domingo, 18 de octubre de 2009

CORME:COMO SOMOS? Capítulo I


Totalmente coherente co que escribín no anterior artigo, coido que Corme pobo, o mesmo ca un ser humano, ten os seus defectos e virtudes. Pero por norma temos a costume de subliñar de cotío os defectos.
Cando comecei a saír ao mundo con trece primaveiras, o primeiro ano tódalas vilas da bisbarra me pareceron mellores ca nosa. Estoume a referir, por suposto, ás súas xentes. Malia que non me decatei como músico que, os días de festa todo é ledicia e ata parece que non hai renxeiras entre os veciños.(?)
Un ano despois xa me pareceu que non era tan así, e dous máis tarde caín na conclusión que “en tódolos lados cocen fabas”. Xa me ía fixando que, aínda sendo días de festa, algúns dos que levaban os banzos dos santos nin de esguello se ollaban. E iso que naquel tempo aínda non había aquilo de: “Como hermanos daos la paz”, ou sexa, a man. Este foi o ritual máis inocente que puxo por norma o Papa de quenda. Nas cidades aínda pode colar, pero nos pobos pequenos..., nin o dedo maimiño.
De certo é que en ningures teño tantos inimigos e antipatías coma no meu pobo, e iso que non somos máis ca o milleiro, ducia arriba ou abaixo! Sen embargo en Madrid con cinco millóns de habitantes, nin unha alma a mal! Por que será? Pois, de entrada porque nunca aló fun, aínda cando o estou desexando. Tampouco en Barcelona, Valencia, Sevilla ou Villa Arriba de los Cotos teño ninguén a mal. Ou sexa que, ben mirado, entre corenta millóns de españois tampouco é tanto ter unha ducia a mal. Non sei que porcentaxe será, pero nas cidades pasan sen falar con milleiros e non pillan trauma por iso. Xa se sabe, aldea pequena, inferno grande.
Unha vez feita esta persoal reflexión paso a entrar no tema que me trae. Cando pasaron cincuenta e dos anos daqueles meus trece, e sopesando os pros e os contras, quédome onde estou: Corme. Si meus, non saín ás meirandes cidades, pero os pobos e aldeas galegas coñézoos como a palma da man. Todo é fermoso o día de festa, malia que ao día seguinte comezan os problemas!
Defectos da nosa vila?, os de outra calquera, máis logo as parvadas de saír nos xornais polo dos gatos, a Fonte e para a semana que vén, Deus dirá. Pero o verdadeiro problema de Corme -no meu punto de vista por suposto- é o da falla de iniciativa persoal. Dicía Castelao que o galego non protesta, emigra. Pois, meus, o cormelán non arrisca nin loita polo seu pobo, fai a maleta e vaise. Ese foi desde sempre o noso verdadeiro mal, o querer un posto de traballo por conta allea.
Desde comezos do século pasado, Corme foi famoso en patróns, mecánicos navais e bos mariñeiros. Ata aquí todo ben. Mais iso acabouse porque os tempos cambearon. Logo, e como dicía no artigo anterior, os nosos ricos tampouco semellaron o que aínda a día de hoxe segue a facer en Camariñas a familia Cerdeiras: soster en pé as súas industrias conserveiras, un exemplo case senlleiro en toda a Costa de Morte.
Con respecto a isto, sinalar que os nosos “nobles e ricos” non mollaron nin os nocelos en prol da vila que llo deu todo. É triste dicir que, Corme endexamais tivo un mecenas nin un filántropo cormelán. Desde tempos pasados o noso pobo tivo que saír á rúa a reivindicar todo canto temos: Casa do Mar, médicos e pediatras; pagar do noso peto os solares dos colexios, primeiro o da agora praza de Avintes, logo o das Forcadas e así un longo etcétera. Para máis mágoa, isto creóunos na bisbarra unha fama de protestóns, inconformes e..., políticos. Sen dúbidas alí onde hai concello, a política xa llela dan resolta. É neste punto onde nos colgaron o morto de retorcidos. Menos mal que din de nós: “Os cormeláns berran moito, pero morden pouco”.
En canto ás nosas virtudes, pois son moitas: Un dos galanos que nos honra, é a nosa fama de pagadores. Dicir son de Corme, pareceu desde sempre un cheque avalado diante de calquera mostrador, taller ou industria. Éme tamén de goze o feito de nunca ouvir na miña vida musical, que ningunha orquestra marchou da nosa vila sen cobrar.
Noutro orde de carencias, e falando de ter concello de noso, pois coido que é algo que tampouco arranxaría a nosa despoboación. Exemplo: Baio non ten concello de seu e para máis mágoa pertence a dous, tres partes a Zás e unha a Vimianzo. Todos sabemos que a día de hoxe, é con moita diferencia a capital automovilística da comarca, superando inclusive a Carballo. Ao marxe diso podemos comprobar que é unha auténtica cidade comercial onde o atopas todo: roupa, calzado e maquinaria de todo tipo.
No entanto Zás, con ser a súa principal capital municipal, está o mesmo ca hai cincuenta anos e a súa situación xeográfica é de boa estratexia. Na miña opinión, e conste que é un dos pobos que máis lle quero desde a miña nenez, o feito de que a súa rúa principal está en mans de xentes que por unha ou outra razón nin venden nin edifican, é un dos motivos de quedarse a anos luz da súa principal: Baio. A isto temos que engadir que ó mesmo tempo ten unha fonte de ingresos da vila baiesa, a cal pódese considerar o sostemento principal das arcas municipais.
Naturalmente que as comparacións son odiosas, todos o sabemos. Pero aínda así, velaí a mostra de ámbalas dúas vilas. Isto non quere dicir que eu non quixése concello cormelán, nunca máis lonxe diso. Mais se vos son sincero, en calquera outra vila da Costa con concello propio están cen veces máis divididos ca nós os cormeláns. A política divide, e sempre por intereses propios ou partidistas. A modo de exemplo, chega con ollar as páxinas bergantiñáns dos xornais: sentín vergoña persoal en múltiples ocasións.
Non amigos, nunca digades que os cormeláns estamos divididos. A Comunidade Virtual Cormelán, é a máis unida e pacífica de toda a bisbarra. Como somos?, do melloriño, meus.
------------------------------------------------------------------------------------------
E como aquí temos madeixa para o inverno, seguiremos calcetándo, pero iso si, botádeme unha man para mellor desenliar este nobelo de fío. As vosas opinións serán de bon agrado e valía.

No hay comentarios: