martes, 23 de septiembre de 2008

Os nosos cines: Avenida e Olga




Foto da película cormelán:Unos pasos de mujer.

Dentro do ciclo de cine que vén de rematar a Asociación de Veciños, nada mellor agasallo que lembrar ós nosos dous cines como foron: O Avenida, aberto no comezo do 1942 coa película “El famoso Carballeira” e dous anos despois, no 1944, o cine Olga, que abría as súas portas na preta casa do lado, na rúa Real.
Este novo local –o Olga- dou comezo coas seguintes películas: “Mi cielo andaluz”, “Romeo y Julieta”, “Pepe Conde”, “Sin novedad en el Alcázar”, “Vida de Carlos Gardel”, “Margarita Gautier”, “Caminito de Gloria” e “La espía de Castilla”.
Con respecto a este novo cine, fora construído por Luís Ferro Souto-de Armelina-cando aínda non existía prácticamente o formigón, pero este lembrado ebanista fixo unha xoia para a posterioridade de Corme. ¡Un local que nunca debera ser derrubado pola súa beleza e aforo! Pero así son os sinos dos tempos.
Nesta primeira lembranza, tócalle a quenda ó cine Olga, pero sen esquecenos do Avenida, dos cales e segundo a miña opinión, vou facer unha semblanza do seu quefacer durante o tempo que lles tocou aledarnos.
O 1º local, o Avenida, da familia de Dna. María Mosqueira Manso, era rexido polos seus fillos: Santiago+, María Luísa e Isabelita. Era coñecido coma o cine de Doña María. Nel proxectaban películas moito máis comerciais, como eran as de: Antonio Molina, Pepe Blanco, Sara Montiel, etc. Un reflexo do que a día de hoxe coñecemos como “Cine de Barrio”, que logo completaba con vaqueradas e de mosqueteiros. O que soe dicirse, máis sinxelas e entretidas para un público que ía a aledarse e uns nenos-no infantil- que, o importante era semellar logo ó “Chico”; o que daba un bico de “tornillo” á máis guapa. Os púberes quedabamos abraiados en tal ver naquel tempo.
-------------------------------------------------------------------------------------
En canto ao cine Olga, sempre se carecterizou por películas máis serias e para un público que buscaba cineastas innovadores. Pola súa pantalla lembro pasar: “Lo que el viento se llevó”, “Ben Hur”, e un longo etc. de directores extranxeiros, malia iso sí, pasando antes a correspondente censura do réxime, calqueira das cintas dese tempo.
Dende sempre o Olga estuvo rexido polo ledo e querido amigo: Manolo Neira Pasandín+. Picarón e simpático coma el só, cando poñía unha película de amor, o condenastro sempre facía que rompía a cinta. De súpeto acendía as luces e..., e aló quedaban as parellas de noivos peliscando ou roubando un bico -polo de semellar ó "Chico"-cada unha como podía.
Para nós, os rapaces daquel tempo que só íamos o infantil do domingo -cando cadraba, pois custaba dous reais- había un entendido que ía ós dous cines. Sábado a un eo domingo ó outro. Era tío Pillo (Elpidio Cháns) quen tiña que dicirnos cal das dúas películas semanais fora a mellor. Diante do seu ditame, non cabía entre os rapaces máis discusión. Quedabamos apabullados escoitando a súa versión ¡Canto sabía de cine!
En canto á competencia entre ámbolos dous, lembroa de moi boa amizade. Ó sábado había que ir ver “as carteleras” que os dous colgaban nas súas fachadas. Santiago de Doña María, engadía un texto nun meirande encerado vertical, facendo xa un comentario adiantado. Asimesmo recordo como as colas chegaban diante das taquillas de ámbolos dous locales ¡Aínda que non houbera para cear! Pero os dous estaban ateigados. Era a ilusión e a diversión que había naquel entón á falla de radio nin televexo.
Naquel tempo, viñan mozos de toda bisbarra e ata do mesmo Carballo. Pero non era polo cine. Era polas nosas mozas, ás cales convidaban no “paseo do Campo” a ir ó cine. ¡Non era de extrañar!
No ano 1955 o cine Avenida pechou as súas portas. O 17 de setembro do 1978 baixaría o pano o noso derradeiro cine Olga logo de ver: “Demasiado riesgo para un hombre ”.
Toda unha páxina inesquencibel na historia de Corme.

No hay comentarios: