Custárame sete mil pts. das de verdade, aló polo 1.995, e do melloriño, un Motorola como Deus manda. Pero iso era un móbil e non estas mariconadas que agora fabrican. Aquel era un teléfono de peso, e nunca mellor dito, casemente un cuarto de kilo. E que maneira de fardar, ata os compañeiros da orquestra andaban ledos.
Recordo a primeira festa co estreno do ditoso móbil. Aquilo “molaba” cantidade. Logo da sesión vermut, un churrasco con criollos arrecendía en col da mesa da parrillada. De convidado (á forza, por suposto) o axente de turno, que por encima de limparnos o 20%, pois, tamén limpaba o beizo á nosa conta.
El nunha cabeza da mesa e eu na outra, como debe ser, para algo un era o xefe e á nosa destra cada un co seu móbil. Mesmo parecíamos dous pistoleiros do Oeste a punto de disparar. Entre o churrasco, os criollos e a fonte de leituga, dademo se falou doutra cousa máis cá dos móbiles. Logo para celebrar tal modernidade, pois, unhas cuantas máis de tinto e un postre ben pingueirado de wisqui. Un día era un día.
Dous anos adiante xa comezaron a saír ao mercado os pequerrechos e o vacile comigo era de cotío, ao meu lle comezaron a chamar O Tocho polo cañarte que era. Pero un día chegamos a Portugal para facer unha festa e namais baixar do furgón, veña os “ye-yés” a chamar ás súas donas: “Cariño, me oyes?”. “Estás ahí, cariño?”. E así media hora, pero as Cariños non contestaban.
Até que aló escondido trás do palco para non pasar a vergoña, saquei eu o meu Motorola por probar. Se os máis modernos non tiñan cobertura, a onde iría eu co meu “tocho?”.
Mais a sorte estivo do meu lado:“Gabriela, escóitasme?”, “si ho, xa chegáches logo”. De repente sentín un calor de vinganza pola burla e saín ao medio do campo ( o turreiro da festa, en galego) falando coma quen non quere a cousa polo de darlle envexa. E saquei peito fardando co meu cacharro, que carallo!
Namais eu rematar, velaí comezan todos en fila a pregarme falar polo Motorola despois de pedir perdón co vacile do tal cacharro: “Ben, pero a dez pesos a chamada”, dixen eu pensando en facer o día antes de cobrar a festa. Todos aceptaron, mais…,malditún peso me diron. Pero quedou claro que O Tocho era O Tocho, para algo tiña corpo e con antena.
E alí viaxaba o Motorola cargando a batería no salpicadeiro do furgón. ¡Ai, cando soaba, aquilo era máis festa cá que íamos facer. E xa podíamos cruzar con Tráfico e falando con aquel Tocho pregado á orella! Nada, eu penso que ata lles caía a baba en tal ver.
Malia que agora non podes rascar unha orella conducindo aínda che pique unha avispa, de seguido te avispan eles. E a baba, a baba cáenos coa receta, pero esta non entra no Sergas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario