jueves, 6 de noviembre de 2008

Gabián ou pombiña


Levo máis dun mes ollando esta foto e por moitas voltas que lle dou, non atisbo a caer na conta do que está a matinar o pretendente. Porque sexa como for, a súa mirada deixa adiviñar varias cousas: "Largarme antes que sexa tarde". "Xa botou a máis de un para o cemiterio". "É certo que teño o pan debaixo do brazo coa comenencia, pero..., pero tamén se palmo no empalme"!
Mais logo vemos a cara de ledicia dela, da señora máis rica de Hispania. Ela non tira a toalla así como asado. Para mostra, ollade de esguello ese escote. ¡E esa chaquetiña vermella, a cor do amor!
Din os maiores da nosa banda da música ( fotos máis abaixo) aos mozos que non se comen unha rosca: "Vexetais, que sodes uns vexetais". ¡Pois debe ser certo cando despois de toda unha
vida coñecendo a esta muller, a verdade é que: Sangue e figura ata a sepultura!
Isto é pasar pola vida sen darse por vencida. (Que ben rima). Así as cousas o aspirante ó título está cos dedos facendo o "pito -pito colorito".¿ ? Ou ben esfollando unha margarida: "Esta sí, esta non..., pero segundo se vai achegando ó final..., se sae si, que fago?" Ata debía estar atafegado coa suor que tivo que sacar a gravata. E iso que parece máis novo ca ela. ¡Pero xa é de vello que aguanta máis un Mercedes antigo ca un utilitario do trinque!
Dicía o noso batería Pichita cando tiña vinte anos: "Un home é un home, e un gato é un bicho". ¡Dicía! Mais naqueles anos non sabía o que era iso da "prostáta". "¿Logo, as mulleres non a teñen, meu?", preguntou. "Polo que parece non, amais diso son coma o Sol: incombustibles, irresistibles, inaguantables, inaccesibles, imposibles, inconfundibles, intocables?". E vámolo deixar aí que xa está ben de gastar tinta ó custo que está agora.
Malia co visto, val máis unha retirada a tempo ca ser retirado no carrexón, por moi ateigado de flores e coroas que leve de galano e un funeral con doce cregos. Mellor siga co "pito-pito colorito" que, con mulleres así, fai falla ter moito "esprito".
"Mellor meu señor galán, achéguese a unha ruliña, vostede é pouco gabián e ela moita pombiña".


miércoles, 5 de noviembre de 2008

Concerto Saharaui







Realmente foi algo emocionante na nosa historia. Quen ía a pensar que uns nenos do Sáhara serían capaces de dirixir a banda e levando o compás o mesmo ca se naceran acó. Porque non foi só este que ollades aquí, pois subiron ó escenario outros dous máis. E os tres levando o compás sen haber visto nin ouvido unha banda endexamáis. Incrible pero certo. Quedei abraiado.
Cada ano, un grupo de nenos saharauis veñen deica á nosa terra bergantiñán. Son espallados por toda a baixa do Anllóns en casas particulares. E ben atendidos, por suposto.
Durante uns anos viña á casa duns rapaces compañeiros da banda un destes nenos. Cada domingo acudía ó ensaio da banda. E xa era un máis. Logo, foron á súa terra os nosos rapaces mais seus pais. Quedei abraiado cando me ensinaron as fotos da súa estadía aló no Sáhara. ¡Canta miseria e pobreza!
Nunha foto, unha cabra intentaba pacer na area. E só remexía nun cacho de plástico. ¡Nin toxo, queiroas, fieitas ou xestas! Nin unha herba en ducias de fotos que tiveron a ben ensinarme. ¡Só area e máis area! A tenda do pobo, só tiña nun andel media ducia de botes de dátiles á venta. Estarrecín con só ollar as fotos. Dende aquel día ata dou grazas a Deus por tanto toxo.
¡Canta riqueza temos na nosa terra e que pouco a valoramos! Alédome do día que tiven na man as devanditas fotos, ata mesmo coido que temos unha riqueza cos montes e cunetas ateigados de toxo. Nunca tanto o valorei. ¡E a auga, iso non ten precio! Logo trememos no verán se non chove nun mes. ¡E non podemos duchámonos tres veces ó día!
Pois así meus, así foi a miña experiencia con estes nenos. ¡E son listos, malia non ter escola! A verdade que por ter escola un non é máis listo. Dou fe polo sinxelo feito de comproba-lo dirixindo a banda. ¡Logo a cara da nena tan atenta á batuta que ata non sorríu durante a peza!
Foi a actuación máis leda que fixen na miña vida musical. Os compañeiros non cabían en si de prace e, xa nos tarda o vindeiro ano para volver a aledalos.
¡Pero, que dirán, que pensarán estes nenos cando se ven nunha casa calqueira da nosa terra e atópanse con baño, televisión (por suposto luz eléctrica), teléfono, roupa limpa e comida en fartura? ¡Que pensarán ollando este noso verxel da natureza? ¡Que dirán cando de novo teñan que volver á súa terra? ¡Que dirán!



lunes, 3 de noviembre de 2008

¡Corme sen os seus gatos!



Velaí unha parella camiño do cani/sexólogo. Seica tiñan vez para hoxe. E sen tarxeta de seguro, malia aínda a cousa. Mais con moita duzura e moito amor. ¡Pero cheos de tristura, pensativos e maxinando que lles farían! Chega con velos. El, todo un cabaleiro acougando á súa dona polo noso xardin. ¡Xa quixeran máis de catro ter un compañeiro tan agarimoso e con tanta tenrura! E todo por culpa dalgún pitopáusico que, pola rabia da súa impotencia quixo vengarse nesta parella, cal reflexo de cantas había en Corme. "Cobalde, más que cobalde", diría Chiquito de la Calzada.
¡Fai falla ser cativo e malo! ¿Que culpa terían estes pobriños podendo, namentres poden, aquelar o aquel de aquelare? Ou sexa, botar un:¿ "Quién vive"? (Non sei quen trouxo esa frase da fronte da guerra, pois iso era o alto que daba o soldado de garda).
Á parte do que conto, saía eu o outro día (mellor dito pola noite), cando baixaba do Campiño un gato. Capado sen dúbidas. Notábaselle na maneira de camiñar. Viña coas pernas de atrás, que mesmo parecía ter o tangaraño. Ou sexa, escarranchado. ¡Ata me pareció que me ollaba con displicencia!
De súpeto, non sei se foi o sub, ou o consciente, fíxome levar a man a "salva sexa o que queda". Como o ledes meus, maldita mentira vos digo. ¡E pensei de camiño ó peirao (pois agora que está prohibido o paso, ata da máis xeito ir), porqué tiveron que facer os de Gatocán semellante ruindade! Isto non se lle fai a ninguén. ¿Non chegaba con facer neles a "canectomía" ou nelas a ligadura de trompas? E seguirían o mesmo cas parellas modernas, salvando as comparacións que sempre son xenreiras, nunca máis lonxe diso. ¡Pero non, tiveron que capar ás parellas de feito, pero de "feito" total!
Malia isto, hai que poñerse no caso, pois é o mellor exemplo. ¡Sentirte capado en plena xuventude e cos adelantos que hai hoxe! ¡Non hai dereito! Aquela noite case non durmín matinando neles. Espertaba suando logo de soñar coas coitelas afiadas dos antergos capadores cando nos viñan..., o porquiño.
A marxe disto, aló quedou Corme sen o seu atractivo: Os gatos. Era o único que tiñamos. O mesmo ca Festa do Percebe. Xa non vén a televisión. Tampouco saímos en "Gente".
Pode sentirse ledo e satisfeito o que tal cousa salientou nos xornais, ben de seguro que ten prostatite. E, que gañou coa venganza?
"Por la gloria de las gatitas que ya no pueden ser madres: Cobalde". (de Chiquito)

domingo, 2 de noviembre de 2008

Lola a Pescadora.

Parte dun capítulo da miña primeira e inédita novela baseada no Corme do século XII.


Fora no 1.120 cando na Praza do Pan abrira unha nova cáneba que tiña de todo. ¡O de todo é un dicir! Pero foi o non vai máis naquel entón. E na mellor encrucillada. Era dun mozo solteiro e de bo ver que viñera de Baio. Chamábase Evaristo, pero logo se alcumou O Baiés. ¡E non fixo falla máis: bo mozo e forasteiro, mulleres a polo tendeiro!
Pero velaí que dous meses adiante o pobriño caeu. ¡Non, no chan non, máis lle valera! Esvarou sen “querer querendo” nos brazos dunha viúva nova: Lola a Pescadora, como así se coñecía. Dicían os máis vellos do Porto que: “pescando homes, había que deixa-la”. Ós sábados á noite e na baiuca do Río da Roda, seica preparaba lapas e minchas en salsa verde que había que chuparlle o dedo. A ela, cando che daba a salsa a probar, despois..., o que lle cadrase. ¡A verdade era que estaba para zugala, a ela!, (Deus mo perdoe se peco, pois, eu aínda era un rapaz e sen facer a primeira comuñón).
O primeiro finado de Lola, fora máis ben un tapa faltas. (Finado, non home.Ten que haber de todo na vida). O seu era estar ben mantido e despois unha boa sesta. Seica palmara na cama despois da cea (máis ben unha chea) de Noiteboa. Polo visto, comera bacallau con colifor, raxo frito e case un molete de pantrigo. ¡E a súa caneca de un tinto purrela que, algo mollaba! Logo disto quíxoa endulzar cun bo postre: “Lola, baixa do andel o marmelo, pasas, figos pasos e queixo.” E viu os xeonllos dela ó subir á banqueta. Logo veña dúas perfiñas de sol e sombra, pois, un día é un día e noiteboa só hai unha ó ano. En vista do “visto” e para rematar, ou máis ben rematarse, non deixou para mañá o que podía desfrutar hoxe: Facer uso do matrimonio que, para algo estaba casado como Deus manda.
Segundo ela contou, el botou un: ¡ai, ai!, e ela pensou que era de prace. “¿Logho, xa te vas, meu home?”, seica lle dixo ela. Ouvío outro ¡ai! e..., e fórase. Fórase para o outro mundo. Estaba morto. ¡Quedoulle a Lola coma un paxariño no inverno!
Pero ela tivo moita dor por el. A dor foi que lle quedou encima e case lle rompe as costelas co peso. Ela foi logo a que berrou uns ¡ais! Pero de socorro, pois, tivo que pedir auxilio para quita-lo de encima. Ó final e como non daba chegado ninguén, batíoo da cama en baixo. A dicir verdade, quitouno de encima dúas veces; unha que pesaba dous quintales e outra que non gañaba un maravedí á semana.
Non sei se por bate-lo ela da cama ou non, pero o conto foi que ó finado saíronlle cornos cando estaba na caixeta ata na mesma queixada. ¡ Mesmo parece cornudo! Dicía a xente no velorio.
Malia a cousa, pero coma un bo cormeán, foi el quen deixou unha frase para a historia: “De grandes ceas, están as sepulturas cheas”.
Con todo, ela sufrio moito; moito, moito, moito. Á hora do enterro saímos con el nun carro de vacas. ¡Calquera cargaba con semellante morto ata a igrexa do Santo Hadrián Vello! Ela -a viúva- no Río de Riba, como tiña moita dor, subiu tamén ó carro. ¡O crego non quixo leva-la no seu faco, senón a condenastra xa subía con el!.
Agarrada ás caínzas, foi sentada na caixeta, co cu sobre da parte da cara do seu finado. E chorando moito coa dor. Logo soubemos que a dor fora unha punta da caixeta que cravara nunha nádega. ¡Pero mira ti, ela foi no carro e nós a pé! Cando o baixaron á cova, ela botou un chanto de súpeto que o crego co susto case baixa co defunto. ¡Ata seica se escoitou na Aldea! Logo tivo a fineza -coma os ilustrados e ricos-, de botarlle unha presa de terra encima. ¡Ai non! Á volta veu no carro de novo pero puxénronlle un coxín sobre un monllo de palla. Viña moi desgustada. Esvaecida porque daquela non se cobraba a viuvez.
Ó día seguinte Lola seguira pescando pois, para algo era a súa profesión. Pero o Evaristo era troiteiro do Río Grande de Baio en non picaba con amocelos. Unha asada en tarteira de barro e ateigada de minchas e lapas en salsa verde, foi a maneira de pescar ó mariñeiro de auga doce. ¡Tamén viña cheo de troitas, todo hai que dicilo!
Evaristo era bo rapaz e tivera dez anos moza de reigo. Eran da mesma Piroja, baixo de Monte Torán. Un domingo de feira en Baio, un tratante de Santa Comba pescoulle á Benita mentras el pescaba troitas no Río Grande. Daquela as feiras eran de moita pesca, mais a ela non lle sabían as da porta e subiu a rilleira de S. Roque do Monte para probar as do Xallas.
O noivo, aflixido e coa raxeira, pillou Roncadoiro abaixo camiño do noso Porto e buscando un novo horizonte. Era visto que Evaristo, nacera co seu fado: o de ser pescado.

Corme Cháns Cousillas







viernes, 31 de octubre de 2008

Na vosa lembranza, Corme





In Memorian.

Velaquí o noso pobo entre os anos 1910-15 da centuria pasada. Quedou a vila pero foise aquel pobo. Mais a sémola non morreu. Enxendrou e xermiu un novo pobo coma unha árbore na primaveira. Porque non hai vila sen pobo, nin pobo sen vila.
E aí están pousando para o fotógrafo de quenda nun día de festa, ben de seguro. Non era Vidal naquel entón. Pero iso é o mesmo. Malia a tristura é que agora nós con máis recursos, non somos capaces de deixar testemuña aos nosos descendentes.
Fai anos que teño esta foto no meu baúl dos recordos, mais non poiden, no día de hoxe, resistir por máis tempo o deixar pasar esta data sen que saíse á luz pública o recordo dos nosos devanceiros.
¡Cantas veces a ollei e, tantas estarrecín de calafrío! ¡Quizais xa non quede ninguén e aínda foi estoutro día! Quedo pasmado ollando a un pobo que aínda lembro. Coñecín á maioría deles. Pero xa non están. Agás se algún vive, será agora centenario.
Mais, vaise o home, pero queda a súa obra, o seu recordo, a súa familia. Amais diso, eles están aí, no retrato, na nosa mente, no noso corazón. Porque eles son o Corme que nos trouxo á vida, os nosos ascendentes, devanceiros e vedraños. Sen eles, nós non estariamos acó.
Tampouco coñeceron as televisións, os avións, o teléfono e menos o móbil. Nin soñaron coa lavadora; nevera; lavalouzas e por suposto coa luz eléctrica. E foron felices. Sen présa e con lecer para todo. Non coñeceron o estrés nin souberon do psicólogo, non lles fixo falla.
Hoxe e mañá é o seu día. A data de lembrá-los con máis agarimo. Uns faráno rezando e outros a súa maneira. Hai quen di que é a súa festa aínda que a min éme de mágoa aceptalo. Son moitas as veces que maxino se é que nós pasamos pola vida-tempo, ou ben é ó revés.
E deixo que cada quen olle nesta foto, como paseniñamente vamos pasando pola vida. Quedo abraiado cando escoito dicir: "Hai que xogar a partida para "matar" o tempo". No meu senso non cabe esa verba, o tempo, a vida, hai que aproveitala a máis non poder.
Reiterando a lembranza dos nosos ancestros, gardade con agarimo esta foto tan de noso.

Corme, un de novembro de 2008.







martes, 28 de octubre de 2008

O canciño da Señora (1.850)



O canciño da señora.
Ano: 1850
(Conto baseado nunha historia real. O meu respecto ás persoas que queren os animais)

Chamabase : María de las Mercedes y Ángeles del Rosario Pena de Casares. Ela, o canciño non. El, o can era Perrusqui. Ela viñera facía moitos anos de Ourense en busca de noivo logo de percorrer as outras tres provincias. Pero nada, na Cruña tampouco atopou. ¡Era visto!
Unha tarde chegou na caravana de cabalos tipo "wirlicote" (de todo luxo) que facía a liña de ricos dende a cidade ata á Ponte, (naquel tempo aínda era a Bouza). Segundo ela dixo, era de "clase alta", a familia suponse, pois ela só debía medir o longo dunha vara de chamar as vacas. ¡Sen contar o aguillón, por suposto!
Ai, pero de contado houbo que trata-la de dona, pois, pequena si, pero "véigana os demos.“La mar me coma” senón se fixo unha autoridade na bisbarra. Seica traía un título de facer escrituranzas e rexistros de terras e casas. A súa familia debía ter predios e cartos que logo lle mercou a mellor casa da Trabe. E cunha coutada ó Norte toda chea de froitales. Quería unha casiña soleada por mor de non arrefriarse, pois a quentura de Perrusqui non a daba amornada. Nin coa lareira chea de cepas de piñeiros cernís quencía a señora. ¡Pero con casa e todo, non apareciu un galán a quentara!
¡Era moi engaranida a pobriña! Debera sofrir o tangaraño de pequena polo trenca que ela era. A perna dereita mesmo parecía a Lúa cando vai no Cuarto Crecente. E a esquerda pois iso, o Cuarto Menguante. E así brincaba Perrusqui por entre as pernas dela mentras ían pola Vereda deica Tella á Misa. (Dicían as malas linguas que tamén foi o único que atravesou aquelas pernas. Bo é algo). ¡Pero ollo ó boi, era a Señora, así con maiúsculas! Que non ollase un sorriso en ninguén nin un chiscar de ollo.
Unha noite do outono con vendaval e maruxía, estabamos tomando unhas cuncas de tinto con castañas de coiro na baiuca do Baiés. De súpeto chega o noso amigo Pepe: ¿Non sabedes que pasou logo?,dixo case sen alento pola présa que traía. Nós trememos en ver a súa face pois, mesmo pensamos que vira algún espirito.
“Morreu o canciño da Señora, o Perrusqui”, dixo el por fin. “Mecághona tós, pois hai que ir ó velorio, non queda máis remedio”, dixemos a unha. ¡Calquera faltaba ós velorios dos señores naquel tempo! Ó médico, cregos, mestres e caziques, nin se che ocurrira faltarlle.
De contado pillamos camiño e en catro choutos estabamos alí. Xa case non había sitio no cabanel. Falaban que morrera de balbesiosis por mor dunha peste de pulgas e piollos. O albeite de Anllóns non tivo nada que facer. Subimos ó sobrado e alí estaba o “finadiño” na cama principal deles, ou sexa, no leito conxugal. Un edredón de algodón ata o pescociño. Na cabeza, debaixo da caluga, un coxín de puntilla de Camariñas. Pero coa lingua fóra e babeando pola súa enfermidade. Tal cousa foi que houbo que poñerlle un babeiro de liño de Carreira.
Daquela non había iso do “necromaquilaxe” que fan agora, que senón..., tampouco ía sen el. Dúas plañideiras laiaban a máis non poder.¡E alí estaba ela ó pé do cadaleito que estouraba en bágoas! Era o home que tiña, viúvas hai que choran ben menos. ¡Ata sentimos un calafrío con tantos chantos! Pobre muller, que tan soíña quedaba. ¡Malia, non era de extrañar co feíña que ela era!
Aló preto da media noite subío a criada cun pucheiro de cascarilla e roscas do Couto a fartar. ¡Carallo, aquilo fixo cambear a cousa; roscas houbera que, abofé valiu a pena ir ó velorio!
Ó serán do outro día houbo que irlle o soterro de Perrusqui. ¡Que menos logo da parva da noite! E aló saiu a caixetiña branca o mesmo ca dun anxeliño. Pero de rico. Ó pé da porta unha calesa con dous cabalos brancos engalañados de puntillas esperaba ó “finado”. Segundo falaron alí, ata lle quixera poñer crego. Pero non atopou. E saímos tras do carricoche ata o cemiterio coa boina na man. A Señora dentro con velo negro. E nós silandeiros sen dar fala. ¡Calquera lle faltaba ó respecto á Señora!
Chegados alí, un rezador de velorios liu unhas ladaiñas en "Latín". Cun ramo de oliveira e loureiro de domingo de Ramos, salpicou con auga bendita a destaxo. As plañideiras laiaron de tal maneira que seica se ouvío en Carballido. A viúva (digo a Señora), non daba enxugado as bágoas. Ata nós estarrecemos. Tamén virara o tempo ó Norte que pelaba o frío, todo hai que dicilo.
E nada de soterrá-lo na terra; para un nicho e con lápida de mármol. ¡Ai non! Dicía así: A Perrusqui, mi más fiel amor. Jamás te olvidaré. R.I.P.
Logo do enterro e baixando a costa da Capilla dixemos: ¡Xa quixeramos nós ir tan chorados! Non obstante cómpre dicir que a señora Pena de Casares, quedou con pena pero..., sen casar!.

domingo, 26 de octubre de 2008

Carta a Carme


O Ceo.
C/.Rúa do Pai, dereita.
(Resposta á carta do 28 de setembro).

¡Ai, Carme, pero ti logo estabas no Ceo? ¿E eu sen saber nada de ti? ¡E chorando no cemiterio coma unha vaga de mar, que mesmo reguei con bágoas as túas frores! Tanto abrouxaron Carme que, aquilo case parecía un xardín. ¡Que parviño fun! E doce anos de loito con gravata negra e lazo nas mangas e nas lapelas. ¡Mais agora xa foi oh, pero coido que mo teñas en conta, muller! No fondo alédome, malia o chorado.
¡Ai, pero ollando o teu retrato..., se estás o mesmiño ca de moza! O que non me gusta é ese viso sen mangas que tés vestido, (máis ben espido) é moi provocativo e sinto celos por moi santos que sexan aí. ¿Quen che dí a ti que non pode haber algún “rincidente”, como pasa acó agora? ¡Ten coidado coas tentacións que logo te botan para o inferno! Tapa os hombros con aquel dengue que leváche ó casamento e logo vestincho na mortaxa, oh; máis agora que vén o inverno.
¡Cáeme a baba ollándote Carme! E tés o cabelo froreado, non coma cando casamos que tiveches que ir co velo tapándo a permanente que che fixera o día antes túa cuñada Estrela.
Na procura de ir preto de ti, xa non dubidei no que me escribíche: deixarme morrer e ir xunto túa. ¡E xa non durmín pola noite nin o pensei máis! ¡Pero logo a mañá, olleime no espello e de socate pensei: ¿Como vai quererme agora, con esta face tan chea de engurras?
Carme, son o vedraño do Porto, ou sexa, o máis vello. ¡Ti tan boa moza aínda e eu eivado, sen cabelo, con caxato para non caer e coas zapatillas arrastrando os pés! Logo, a barba branca e sorrindo sempre coma un parviño. Xa non sei se terei dese “azreime” que hai agora.
¡E tés razón Carme, tampouco atino na bacenilla á hora de mexar! ¡Agora doume conta porque teño o chan do retrete tan roído! Entón caín da conta e maxinei..., con tantos divorcios que hai de cotío e sendo tan guapas as parellas, para que me vai querer Carme a min?
¿E aínda te celas polo de aquel día na misa? Pois vou contarche para que saibas que che sigo sendo fiel: Entramos un domingo á hora da misa, meu curmán Pepe e máis eu. Por costume, sentabamos tras da porta nun tallo vello e ata me arrefriaban os pés por mor da corrente. Pero el sempre o mesmo: que tiñamos que quedar alí. ¡Logo as mulleres ían entrando pretas de nós, e..., queiras que non, os ollos vánse sen querer, miña Sta. Lucía bendita! ¡Ai, pero cando chegou o sermón: “Todo aquel que peque con la vista y el pensamiento, es igual que si lo hiciera de obra.”. Nisto Pepe dime no oído: “Curmán, vamos daí pra casa que tantotén, xa tamos en pecado”.
Logo de aquel día deixeino quedar e pillei para a tribuna. ¡E só vexo ó cura! ¡E a ti, Carme! Un afillado vendiume un “móvile” vello e púxome a túa foto na tampa. Mentras o cura non sae, érgoa e bótoche unha mirada.¡Ai non! Estoutro día tamén quixen chamarche por el, pero veu o rapaz e díxome que ó Ceo non había “combertura”. Penso que me estafou o imberbe.
Tamén me dís se ollo no xardín algunha vella. ¡Pero Carme, se xa non vexo nin coas lentes! Home, algunhas mozas altas cando pasan pé de min, aínda as cotexo comparándoas coas vellas encraquenadas. ¡Pero é sen querer Carme, xúrocho! Amais diso, non te dás conta que son retataranetas nosas?
Para que vexas que boa honra teño, cóntoche: Fun falar co cura tal como dixeches. Leveille uns percebes, pero nada, que non picou. ¡E iso que non eran mexóns do Canteiro, eran do Cabo! Entón comecei a falarlle que me chegara carta túa do Ceo. ¡Non viras ti a cara que puxo! “¿Non ve, o queu lle dicía, hai Ceo ou non?”, dixo todo ledo e dando choutos. “E..., mirusté, Carme di que me confese e haber se mos pon sequera por veniales para ir pé dela”, díxenlle e seguín rogándolle cos percebes. “Que non oh, leve os percebes, o que vamos facer é confesar eses pecadiños”. E aló me levou á Sacristía, pois de xeonllos non termo. Pechou as portas e alí sentamos coma pai e fillo. ¡Ata me puxo unhas sotás vellas sobre das pernas e nos ombros polo frío!
E fomos repasando dende o primeiro ó décimo. Non deixou ni un esquecido. ¡Que memoria ten, ché! Pero a teima del era o sexto. ¿Non sei porqué? Logo díxenllo todo: O roubo do cabrito en Allarís e muxir as vacas no monte coa fame que había; a luz a D.Manolo dende o balcón con uns arames; peras, mazáns, castañas de coiro e noces. ¡Ai, e que nunca fixera iso que hai agora: o da renta ó Estado. (O que me esquecío dicirlle foi que non confesara dende a primeira comunión)
“¿Pero de verdá señor Corme que non ten máis ca iso?” “Pois..., queu sepa, non teño así mentes de máis, non”, díxenlle. “Bueno oh, senón ten nada no sexto, no resto calquera temos máis. Escríballe a súa Carme que xa está todo arranxado. ¡E xa ve que non fixeron falla os percebes!”, díxome todo ledo. “¿Logo vai poñermos por veniales?”.Nin iso oh, vostede está a salvo, usté vai para o Ceo”.
Éche un cura moi moderno, Carme, e non vexas tí como celebra a Misa! Mesmo a fai cunha ledicia que ata anima a ir e a comungar (agora chámase o pan do Señor). Logo faleille de cear xuntos os percebes con cachelos e arrufouse. ¡Puxémonos verdes! Despois, ata me axudou a facer a penitencia. (El de paso aproveitou e fixo o rezo diario, pero eu fixen o parvo pois ata me veu ben porque xa non lembraba o Credo nin as ladaíñas no Latín).
Agora Carme es ti quen xulgas se me queres ou non cando olles o meu retrato. Caso diso, pecharei a porta, meterei a chave pola gateira e ireime xunto túa. ¡Acó xa non pinto nada! Na noite escura estarrezo de frio na vella cama de xergón de palla e almofada de la de ovella. ¡E xa ves, estou preparado e en graza de Deus! Segundo el, o cura, non “piquei” no sexto pra nada e..., e o resto tantotén!
Quérete o teu Corme, Carme.

P.D. Mándoche isto por un "emilio" deses de "entrenet", que chegan máis axiña.