miércoles, 6 de marzo de 2013

MUNDO SENIOR




Un día tiña que ser, e por fin chegou, xa descubrin o que é Mundo Senior, así con maiúsculas. Ou sexa, o Imserso cunha filial. Unha filial que se encarga de que todo lle salga gratis ao goberno. A carrocería pagamos unha porcentaxe, que a vista de ollo xa non é pequena, e logo unha vez alí chegados empeza o “desquite”por parte do devandito Mundo Senior.

Mais vouno a explicar mellor: unha vez no hotel, veña charlas para empaquetarche excursións a pasto, pero iso si, a un precio fóra do normal. E velaí onde o Imserso queda a pré: pagamos as excursións con comida incluída, pero aforran a do hotel. Todo calculado, máis as consumicións a precio abusivo.

Pero non é este artigo motivo para queixarme, senón todo o contrario, o trato foi exquisito desde a mesma estación de autobuses en Coruña con un picnic para a viaxe, máis a atención de azafatas en tódolos momentos do traxecto. ¡Pena de azafatas novas no medio de tanto vellume!

E por fin subín ao meu primeiro avión. ¡Ai, miña nai, que sensación! Menos mal que non me enterei da altura ata que cheguei a destino. Aínda que ben pensado o tortazo sería igual de mil metros que de once mil. Pero non, unha viaxe fantástica dende Santiago ata Sevilla. Bastante peor á volta que sobrevolando Vigo, un tremento bache de ar, fixo berrar a toda a pasaxe. Pero non, eu non berrei, aínda que dixen: isto acabouse, Méndez.

Pois iso, que, esquecíme da familia, da banda, da casa e de Corme enteiro, pero sobre todo do toque da campá a iso que xa sabedes. Por sorte non tocou por ninguén.

Estou chegando ao final e aínda non vos dixen onde estivéramos: En Matalascañas, da provincia de Huelva, mesmiño pegados a cen metros do Coto de Doñana, onde dito sexa de paso, non se ve nin un coello aínda que entres ata a metade do Coto. Logo o paseo marítimo de cinco klms., que andivemos de punta a punta varias veces.

Así as cousas, visitamos Sevilla e navegamos polo Guadalquivir (ata fun mariñeiro media hora sen marearme), e atopei o nome de Corme na Praza de España, case nada! Logo a fermosa Huelva e, o máis apaixoante: O Rocío e Almonte onde durante o inverno está a Virxe, alí asistimos a tres misas rocieiras que me chegaron a pouco.

¡Malia que o triste foi o día de volver, pois, con aquel plán de vida: durmir, comer, pasear e bailar, facía falla ser parvo para non estar a gusto. ¡Ata non che está mal isto da terceira idade, por non dicir de ser vello! Porque o sentirse bello no medio de tanta “carrocería” sería unha utopía, todo son arrugas e barrigas. ¡Que ben riman!

E como dixen máis arriba, o trato foi de un dez. Andan con nós, coa terceira idade, o mesmo cá cos nenos nunha gardeiría. O único problema foi que engordei tres kilos en dez días. Isto multiplicado por 150 personas, fíxome entender o porqué o avión á volta pegou semellante bache. ¡Era visto!

No hay comentarios: