Así con este título quero comezar este artigo, aínda que quizais faga subir a bilirrubina de algún estulto caletre. Mais, ben pensado, ningún caletre estulto se dará por aludido.
Efectivamente eu pregunto se alguén coñece algún/ha filántropo/a cormelán, aqueles que, logo de encher os petos na vila que os veu nacer, dixeron..., deica logo. E ata hoxe! Nunca máis se lles viu o cabelo. Tamén xa irán calvos, a verdade, pois o tempo non perdoa. E sinten noxo do Corme que outrora os enriqueceu. Agora falan castelán, é máis snob. “Yó no nací en Corme, a mi me nacieron”, frase que a ouvín de rapaz e fala por si só. Pero logo iso si, á hora do soterro queren voltar ó pobo. Por que?, pois, todo hai que dicilo: para enterros típicos a Costa da Morte. Toque de Tanatos a eito o cal nas cidades endexamais se escoita. Logo dicían -cando vivían por suposto- que os pobos son máis tristes. Sen dúbidas, a culpa é nosa por consentilo.
Este “proemio” ben a conto pola labor das patroas do museo, as cales sen ser cormeás -seica son madrileñas, agás a presidenta que é cruñesa- están a darnos unha lección. Con respecto a esta última, pois xa vedes, ata nos agasalla coa súa herdanza aínda sen ter raiceiras cormeláns. Primeiro mercou do seu propio peto a casa do Campo sede da Fundación Torre Pujales. A día de hoxe, a inversión entrela e colaboracións, ronda os cen millóns das antergas pesetas. Agás que a casa é do pobo de Corme, ela xa non é dona por vontade propia de esta casa e obra!
Sabe alguén se a nosa fuxi-extinxida “nobleza” agasallou ao pobo tan sequera cunha vella caseta? De ser así, sei pedir perdón. Ata o pediría con gusto! Pero non, coido que nin un pardiñeiro cheo de hedras herdamos dos nosos “ricos”. Como moito, algunha cañeira para ancheamento de retortas estradas.
Con respecto ao tema que nos trae: as patroas da Fundación. Desde a súa aterrizaxe na vila están a abrirnos ó mundo. Ben é certo que os mariñeiros cormeláns son coñecidos nas cidades e mares que bañan os cinco continentes. Pero a Terra non só é mar. E, velaí onde acabamos de atopar unhas embaixadoras que nos abran os routeiros de terra adentro. Ducias de becarios de toda orbe, pasaron xa por Corme.
Así pois, levamos tres anos que a Fundación ten e dá vida á vila, sobre todo no verán. Agás que é no eido cultural e..., iso non son postos de traballo directos! Logo e á marxe diso, ata se rebaixan e sen prexuízos de vergoña, a fregar con lixa e mal como poden os canos da nosa Fonte do Campo.
Malia que se alporizan as nosas mulleres cando ó velas estar pintando a Fonte ata dan o Nome do Pai, mentres rosman: “Alabado sexa el Señor, nunca tal se viu neste Corme” (Son testigo presencial). E é certo, salvo en contadas ocasións personales de pintado e fregado, nunca tal se viu, que os/as cormeláns en xeral pintaran e fixeran brilar a miúdo os canos da Fonte que antano nos dou de beber. Eu mesmo recoñezo que tampouco fixen nunca ren pola Fonte, a que un día erguiu o meu bisavó Pepe Torrado Esmorís. De termos sangue nas veas, brincaríamos -sobre todo os nosos púberes- riba do pilón sacando os pinceles das mans ás donas. Pero non, pasan ollándo de esguello. E sorrindo (?).
Mais, agora reivindicámola todos/as.¡É nosa, quen son esas forasteiras que veñen pintar o fuste de pedra? Ata nin nos decatamos que foi sempre de cemento, velaí o pouco que mirabamos por ela! Tampouco nos miramos ó espello para decatarnos de que as nosas fachadas, outrora de pedra, están, ben cubertas de baldosin, ou..., ou da mesma cor que tanto nos arrouta: “Señor, a que mundo chegamos, unhas madrileñas pintando a Fonte de azul, o mesmo cas nosas chalanas” (?).
Ora ben, unha vez máis estamos a dar a nota –sol menor, patético- coa ditosa Fonte, como si ela fora a mágoa dos nosos males. Antes foron os gatos e, que nota daremos na próxima?, pois, o resto da escala, xa queda pouca. A verdade que nisto si somos unha verdadeira fonte-manancial para o chismorreo e a telebasura.
É por iso polo que debemos un respecto a estas e outra persoas, máis cando están a facer pola nosa vila, repito, o que nós nunca fixemos. Naturalmente que todos, sen excepción, desexabamos unha fábrica con cen postos de emprego aínda sabendo que nos tempos que corren é un soño/utopía.
Porén, penso que esta Fundación vai dar vida e moito traballo indirecto, cando menos á hostalaría, á cal lle fai falla un movemento cotián co que facer fronte ás cargas que mensualmente a atafegan. Nada tiñamos e algo xa temos, máis do que realmente valoramos, un algo/moito cal regalía que o fado nos puxo no zapato da xanela o día de Reiceiros.
É por iso polo que, tras do ovo virá a galiña, esta traerá máis pitos e logo iremos enchendo o virtual capoeiro. E como nos mencionaba Álvaro Cunqueiro co seu persoal xentilicio: Cormeños. Maxinemos entón na historia de noso: Que cormelán dou máis por Corme?
5 comentarios:
Hola Suso¡dixera noutro comentario,que cada un ten o que merece,pero sinto moito decilo,en Corme coido que temos mais do que merecemos,espero que a xente da Fundacion siga facendo cousas polo pobo,cando estea aberto o museo,despois si que encheremos a boca dicindo que somos do pobo que ten o millor museo de toda a costa.Somos asi e asi morreremos.Saude Suso.
aupa por esas mecenas, que se cadra xa son máis cormmelás que algúns. I é que ese "Yó no nací en Corme, a mi me nacieron” soa durísimoooo.
O tempo porá a cadaquén no seu lugar, e se non cansan e marchan, que xa non creo, acabarán sendo respetadas como as que máis!!!
apertasssss
pois e certo Suso, ahora que fago memoria ningun dos nosos ricos deixou unha leiriña para o pobo, e logo ainda temos que aguantar na campana a morto cando veñen de volta pro Cubeiro. temos que sentir alegria polo moitiño que tan facendo estas mulleres por Corme. E as nosas ainda dan o nombre del padre en vez de votarlle unha man, pero nos tampouco en vez de andar de chiquitos
A Anxo, Ubaldiño e Chuco. Tranquilos amigos, que as patroas de Fundación están mui por encima de estas rapazadas. Coido que por fin temos mecenas en Corme, neste caso mulleres, e varias. Desde a súa chegada, hai un antes e un despois en Corme. Solo a Fonte, dou un cámbeo total de colorido ao entorno,por natureza cheo de tristura como así me definiu hai anos un discípulo do escultor Asorei. Arrufémolas.
suso,tes toda a razon do mundo.penso que ai mais xente no cementerio,que no pueblo mismo.pa eso si que lembran o pueblo...
un saudiño
Publicar un comentario