lunes, 29 de septiembre de 2008

Lembrando os nosos salóns de baile
SALÓN DE JESÚS CRÚZ
Corme

¡Canta lembranza, meus! Antes tiñamos dous cines e tres salóns de baile nunha soa parroquia. Agora somos dúas e, que temos no século XXI? Nin tan sequera coma os máis antergos bailes: O do Rascocú, dos Bochiños ou o do Cangrexo; este, na casa onde eu vivo, na Fonte do Campo. Pero aínda quedan na noite do tempo cormelán, moitos máis que neste intre esquecín.
No meu recordo a eles, vou comezar co de tío Jesús de Crúz, (tío, trato agarimoso en Corme) onde hoxe está a cafetería Roncudo. Sen dúbidas e cos datos que teño, este foi o salón máis antergo dos derradeiros, como foron: As Delicias e Miramar. Para isto, baséome nos datos de Alexos Blanco, o da Pesqueira de A Trabe que naceu no ano de 1910.
Segundo el, cando estaba aprendendo a músico en Corme Aldea con dez anos (1920), baixaba ós domingos ó Porto. Para poder entrar gratis e fóra de idade, “ofrecínme a tío Jesús de Crús para tocarlle o organillo”.
E así foi como con eses anos comezou a facer das súas trouladas. Co manubrio na súa man, Alexos comezou a tolear ós mozos. Cando a el lle petaba, apuraba a manivela e logo ía..., ía...,ía delongando amodiño para que as parellas puideran apertarse un pouco. Era entón cando os ollos dos mozos pasaban de olla-lo encabuxados a..., miralo agarimosos. ¡Quixera que virades a cara de picarón e o sorriso cando mo contou con 98 anos! Coido que foi Alexos o que inventou iso de: “dislloquei”. Así en galego, coime.
No que a este salón respecta, tiña no centro unha columna de madeira a cal estaba decorada con seis espellos nos que reflectaba a luz de carburo que xa naquel intre o tío Jesús tiña canalizado dende un depósito, como asimesmo a auga de un pozo por medio de unha bomba de achique manual. Por outra banda, este salón fora o primeiro cine (mudo, naquel tempo), que tivera a nosa vila. Polo que poiden saber, o señor Jesús era un home de boa situación económica, así como mui adiantado en ideas modernas daquela época.
En canto ó artístico, recordo unha ocasión que viñera actuar de atracción unha cantante: Mari Carmen. (Polo que oín contar viña a miúdo e algunhas veces coa orquestra Mallo). Tiña eu oito anos e meu pai tocaba con outros músicos da súa banda. Logo de moito rogar toda a tarde, conseguín que me levase con el. Ben pieitado, ía eu da súa man que non o cría ó longo do noso Campo, aínda sen asfaltar.
Non esquezo que namais entrar, o local xa estaba ateigado de mocidade, pois o feito de vir unha “artista” da Coruña cantar, aquilo era o non vai máis. Viñera no Guillén e nel marchaba pola mañá.
Ó palco na esquina onde agora está a porta do bar, había que subir por unhas escaleiras pintadas de branco. Da cantante recordo que subiu cun vestido de folclórica e cantaba as clásicas pezas de moda daquel entón: “Tani, mi tani”, “El cordón de mi corpiño”, “Pasodoble te quiero”, “El negro zumbón”, “Camino verde”, “María de la Ó”, etc.
Con respecto á foto xa ollades: a primeira casa á dereita era o salón fronte ó solar do bar Ricardo. Solo se ven dúas portas, pero tiña tres. Máis diante á esquerda, a “Casa dos Cans”, como así se coñecía por unhas tallas na súa galería. E de fondo, o arco que se erguía os días de San Roque e que aínda eu recordo. ¡Cantos añoros me trae! Logo, fardando polo noso Campo, xa vedes os nosos devanceiros fumando con chulería. ¡Ai non!
E só dicirvos ós da miña xeración, que nese local declararon o seu amor nosos pais ás nosas nais, non como agora que nin se declaran nin casan. E sen bico, que era pecado. Había moita luz no salón. Pero..., fóra ningunha. Mais iso si, moito amor. Xeito deberon buscárllo que aquí estamos nós. E a moita honra.

Nota:Premer a foto e sae pantalla completa movéndoa a ambos lados.














No hay comentarios: