sábado, 7 de febrero de 2009

NO MEU HAPPY VERDI


---------------------------------------------------------------------------------------------
Tal día coma hoxe a esta mesma hora, e ás dez da noite, estaba nacendo o que isto vos escribe. Era un sete de febreiro de 1944. Hoxe cheguei á terceira idade, unha data á que lle tremía, nembargantes nin eu mesmo dou creto ao ben que o estou levando. A verdade que para dentro de min, aínda me sinto un mozo. ¡Pero cando ollo as fotos que aí vedes é entón cando me convenzo que o tempo non pasa en van!
Pero voubos lembrar o acaecido o sete deste mes de 2000 cando eran as cero horas e só dez minutos do meu 56 cumpleanos: Viñamos de actuar de Marin, cando a esa hora e ó sair de cear, sufrin a doenza do que me levaría á pérdeda dun rinle. Trinta e tres días no hospital. Non pensei chegar a hoxe e a Deus grazas aquí estou.
Compre sinalar que o bon de todo isto foi que durante estes nove anos foron os de realmente sentirme realizado como se soe dicir. A primeira nova foi tomar a dirección da banda, un soño co cal xa non contaba. En canto á segunda, erguer en Froxán un monumento na lembranza aos dezaoito músicos alí nacidos en só doce casas, algo que levaba teimando en min había anos e vin ese soño cumprido. E logo outra á cal endexamais ousaría de non haber entrado na Coral de O Couto: O de escribir o meu único libro -de momento- para a posteridade sobre da historia da música en Corme.
Mais aínda ocurriu o que nin soñaba: Que con este libro acadei o primeiro premio do Instituto de Estudos Bergantiñáns, e coa prioridade de vir facerme o agasallo ó meu Corme natal, cousa que nunca fixeran, a de sair de Carballo. Asimesmo este premio sempre fora gañado por xentes de carreira e altos estudos.Velaí tedes as fotos do evento na nosa Igrexa o 25 de novembro de 2006 coas autoridades de todo Bergantiños, incluida a Conselleira Provincial de Cultura da Xunta: Dona Milagros Lantes. Noutras están o presidente: D. Xosé Pumar Gándara e outros membros destacados das letras galegas e bergantiñáns e logo o concerto de banda.
Porén, tanta vergoña sentín a partir de entón, que é agora cando estou comezando á escola. ¡E sen présa! Cantas veces maxino que, "de non haber contado o conto", pois todo isto que vos escribo xamais acaecería a pesar que xa estaba na miña ilusión. Cantas veces penso que quixen tirar a toalla, como se dí, e grazas non facelo. Acó estou e cheo de ilusión. Porque non acaba aquí o conto: Ademais disto, pois xa vedes, fíxenme un "Intrenauta" e ata aprendin a escribir con tódolos dedos. ¡E teño o meu blog! Algo que con isto si que non contaba. (E non sei se non estarei enganchado ó ordenador). Como tampouco me imaxinaba compoñendo música no aparatexo este. ¡Cantas cousas dende iso!
Malia que agora xa serei un vello. ¡E non hai cuarta idade, segundo preguntei! Esa é aló..., no Cubeiro. ¡Tampouco me queixo, xa non foi capote! Pero o que máis me prace e relaxa é ir á escola. Ata creo que son o máis formaliño de todos coa ilusión que vou.
Así que meus, hoxe estou un tanto emocionado e quizais leades algo que vos faga sorrir. Pero non poido evitalo, eu son así. Ogallá vós, os máis novos, podades algún día sentir esta ateigada ledicia e dicir o inmortal poema de Celso Emilio Ferreiro, que tan ben cantaba Pucho Boedo cunha composición de Prudencio Romo, o dos Tamara:
"Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo i a miña mocedade. Nada teño./ O patrón está rico á miña conta, eu , á súa, estou vello. /Ben pensado o patrón todo me debe. Eu non lle debo nin tan xiquera iste sol que agora tomo./Mentras o tomo espero".
----------------------------------------------------------------------------------------------
A VERDADE QUE OS MEUS LECTORES -QUE SON MOITOS CADA DÍA SEGUNDO O CONTADOR DE BLOGGER- NON HAI UN QUE ME FELICITE NIN NO MEU CUMPLEANOS. QUÉREVOS O MESMO, PORQUE SEI QUE ME LEDES, PERO UN COMENTARIÑO ARRUFÁBAME MOITO MÁIS AÍNDA QUE SÓ FORA: OLA SUSO, FELICIDADES...,PERO NADA, SODES MOI CÓMODOS. (PERDÓN)
"TOU" MOI CABREADO CON VÓS.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Happy Birthday logo, pero tes que pensar que non todos estamos xa retirados e o tempo é ouro.
Lemos e rapidamente a outra cousa.
Que sexan moitos mais.