O POBO NON TEN MÁIS QUE DARNOS
Non, a terra que nos viu nacer non ten culpa da emigración dos seus fillos. Ela é frondosa e de fartura. A nosa terra galega, ou cormelán no noso caso, é algo de envexa se ollamos á veciña Castela. A nosa auga non ten precio, ou quizais non a valoramos ao estar tan sobrados dela. As nosas rías son un viveiro de riqueza senlleiro na península. Os dous mares que nos bañan, dan o mellor peixe. Os nosos cantís, o mellor marisco.
O problema da emigración galega non foi nin é o da terra, é o dos “terra-tenentes”. Eles e só eles, foron os culpables da continua diáspora á que sempre estivo magoada a nación de Breogán. Eles, os señores feudales que todo o quixeron, asemade todo o perderon. Éralles moi doada a pasividade do galego, estulto, segundo eles, pero iso foi o seu engano.
Mais se ollamos a tódolos que emigraron, e xa o dicía no anterior capítulo, tamén a nobreza feudal tivo que facer a maleta cando quedou sen teta. (Que ben rima esta frase e canto di ). Malia iso, o sentimento galego nas mans dos nosos podentes brilou pola súa ausencia: Desde sempre, vendéronse ao mellor ofertante; Fenosa, Fadesa e un longo, etc.
Pero volvendo ao noso Corme natal, dixen no primeiro capítulo, digo e direi mentres viva que: o cormelán non é emprendedor á marxe de filántropos e ricos que tampouco apostaron pola nosa vila. De algún xeito podemos comprobar que fomos unha das vilas da Costa que primeiro fixo as maletas. E non sempre é por falla de traballo, á vista hai casos que, sendo nados de Corme, con casa e emprego no pobo e tendo aqui toda súa familia colleron o camiño da cidade.
Quizais o ser humano é aventureiro por natureza. Como exemplo poño á miña familia materna, a cal nos anos sesenta emigrou a Asturias. Ben, pois velaí algúns dos meus curmáns que tampouco sentaron na comunidade veciña a pesar de ter tres grandes cidades e vilas industriales en potencia. Canarias foi o seu punto elexido. Tampouco lles chegou a península enteira e mira que hai onde elexir! Por máis que intentei razonar o porqué disto, morrerei sen entendelo.
Asi mesmo escribín tamén non hai moito que Corme pobo deixou de ser hai anos. O pobo foise, queda Corme vila e pouco máis. A día de hoxe, unha boa porcentaxe de vivendas cormeláns están mercadas por xentes de distintos puntos de España. Pero sabido é que, esta xente vén buscando tranquilidade e fuxindo do mundanal ruído! Ou sexa, porque non hai industrias, para mellor entendernos. Mais, grazas aínda a súa integración na vila, pois, cos seus impostos axudan a un mellor sostemento de prestacións.
En canto ao futuro de Corme, eu véxoo coma unha vila máis de tantas da bisbarra: Unha cidade dormitorio e de fin de semana, como agora ten a ben chamárselle. Isto podemos comprobalo cada venres pola tarde até o domingo tamén ó serán. Son os signos dos novos tempos aos cales temos que ir acostumándonos.
Outra saída de futuro, non só de Corme, senón de toda a Costa, é a do turismo/hostalaría, na cal podemos ter unha fonte de porvir, aínda cando nesta rama vamos ao rabo de toda a bisbarra: non contamos a día de hoxe cunha cama onde durmir un só visitante. E sen parella, por suposto!
Estamos ante uns novos tempos nos que a palabra reciclaxe haberá que comezar a poñela en práctica. As novas xeracións parecen querer tirar todas da informática e do ordenador, pero sen decatarse que, ao mesmo tempo, un só aparatexo destes elimina ducias de postos de traballo, empregos que por outra banda xa van a menos cada día.
A este respecto debemos ter en conta que nun futuro laboral próximo, unha pequena porcentaxe de mozos/as terán o traballo seguro antes de saír da escola ou universidade para os mellores postos. Por suposto que para isto hai que ser iso, os mellores. Logo e no que respecta á man de obra, xa coñecemos que é absorbida pola nova tecnoloxía.
Porén e ollando a un pasado aínda moi recente, lembremos aquela flota de barcos mercantes que embarcaban a ducias de cormeláns. Aquilo acabouse, como tamén as fábricas de salazón. Máis, irían vindo novas alternativas as cales deixarían no olvido a un mundo de moitos postos de traballo, pero tamén de penuria e inxustizas laborais. Todo ten a súa parte positiva, segundo como se mire. Como din os nosos mariñeiros:"Ou peixe ou pedra, todo non cabe na boca do saco".
1 comentario:
Muy bueno tú analisis de la situación actual, no solo de Corme,sino en general. Y és cierto que nunca debemos pensar en lo que nos debe el pueblo, sino lo que no hicimos nosotros por el.
Enhorabuena por tú blog, escribes muy realista.
Publicar un comentario