jueves, 5 de agosto de 2010

OLA AMIGOS


Levo tempo sen facer ningún artigo para este meu blog. A verdade que agora con isto do Facebok, os blogs quedaron bastante de lado. Ben pensado, ata eu estou enganchado polo das fotos antergas de Corme, o resto nin me interesa. Tamén todo hai que dicilo, merquei un violín para recuperar os catro anos que fixera e logo deixei hai quince anos. E a serrar todo tempo libre! Xa sabedes, son incapaz de estar quedo. Despois do Celga-4, estiven entre aprender algo de inglés, pero ao final decateime por este instrumento que sempre me levou os días da vida. Algo xa vai saíndo.
Pero outra das cousas que hoxe me arrufan a pór os dedos no teclado, foi que onte fixen a miña I.T.V., xa sabedes, o repaso anual da saúde. E hoxe dinme conta do mal que o estaba pasando este último tempo coa inquedanza do resultado médico.
Onte saíu todo ben e hoxe cando me erguín para ir coa banda a Riveira, foi o intre de sentir unha nova sensación. Un novo albor. O momento de sopesar o valor da saúde. O pouco que valen os cartos ante a enfermidade.
Foi ao erguerme, repito, cando sentín coma outras moitas veces, que a riqueza meirande é a saúde. Naturalmente non era nada novo, pero si era esa sensación que sintes cada ano cando todo vai ben. E para celebrálo nada mellor que unha actuación coa banda. A cidade de Riveira, á cal vamos sempre dúas veces ao ano, hoxe sóubome a pouco aínda co longo pasarrúas.
A vida non ten volta atrás, meus, pois sabendo o que hoxe sei, endexamais houbera formado unha orquestra. Motivo? Que hai dez anos perdín un ril pola enfermidade do fumador, a cal aínda está aí. E eu que non fumei nunca! Como fumei entón?, diredes vós, pois, como fumador pasivo, sempre ignorei o dano tan grande que iso é. Seis compañeiros fumando no furgón día e noite, viaxes de seis horas, descansos da actuación e coas ventanillas pechadas por mor do frío. E vaia se acertaron o equipo de urólogos que me atenderon. Todos o mesmo ditame: A enfermidade do fumador.
Que cámbio o da orquestra á banda! Aquí non fuma ninguén, só un mozo, pero iso si, fóra do autocar. Logo os horarios. E pensar que me criei na banda de meu pai e logo na de Infantería! Malia que o dito, a vida non ten volta atrás. Os refráns sempre son certos: Cando un morre, debía nacer e sabendo o que un sabe.
Non, nunca houbera formado orquestra por ningún diñeiro do mundo, máis cando non tiven carácter para non deixar fumar a ninguén dentro do coche. Tamén todo sexa dito, nunca pensei que o fumador pasivo tivera tan graves consecuencias. Así que meus, xa o sabedes, fumar só é puro snobismo, chulería boba, cheirume na roupa e no ar da boca. Agora, cando vexo a un púbere comezar cos primeiros pitillos pregúntome: Que pensará, que así é máis home? E penso para min, non, é máis enfermo.

lunes, 28 de junio de 2010

A SERRA NA LEMBRANZA




Velaquí esta foto para o recordo dunha época de Corme no século pasado. Unha lembranza máis para amosar a os nosos descendentes o día de mañá, ou ben neste intre, pois este retrato ten xa uns 20 anos.
A Serra, como así era coñecida na nosa vila, foi outra das boas industrias que mantivo, conxuntamente co muíño, uns seis postos de traballo directos, máis logo moitos indirectos. Aínda que quizais pareza pouco, xa quixeramos contar a día de hoxe cunhas cuantas industrias así.
Este senlleiro aserradeiro que coñecimos na segunda metade do século XX, tiña o seu particular peirao de atraque para unha gabarra que pasaba a madeira aos nosos inesquencidos moto/veleiros. Estaba este -e aínda se mantén en pé algúns dos seus alicerces- no camiño/pasexo que vai á praia do Osmo. Se mal non sei, coido que se coñece esa zona coma O Pescante, se me equivoco corrixídeme.
A casca dos pinos da Serra, era unha das fontes de abastecemento para as modernas cociñas bilbaínas dos anos cincuenta. Pero chegaba a pouco. Así, as pelexas pola casca eran case o mesmo ca na Fonte do Campo pola auga. Un pino para ti, e outro para min. Mulleres e rapaces á cola. E case debaixo do machado do obreiro que estonaba. Logo, a poñelas a enxugar ao sol nun dos moitos petonciños rupestres que había na tamén coñecida como A Chousa. Uns día adiante, coa carretilla de roda de pau baixabamos Vila García cunha saca cosida a “tente boi”. Cando as cobraban, eran dúas pesetas como moito, pois case sempre as doaban.
Pero o bon da casca -para nós os rapaces- era o estoupido que pegaban na cociña. Aquilo poñía os pelos de punta con tanta explosión! Isto sucedía no verán polo sequiñas que estaban, pois no inverno, a fumarea estaba asegurada na cociña por non estar ben enxoitas.
Con respecto á mecánica da fábrica, sempre foi movida por corrente eléctrica trifásica. Asemade o muiño contigo, diferenzábase de unha acea onde a quenlla é movida por auga como era o Muíño do Medio. Recordo que sempre cobraban en pesetas e nunca en maquía, logo, aínda teño no maxin como vaciaban o grao na moxega, o tarabelo sacudíao, e de cotío xa saía moído polo ollo caendo no caixón. Ai, aquel recendo ulideiro da fariña recén moída era axiña enchida nas bolsas de lenzo azul das nosas nais! E á noite había tortas. Con talladas de touciño e mel, se cadra!
Na recolleita feita para o meu libro, tiven a sorte de saber que tiveramos outro aserradeiro en Corme anterior a este. Estaba moi pretiño do que estamos a falar, pois, a súa ubicación era na casa do Río de Riba fronte ao mesmo lavadeiro. Cóntame o meu amigo, o centenario Alexos da Pesqueira de Ponteceso que, estoutro tiña chimenea o mesmo ca os pontecesáns, co cal funcionaba por caldeira a vapor. Malia que esa chimenea non lembramos habela coñecido! Debeu desaparecer polos anos corenta.
Porén, meus, e como dí o vello refrán: “Na vida nada se acaba, todo se transforma”. Síntome polo mesmo, ledo de haber vivido para ver en qué se transformou a nosa Serra, A Chousa. Por outra banda a industria madeireira tocou teito. A nova tecnoloxía para encofrado de obras, todo metálico, fixo que foran pechando un tras outro tódolos aserradeiros que se adicaban a este tipo mercantil, moito antes da crise do devandito ladrillo.

lunes, 24 de mayo de 2010

OUTEIRO DO CARRAL


















------------------------------------------------------------------------------------------


OS NOSOS CURRUNCHOS ESQUECIDOS.
A verdade que ás veces temos a beleza tan preta que non nos decatamos dela. Ollándo estas fotos da miña humilde colleita, dicídeme senón temos lugares que quizais brincamos neles de pequenos, pero co tempo foron quedándo no esquecemento. Pouco máis facemos ca pasexar do peirao á Arnela e Da-Capo, como se dí en termos musicais, ou sexa, volta ao principio.
Foi o pasado verán cando me dou por subir despois de 50 anos, polo menos, ao emblemático Petón do Carral, a primeira fermosura que se olla desde o Alto da Costa cando de fóra entramos en Corme. Eu sempre o lembro coma o noso Peñón de Gibraltar. Quedei apabullado pensando que lugar tan paradisíaco temos para un mirador, con toda a Ría de Corme e Laxe, máis a entrada de Barra e os montes colindantes ao noso alcance.
De sotaque xa comecei a facer un acceso desde as Casetas da Atalaia, catro pasos de nada e sen ter que subir ningunha costa. Logo, non sabedes o abeiro que hai entre os penedos, aínda estando a unha altura que debía facer tremer co frío. Nisto podedes crerme, pois eu son un frioleiro nato e sempre tremo aos ventos por mor da miña endeble gorxa e oídos.
No concernente á propiedade, de seguro que teñen dono, faltaría máis, pero dado que tampouco poderán edificar neles, supoño, sería unha das mellores compras por parte do Concello para un Mirador dos poucos que hai na Costa da Morte. Desexo matizar que, endexamais fun partidario de quitar a ninguén as súas propiedades, como tamén son contrario ás expropiacións. As cousas mércanse no precio convido e todos compracidos.
Voltando á fermosura do lugar, iso tíñao que disfrutar todo o pobo e visitantes durante o verán e o inverno, sería un atractivo turístico e cun acceso pola carretera do Cabo sen ningún outro problema. A vista, xa vedes, o mesmo ca do Monte Branco e ollándose de fronte. Ata poderíamos facer sinais e sen dúbidas nos veríamos.
Para quen queira achegarse a disfrutar desta fermosura, o mellor camiño neste momento é polo Carral. Non é moi doado polas silveiras e algún toxo, pero vale a pena. Aínda que son propiedaes privadas, coido que ningún dono reñiría por deixar pasar para disfrutar de tanta beleza e feitizo.
No entanto a todo isto, ata sería un sitio ideal para merendas e algúnha festiña medieval, sobre todo rememorándo que ese outeiro foi na antigüedade a torre vixía da entrada dos ataques mouros ao noso pobo. Isto sucedía aínda a finais do 1.500 e comezo do 1.600, segundo datos que teño no meu persoal arquivo. Ou sexa, cando se erguío a nosa capela.
Lembro unha vez no verán que subín ao alto de Cabeza de Manzaneda, de pronto comecei a sentir unha sensación de ledicia e gañas de sorrir. E decateime que as alturas prácenme. Pois case o mesmo me pasou neste lugar tan preto das nosas casas, só chegar a el, -agora pluralízo para dárvos máis gañas- comezas a sentir unha sensación de voltar ao pasado dos nosos devanceiros e ancestros. A cabeza voáche deica atrás na noite do tempo imaxinándo a nosa Ría sen peirao nin abeiro de ningún tipo. Cantos milleiros de veces os nosos avós e bisavós subirían a este noso rañaceos, para outear como estaba o tempo antes de saír a pescar!
Pero remato este meu soño esperto, pois xa sabedes que son un soñador, non fai falla ocultalo, deixando que tamén vós soñedes nesa utopía do meu maxín. Dubido que o vexamos cumplido. As cousas custan cartos e onde non hai non se pode quitar.

sábado, 24 de abril de 2010

CARTA AO ANÓNIMO DE ABAIXO

suso,eu tendo a miña nai viva,choro todos os dias pensando en cando me falte.pero ai xente ke non ten corazon algun,e e verdad,prefiren pasear o can,que pasear con sua nai
22 de abril de 2010 21:58

----------------------------------------------------------------------------------------
Estimado compañeiro: Na maneira de pensar e reflectir os teus sentimentos, coido que temos algo, moito en común a marxe de ser da mesma xeración, supoño. O teu comentario, que subliño ao comezo deste artigo, éncheme de tenrura en saber que non son eu só na maneira de pensar. En esas catro liñas expresas tanto que sobra folio para engadir nada máis.
Amigo, como quizás saibas, eu din a vida polos meus, para que escudriñalo si total somos un pobo no que todos nos coñecemos, non é ningún segredo nin tampouco unha vergoña. E sabes, meu?, a satisfación que sinto a día de hoxe é tanta que me enche o corazón de celme.
Como coñecerás, cambeei o rumbo da miña vida en prol dos meus. Voluntario na mili aos 17, á hora de cumplir podía quedar de cabo músico e en pouco tempo sería sarxento. Aínda así, aos 19 tituleime trompetista por exame libre no Conservatorio de A Coruña. Era un porvir para realizarme na profesión musical. Malia que iso foi truncado polo consello paterno. E con o mellor cariño por parte miña.
A día de hoxe estaba xubilado desde hai anos e coa mellor pensión que poida imaxinar. Agora cobrarei cando sexa..., a mínima! Xa ves! Pero iso si, sentiría dentro miña unha mágoa e unha débeda por abandonar á sorte a quen me trouxo a este mundo. Porque desgrazadamente seis anos despois, e aos dous meses de casar, o meu mestre da vida, meu pai, foise. A partir diso é mellor non recordar...
E sóubome a pouco a compaña de meu pai, as conversas e os seus consellos. Foi entón cando valorei o tempo de unha hora na compaña do meu proxenitor, no meu caso. Foi nese intre cando pensei como estiven a punto de perder eses seis anos da súa compaña. E collín a manda por el encomendada, cal premonición que pareceu sentir cando me pregou deixáse a vida militar. Esa manda non era outra ca de cuidar á familia a súa falta, para que dicir máis.
A día de hoxe o seu encárrego leveino a cabo. Xa todos están no Ceo. E non sabes a ledicia que sinto por ver a misión cumplida! Sinto o mesmo ca os mariñeiros cando levan o barco a porto logo da longa singladura. Moitas veces no insonmio, cavilei que sería de min na lonxana e, os meus, abandonados á boa de Deus. E estarrecía de calafrío. Nunca sería capaz nin co mellor soldo do mundo. Agora xa todo pasou e sinto, repitirei ata a saciedade, unha ledicia na ialma que me reconforta a máis non poder.
Amigo meu, dís nas túas entenrecedoras liñas que choras por túa nai antes dela morrer. Non, non chores, disfruta da súa compaña o día a día, cada hora e cada mencer. Sinte o agarimo das súas mans coas túas e na túa face.
Comparte con ela esa auga quente que só unha nai sabe facer. Iso, é Deus, amigo, o amor á familia e á vida. Logo, cando chegue ese derradeiro día, sentirás coma min -dentro da túa dór- que túa nai non se foi, quedou dentro de ti, co seu amor, co seu sorriso e a súa duzura. Iso si, con ela levará tódolos teus desfogos e segredos que endexamais contou a ninguén. Unha nai ou tamén un pai, son os mellores confesores que un pode alcontrar na vida. Polo demais, todos nacemos e sabemos que un día habemos morrer.
Lembraráste coma min e os da nosa xeración, de aqueles galletazos nas nádegas cando faciamos algunha alfacatruada. Mais non sentirás dor algunha, ao contrario, esbozarás un sorriso. Porque cando unha nai pega, compañeiro, a dor síntea ela. A dor sicolóxica é a que doi, a física dura dez minutos ata esquecela.
Reiterando o dito ao comezo sobre o amor que sintes por túa nai, remato esta carta, para min de verdadeiro sentimento ás nais e á familia, cun segredo entre ti máis eu: Sabes por quén imos chorar deica en diante?, pola nai da do can, esa si que foi pobriña. E por ela, pola filla, que pasexaba o can sen saber de súa nai, pois...,aínda que pareza incrible, nacendo muller non ten entrañas de nai.

domingo, 11 de abril de 2010

SEXAMOS SINCEROS, DE ALDEAS NADA.


--------------------------------------------------------------------------------------
Escribía hai uns días un xornalista da Voz, algo que xa eu fixen nalgunha ocasión: “Todo mundo ama, adora e envexa as aldeas, pero todo mundo marcha delas”. Matizaba non seu artigo -pavero e realista- que o “cariño” ao avó, non é máis que a visita domingal ou de pascua en venres. E claro, na soidade da aldea os vellos esmorecen por baduar. Porque todo hai que dicilo, pois, a poucos veciños..., todos a mal. Logo, cada visita do fillo ou neto sempre é ben recibida.
Tras do cocido de fartura e co sorriso por parte dos vellos, comeza a presa por mor dos nenos. Que teñen que ir ao colexio. ¡Coma se ó domingo tiveran escola da noite, vamos! E veña os mimos da avoa namentres comeza a baixar canto ten na casa: As consabidas patacas, seguen os ovos; chourizos; pernil e todo canto apareza á vista. Logo e por riba e coma quen non quere a cousa, os grelos, así por mor de quen vexa é cousa de pouco valor.
O ateigado maletero do coche fai baixar a suspensión e as rodas mesmamente parecen sen ar. Pero aínda falta algo que non pesa nin se ve: A paga dos vellos para o prazo do piso, do coche, do plasma, da neveira, dos mobles, a gardería dos nenos... “Ai abuela, tú no sabes como nos vemos para llegar a fin de més”.
E velaí á saída do coche que estivo fresquiño á sombra do cabanote. “Hai abuelos, que tanta tranquilidad teneis en la aldea. Que más quisiéramos nosotros...” Érache boa se colara, dicía o periodista. A outro parvo con esa cantinela. Vénse ao que se vén e punto: A encher o coche e a andorga sen pelar patacas nin lavar a cacharrería. ¡E por encima aínda quedan ledos os pais/avós!
E xa estamos na estrada dirección cidade e comeza a formarse a caravana. A “Caravana de mujeres” non, a das patacas que afunden o maletero do coche. ¡Que ben se coñecen! Só hai que porse na entrada da cidade ao serán do domingo e aquilo é un espectáculo.
E logo aínda teñen a face de dicir que a vida está máis barata na cidade que nos pobos e aldeas. “Cata que carallo, ho”, sen ningunha dúbida. Á conta dos velliños da aldea cómese toda a semana sen gastar un ren. Logo para o próximo, tráeselle un pouco aceite de oferta do Continente para que vexan as bondades de vivir na cidade. Á avóa cáelle a babiña e velaí o negocio. Nin os donos do Alcampo lle gañan a centésima parte.
Así as cousas, dicía o xornalista -máis eu- que ninguén veña con historias, as aldeas nin velas. O día que os vellos falten as silveiras cubrirán as casas e se te vin non me lembro. Nin o día de Difuntos, que xa é dicir, e caso de vir, pois iso, pórlle un manoxo de flores e cando enxoiten resecas que as quite unha veciña bondadosa. Vir e largarse a cén, todo é un.
Pero aínda quedan os do més de agosto. Os casteláns, cataláns, vascos e demais familia que nos honra coa súa visita. Van deica o Río de Froxán e: “Que marabilla, esto es paz para vivir y leer un buén libro a la orilla de este remanso de paz”. Malia que media hora máis tarde collen camiño de volta e aínda facéndose os doídos. E ata o ano que vén, se cadra! “Claro, las carencias: no hay banda ancha, ni súper, ni...”. Nin nada tíos, a outro parvo con ese conto. Como vai haber banda ancha se aínda as pistas son estreitas?
Mais non vos estou criticándo, meus, pois eu mesmo estou ata o mesmísimo de tanta paz silandeira duranta 66 anos. Necesito ruído con urxencia. Quero ir tamén á cidade, axiña e canto antes. Camiñar vendo escaparates e non silveiras. Pasexar onde a xente ule a colonia e non a xurro das modernas cisternas e a silo para as vacas. E cruzarme con xente que non coñezo sen falla de torcer o pescozo polo de estar a mal.
Porén, meus, non sexamos hipócritas, e dígoo en primeira persoa e en plural. Das aldeas fuximos o mesmo ca os ratos do faiado desde que non hai millo de colleita. Á vista está que cando chegan a Corme os turistas en “busca de paz” e ven pouca xente din: “Que barbaridad, que pueblo más muerto”. Pero non queríades paz?. Non, non queremos paz, queremos ruído. Eu tamén.



martes, 16 de marzo de 2010

O MEU OUTEIRO: "O CAN ANTES CA NAI".


Nos xornais de hai uns días, lemos unha triste nova onde dous irmáns non quixeron saber nada de súa nai. Ela, a pobriña, estaba abandonada na cama e con 90 anos e o seu home e coidador coa mesma idade, tivo que ser hospitalizado. (Quizais xa o leras todos). Pero o conto que me trae, é algo que vivín persoalmente hai uns anos o cal é un calco do artigo devandito.
Estaba eu unha tarde de verán nun paseo marítimo da provincia -que obvio por non dar datos- cando me atopo cunha coñecida da bisbarra paseando o can. Á miña pregunta –inocente, por suposto- de como estaba súa nai a cal tiña alzheimer, a resposta foi que non sabía nada dela. Quedei abraiado e de sotaque sentín noxo da súa presenza, máis aínda, cando de coitío lle pasaba a man ao peluche co agarimo para min mais repelente.
Tempo despois, súa nai morreu. E veu ao velorio. E coma é costume recibiu o pésame e a dor dos veciños. ¿O pésame, de que dor? Velaí a hipocrisía de tantos e tantos moitos, que, logo de non saber ren dous seus teñen a face de recibir o pésame, repito. Tamén é moda e queda moi snob.
Hai un vello refrán –porque a vida é unha enciclopedia de refráns- que di: “As familias vense nas ocasións”. Mais ben non se ven, pois..., o defunto suponse que xa non ve. Aínda sendo certo, este refrán é de tristura. Que toda unha vida sen ollarse nin dirixirse a fala e logo á hora da “ocasión”, velaí aparecen os descendentes. Canta querenza! Tamén habel@s hain@s que teñen prace en ver a cara do finado, ou sexa, haber como quedou de bonito, aínda que isto máis ben se dá nos alleos ao velorio.
Pero o abominable de todo isto, é o feito de ver a miúdo como se rexeita á familia, ás raiceiras de un, ao árbore de cuxo froito pertencemos, para ao mesmo tempo contemplar a empatía con e por “amigos”. Ten un que chegar á terceira idade para ver o que xamais imaxinou: Que un pai ou nai atópase en calquera esquina, sen embargo un amigo...,ai!, iso xa é cousa de coidalo cal peza de Sargadelos no andel do chineiro e con porta de cristal.
A verdade que para os que coma min, rexeitamos a unha profesión e mellor porvir cun horizonte máis brillante para coidar aos nosos devanceiros, énos difícil de asimilar. Persoalmente non acerto a entender como un cristián (?) é capaz de durmir sen cavilar se os seres que o trouxeron a este mundo estarán ben ou mal. Por moitos defectos que teñan, un só pode ser fillo dese pai ou desa nai. Si os nosos proxenitores houberan casado con outras respectivas parellas, nós non estaríamos aquí.
Dicíalle un médico a unha nai ante o afastamento dun fillo: “No se preocupe, señora, que si algún día se entera que está en el sanatorio, verá como llega allí enseguida”. “Mire usté doutor, no sanatorio xa hai enfermeiras para atenderme, sabe?”.
Mais tamén é certo que o que sementa recollerá o froito que plantou. Ou quizais non, vaite ti a saber. Sempre houbo excepcións e xente con sorte. Malia que a sorte é o mesmo ca lotería: toca cando toca e onde cadra. De calquera xeito e no que a min respecta, cambiei o rumbo da miña vida polos meus e de certo que sinto un deber cumprido. Outros non o fixeron e tampouco foron moito máis lonxe nin son máis felices.
E remato este artigo de hoxe, de tristura polo realismo que encerra, coa letra de unha de tantas cancións que á Virxe como nai, compuxen. Porque unha nai, é unha fonte cal manantial que endexamais enxoita. Unha fonte de inspiración para calquera compositor, onde sempre atopamos unha nova maneira de cantar a esa nai que nos levou nas entrañas e nos pariu con dor. E de certo, que, sobra temática para cantar á nai:
Unha nai que por nós dá a vida / cando ó colo lle vamos chorar / na procura do noso desfogo / soio ela nos sabe escoitar. Unha nai que non dorme na noite / doce estrela polar que nos guía / na labor cotián por nós reza / Unha nai que se chama María.
Como as flores que abrouxan no maio / así amosa o sorriso unha nai / co anceio dos fillos bicar / coa ledicia da nai de Deus Pai . Na inquedanza da escura noite / tras da fiestra ollando vixía / unha nai que por nós non acouga / Unha nai que se chama María.

viernes, 5 de marzo de 2010

CORME, ÁS 4 DA TARDE DO 5 DE FEBREIRO






CORME AO DÍA
Pois iso, meus, que así estaban as obras que vedes nas fotos ás catro da tarde de hoxe. Cun vento de Nordés que facía tremer, decidín ir ata o Cairo polo de quentar os pés. E así foi, cámara en man e de retratista, xa case a tiña enferruxada despois de tanto tempo pechada.
Todo isto é para os que viven na diáspora lonxana e que agradecen ver o seu pobo ao día. Os que están máis pretos, coma os da Coruña, xa veñen a miúdo e de calquera xeito non sofren tanto.
Por unha banda, a obra da Serra, que xa vedes como vai indo e por outra o muro Sur-oeste do Campo do Cairo. Xa está listo o alicerce en formigón, só falta o recheo que estaban hoxe con el, e logo o peche con bloque. E xogando, que é xerundio.
No concernente ao Cairo, coido que vai quedar en boas condicións. Non hai que esquecer, e menos politizar o derrube do muro, pois todos sabemos que fora erguido pola mocidade cormelán e sen grandes medios económicos, pero iso si, con moita ilusión. Pouco máis era ca un valado que actualmente non podía co peso e humidade acumulada.
Como xa sabedes nunca me gustou o fútbol, pero hoxe mesmo no Cairo matinei no caso dunha boa Primitiva coa cal deixaría o meu grao de area nese ventilado Campo. Xa naquel entón –era eu presidente da Asociación- lles manifestei aos compañeiros impulsores do Campo que o lugar era moi venteado. Pero eles, meus pobres, foron ao barato e..., logo acabei participando en axudarlles –so mentes- a buscar aos propietarios.
Debo engadir que naquel intre, eu propoñíalles mercar a finca onde está o Polideportivo, pero aquilo era articulo de luxo para os petos da chavalada que estaban ao fronte de erguélo campo.
Mais todo hai que dicilo, pero cada vez que subo a Pallagueira -a costa antes do Cairo- éntrame unha tristura de nostalxia polo da miña nenez, cando, coma tódolos da miña idade tiñamos que carrexar esa correado e golfe que vedes no anterior artigo ¡E agora que non xunto alento para alancar sen chaqueta!
Cómpre engadir que a chaira de O Cairo aínda era unha “etapa de montaña” como se di nas voltas ciclistas, pois algúns compañeiros da escola tiñan que carrexar ata As Capillas. Así en castelán, pois si digo Capelas o mesmo non se entende. A sorte foi que non tiñamos leira tan lonxe. Que mágoa!
E agora que hai boa estrada, ao Cairo en coche para facer deporte. E digo eu: si é para facer deporte, non é xa boa cousa choutar costa arriba? Pois non, hai que levalos e ir buscalos, tampouco lles sirve costa abaixo. Mais mirade vós senón tiñamos nais matinadoras, que, para non vir en lastre, de volta xa traíamos un alimpeiro de fieita ou estrume para o cortello do porquiño ou das galiñas. Que non pense ninguén que o de andar el lastre é unha cousa nova, iso xa é máis vello ca andar a pé.
Deica logo, pois xa me está entrando a nostalxia da nenez.