amigo, que é o máis importante. Falabamos ó abeiro dos antucas pola moita chuvia que caía, sobor da palabra de moda para dar avío aos que non teñen máis gañas de traballar que a de ir a polo xefe da empresa, orquestra, carpintería, albañilería, etc.

A palabra de moda é: Non dás o perfil. E xa está, agora que teime na cachola o indivíduo a ver que lle querían dicir con iso. Dar o perfil?. E xa está, repito. E con iso queda todo dito mentres se despacha cun sorriso e unha palmada nas costas ou dous bicos nas meixelas.

Non hai moitos anos, contabame unha amiga da familia, muller ela emprendedora que tiña un taller de costura cunha ducia de rapazas cosendo, que un día se lle presentou unha moza nova: “Mire, hai traballo para min?”, preguntou. E a nosa amiga lle respondeu que sí, sen dubidalo. Ante isto a rapaza volvío a preguntar: “ E, canto tempo teño que estar para ir ó paro?”. E a nosa amiga repondíolle nun intre: “Ningún, miña neniña, ningún, se xa estás parada, para que queres traballar?”.

Naquel tempo aínda non estaba in, a frase dar o perfil, frase que tan ben lle viría á nosa amiga. Mirade vós que tan ben quedaría a amiga dicíndolle á rapaza: “Miña nena, non dás o perfil”. E ata a podería convidar a un cafeíño con leite e unhas rosquiñas prá compangar. E quedaría ó máximo.

Dicíamos tamén no devandito enterro -onde nos alcontramos vellos amigos da profesión despois de anos sen vernos- que o tempo vai poñendo a cada quén no seu sitio. E éche verdade, meus, cedo ou tarde, o tempo vai poñendo a cada un no seu sitio. O que non ten gañas de traballar, pois, que mellor ca que descanse!

Referente a isto, os mozos aínda poden engañar a un utópico xefe. Pero os máis carrozas nun oficio, cun “curriculo vitae” máis completo ca o libro de Petete, por no dicir o Quixote, a quén carallo van engañar?. Ben pensado, a eles mesmos.

Cando un home preto do retiro ten corrido máis postos de traballo que postes ten Telefónica, a quén pretende engañar?, se é que ten o ousamento de aínda pedir traballo. Non pensa esta rara “avis especie” que os pequenos empresarios ou xefes tamén falan entre si, sobor de todo cando foron fodidos por esta especimen, afortunadamente a minoría.

E entre estas e outras, no triste enterro do pai dun amigo, os alí reunidos chegamos a unha conclusión: Que na vida cada un recolle o que ben ou mal sembrou.

Así que mozos que comenzades, si é que tedes donde, non pretendades descubrir a América que iso xa o fillo Colón.

P.D. Falando de Colón, entereime en voz baixa que fora o tal chamado: Pedro Madrugas. Así que…, que mellor exemplo: A madrugar.

viernes, 28 de diciembre de 2012

CASAR PRÁ CASA




Antigamente era unha frase moi común no rural: O fillo máis vello “casaba prá casa”. E velaí onde sería de por vida o vítima dos seus irmáns, que. por encima de aguantar ós vellos e cuidalos na vellés, sería sempre o menospreciado.

Os demais, os máis novos, normalmente pillaban camiño da cidade. E dende ese mismo instante sería os mimados da casa patrucia. Cada domingo, ou día de festa, a súa visita era de total práceme para seus pais, onde o fillo ou filla da casa quedaban relegados a un segundo plano.

O fillo e a nora da casa, veña facer de xantar mentres os demais ían á misa e aos bailes. Logo servila mesa e lavala baixela, e, por suposto dar de comer ás vacas. E os vellos azuzando neles para que serviran mellor aos de fóra.

Logo chegaba a hora da espedida, día de festa ou un domingo calquera e veña encherlle o maleteiro do coche de todo canto plantaran os vítimas da casa. E sen rechistar, dicían os vellos, que para algo a casa aínda era deles, pois “aínda non fixeran papel” por si acaso.

Pero a historia vaise acabando aínda cando quedan máis dos que debían quedar casados prá casa. Parecía moi fermoso ao principio, o contar con casa de seu dende o casamento. Pero non, nin con casa nin sen ela, de ningún xeito deben levar máis mimos os que se foron que os que quedaron.

Iso era o casar para a comenencia, que ben pensado a comenencia era de carallo, pois, por encima de burro, apaleado. “Veña Pepe -dicíalle a vella ao fillo da casa- botalle a teu irmán un pernil, un saco de patacas, unha ghuevera de ovos, unha ducia de chourizos, fabas e un ghalo”. E o ghalo desplumado, que menos!

Porque os da cidade eran os finos, e Pepe tiña as mans enrrugadas do sacho e o fouciño. Tampouco vestía tan ben coma o seu irmán da cidade nin recendía a colonia de marca. Pepe recendía a vaca e esterco, cousa de seu, pois era o seu oficio.

Malia que agora xa ninguén pica o amocelo. Ou sexa, que ninguén quere esa “breva” de casar prá casa. E os vellos cando non poden valerse en por si, van pillando camiño dun xeriátrico.

De todo isto que estou contando, quédome moi escaso, pois durante a miña andaina musical e xantando en centos de casas de labradores, vin os cadros máis tristes que calquera se pode imaxinar: Os da casa sempre eran os parias e os que estaban fóra –tamén na emigración- os nenos bonitos.

E así vai morrendo o noso rural, esmorecendo o mesmo ca o serán dun día normal. Centos de aldeas pecharon as súas utópicas portas e a día de hoxe están totalmente abandonadas. Xa ninguén quere casar prá casa.