domingo, 3 de mayo de 2009

CLASES SOCIAIS. Capítulo II

(Nota:Para quén entre de novo, ir ó capítulo I anterior).
-----------------------------------------------------------------
Dez anos adiante, Andrés xa tiña unha das mellores lanchas do Porto. Rosa máis el puxeran tanto pulo á vida que fluxían como a marea.
Un serán cando Andrés estaba botando un cabo da chalana na Pedra Furada da Ribeiriña e sacudindo o iscallo das redes, achegáronse dous rapaces coller entre o golfe o quel sacudía. ¡Quedou abraiado, eran os fillos máis vellos de Lupita! De socate, nun anaco de rede botoulle unha chea de bicudas e canto atopou no cesto baixo a estampa de popa. “Grazas, señor Andrés”, dixéronlle.
Ollounos con mágoa. “Volvede mañá meus nenos”. ¡Meus nenos! De repente a cabeza doulle unha volta atrás no tempo. ¡E si realmente foran meus!, pensou abouxado mentres eles alancaban a rilleira da Solaina. E alí estaba o seu avó esperándoos co apoio dun caxato. O outrora cazique do pobo. O señor que non o quixo de xenro. ¡E agora cunha chaqueta roída e as lapelas brileiras da baba!
Ollándo Ó Carral viu a súa nena capeándolle cun pano e a Rosa no balcón tendendo a roupa nos cordelos do tendal. Lauriña seguía capeándo esperándo unha resposta e el aloulado sen atinar no que estaba a facer.
Aquela noite non durmiu. Tampouco dixo nada na casa, sería erguer postelas da vella ferida. Dunha cicatriz que aínda deixaba sinais. Pero a vida non ten volta. Alí, ó seu lado estaba Rosa, a muller que llo dou todo aínda sabendo o que todo pobo coñecía. A que o sacou á luz do día. Ela, a que o curou do seu encerro. ¡Non, non podía ferila, a vida é como é, non como foi!, pensou.
A casa do D.Agapito tamén foi coa marea. Pero o mesmo ca do refluxo da meirande do ano, a do Venres Santo. Ou sexa, unha casa de miseria. Xa non se sabía se estaban na cama ou se erguían. As fiestras e poxigos pechados de cotío. ¡Non tiñan xa que vender! Os outrora rendeiros foran mercándolles de novo o que nalgún tempo el mesmo lles embargara. E coa mesma moeda lle pagaron: a de aproveitar a ocasión.
Cada serán os nenos de Lupita estaban pretos na Ribeira para axudar a Andrés a dar a chalana arriba. Mellor dito, cos roletes, pois el xa tiña os seus mariñeiros. E cada tarde peixe para a súa casa. Rosa decatouse dende O Carral, pero calou, sabía que a fame asolagábaos. Ela tamén era nai.
Semanas adiante Lauriña esperando por seu pai baixo a Fonte do Carral, comezou a xogar co eles na area. Cando Andrés os albiscou dende a lancha sentiu un calafrío abraiado. ¡O que é o destino!, maxinou.
Malia que chegou o inverno. Xa non había que dar a chalana arriba. A lancha estaba na Aimea ó socairo do temporal. Había que preparala para o verán. E alí estaban os nenos dela facendo fías de estopa para ver que lles daba Andrés. ¡Pero non había peixe para darlle! Ó serán baixou Lauriña cunha rebanda de pantrigo. Eles de esguello ollaban ó pan dela caéndolle o ollo. Andrés non vía para onde mirar, aquilo faciaselle duro. ¡Eran nenos inocentes! Ata que Rosa, como nai e muller, rompío o xeo: “Ala, vinde comigo tamén merendar, para algo traballáchedes”, dixo ela arrufándoos. Andrés non daba creto véndoos entrar na súa casa.
Nisto estaba matinando, cando baixa polo carreixo o Igüeldo, o pai das criaturas. O Purrelas, lle chamaban -isto era o nome dun viño froxo e barato da época- pois non bebía outra cousa. ¡Non tiña para máis! “Hola Andrés, puedo echarte unha mano en algo?”, dixo. Andrés case cae sen alento. “O que me faltaba”, pensou tremendo. Mais nisto ve como baixa Rosa con Laura e os rapaces cunha esporta chea de canexas curadas. “Ala, ide a mamá con iso para facer a cea. E rendédeas para uns días”, dixo ela. Namentres, Andrés quería meter unha tosta de carballo baixo a quilla da lancha. Mellor dito, non sabía se meterse el debaixo.
Igüeldo nunca soubo da relación da súa dona con Andrés, estaba tan inocente. Ou máis ben era estulto. ¡Pero ó fin eo cabo tantotiña! A súa contribución ó fogar eran catro bicudas que pescaba á vara no Petón das Gaivotas, ou na Ría dos Pulpos algún inocente que saía ó Sol. Logo, collía lapas, mexilóns, ourizos e algún lorcho nos pociños. Pero sen mollarse. Por fóra, claro.
“Andrés, sei que estás a pasar un apuro polo destes nenos. Eles son inocentes, non sintas culpa por isto”, dixo Rosa na cea vendo ó seu home coa caluga baixada. “¿De verdade Rosa, que non o tomas a mal?, eu non teño culpa disto”, dixo el erguendo a súa filla no regazo. “¿Que dirá todo pobo, muller, que dirá a xente?, isto é unha vergoña Rosa”. “Non Andrés, a vergoña non é nosa, nin túa nin miña, a vergoña é deles”.
“Rosa, eu non sei que estarás pensando de todo isto?, eu...”, dixo el na cama logo de apagar a candelexa. “Andrés, ti estivéches namorado de Lupita, seino, sábeo todo pobo. Pero aquela Lupita xa non existe, Andrés. Aquela mociña que ti coñecíches xa non está en ningures, meu amor. Iso é cousa pasada. Agora é a nai destes nenos. É a muller dese pobre home que o fado lle puxo no seu camiño. Tampouco ti tivéches culpa diso Andrés. Anda meu amor, durme. Pero antes dáme un biquiño, ho”, rematou Rosa cun aloumiño. Logo, cun forte soplo apagou o candil e o cheiro da mecha deixouse ulir.
¡Canto saben as mulleres!, matinou pousando a man dereita no van do seu amor. E quedou durmindo coma un paxariño no albor da primaveira. ¡Ata soñou que tiña sete fillos. A súa Laura, máis os outros seis!. Co susto espertou e suaba pelo e cabelo. Dun chouto puxo pé no chán do cuarto que casemente se mata ó escorrer na branca area. “¿Que tés Andrés, atópaste mal?”, preguntou Rosa mentres acendía ás atoutiñadas a candelexa cun mixto.
“Non muller, e que tiven un pesadelo: soñei que iamos ter sete fillos. Paréceche pouco susto?”. “Pois durme tranquilo que se non..., se non iso, xa me entendes, non chegamos nin á parella”, dixo Rosa mentres o arrolaba para o xergón de cazula.

4 comentarios:

Luz dijo...

Suso, esto está prometiendo y por lo que pienso habrá más capítulos. Un culebrón real como la vida misma, vamos. Le pones mucha vida en todo. Saludos.

Luz dijo...

Suso, esto está prometiendo y por lo que pienso habrá más capítulos. Un culebrón real como la vida misma, vamos. Le pones mucha vida en todo. Saludos.

Dolores dijo...

Anda, mira ti que culebrón cormelán nos trae Suso. Pero pola pinta parece baseado en algo real. Espero o seguinte capítulo Suso, supoño que o haberá. A verdade que tés iniciativa de hisstoriador.

Mariñeiro dijo...

moi ben suso, asta a min me gusta que non é solo as mulleres. esto e moi bonito, sígueo.tasme facendo revivir o Corme de sempre no tempo pasado.