viernes, 20 de febrero de 2009

LEMBRANZAS CORMELÁNS: 8/6/1952

____________________________________________________________________
Hoxe de novo remexín no baúl dos recordos, e velaí tedes unha miña lembranza dos meus oito anos. Era o 8 de xuño de 1952, cando dende a casa de Tía América saíu esa procesión. Fora unha súa donación. Dende aquel día xa tivemos unha santa máis na nosa Igrexa: Santa Lucía, pero non eramos aínda parroquia. Naquel entón aínda estabamos anexos a Santo Hadrián. E así meus, ide premendo nas fotos co cal recoñeceredes a moitos que por sorte aínda viven. Outros, os daquela nenos, agora xa somos terceira idade.

¡Cantas lembranzas de aquel día! Un día adicado a esa Santa que cada 13 de decembro ateiga a nosa Igrexa, agora xa parroquia da Virxe dos Remedios dende 1959. Nese mesmo ano rematou a volta da Igrexa, e nesa data tivo con tristura que facer a maleta, cal exiliado ó extranxeiro, Don Manuel Romero Álvarez. Viñera no 1950 e namais acabar a súa obra, porque foi el quen a loitou, non tivo a sorte de poder disfrutala. ¡Cousas da vida!, escribiu Castelao, na mágoa da diáspora.

Mais cómpre lembrar a noite antes da marcha de D. Manuel: Foramos a rondalla ás once da noite tocarlle á porta. Saíu chorando e a música tornou silandeira cal cadencia musical rota. Abrazado a nós fíxonos entrar na casa xa baleira e cos baúles pretos da porta. Entramos á cociña tamén vacía. Mais entre chantos e bágoas, tivemos que intentar, treméndonos as púas eos dedos, aledar aquela triste noite. Lembrádeo logo con esa foto de recordo.

Para min foi algo inesquecible a labor deste home. E dígoo eu que a primeira semana que chegou, zoscoume unha lostregada. Pero esa dor física, quedou no olvido coa súa obra. E xa rematando vou contarvos unha das súas saídas temperamentales: Estabamos no bauticeiro dun neno un serán ó anoitecer, onde eu termaba á Palmatoria. Isto era aínda coa Igrexa sen dar a volta. Un revoltixo nas mulleres durante o rosario, fixo que lle mandáse ó sacristán señor Ramón ver que pasaba. Voltou Ramón e dille: "Unha muller morta no adro". Mentras lle botaba a auga ó recén pola cabeciña resposta D. Manuel con total tranquilidade: "Ah, bueno, pensei que era outra cousa".

Saúdos meus lectores e amigos.











1 comentario:

Anónimo dijo...

Era triste marchar pero a veces e melor facelo que quedar e arrepentirse toda a vida do que poido ser e non foi.