lunes, 23 de marzo de 2009

TEMPOS IDOS III "LOS SIÑORES NOSTÁN"



"Los siñores nostán", dicía a criada. Non, non estaba o señor nin a señora. Nunca estaban o día antes. O día antes de facerse cunha casa máis. Diso si levaban boa conta.
Sempre fora un ano antes: "Señora, non me podía prestar vinte maravedís durante un ano?, teño ó fillo enfermo e o queremos levar ó menciñeiro".
Era a sempre desgraza do pobre: a de empeñar a súa casiña, as súas catro paredes, o seu lar. "Si mujer, pasa al salón, pero tienes que traer "lascritura" de la casa", dicía a señora sacando o seu mellor sorriso. "Si señora, xa las traigho aquí", dicía unha de tantas vitimas. "Bueno, pos hechas aquí una firmita de nada, dejas las escrituras y yatá, ya llevas los maravedís", dicía unha dona Urraca calquera de tantas como a terra dou. O mesmo cas malas herbas, sempre retoñan.
E así se ían facendo con aldeas e pobos. E sempre coa mesma artimaña: Nunca estaban o día antes, co cal ó día seguinte a casa pasaba a ser de seu. ¡Pola cuarta parte ou menos do seu prezo!
Pero era o oficio dos "siñores", o de levar conta dun ano para outro dos débitos das súas vitimas. Así, o día antes de vencer o débito de Corme, saían para Mens, ou Corcoesto. ¡E nunca estaban o día antes en ningures! E así se ían facendo coa bisbarra enteira, pois, cando ía vencer o "empréstito" de Mens ou Corcoesto, tampouco estaban o día antes. Xa voltaran ó Porto, pois o de acó xa era deles por lei. Porque a lei tamén a fixera eles!
¡E agora á renda de por vida! Bágoas e chantos nun lar que xa non era seu. Onde pariran os seus filliños. A casiña que suaron ela e o seu home coa chalana e catro cartoferrados a berzas e pouco máis. "Pero Pepita, se nos custou a casiña 90 maravedís e aínda debemos 40 dela". "Xa Manuel, pero a lei tá da súa parte, coma nós pasoulle a toda parroquia".
Mais os siñores facían Capelas na honra dun santo da súa "devoción". E levaban o Palio o día da festa! Só eles o podían levar. Só eles tiñan traxe con gravata e zapatos de boscal. Como ían os pescos e labregos luxar cos calos das súa mans os banzos dos siñores! Eles, os pobres, co estandarte e a Cruz diante. ¡E moitas grazas a Deus! Logo, os señores axeonllábanse no cruceiro con fervorosa devoción sobres as espadanas e fiúncho. Elas, as súas señoras, con velo de puntilla e de xeonllos en coxíns bordados que lles levaban as criadas. ¡Eran crentes e tamén confesaran! A lei era a lei, e iso non era pecado.
Aldeas, pobos e rueiros enteiros a cámbeo de catro maravedís de vellón e ó cincuenta por cento de xuro. E as mellores agras de trigo e monte de piñeirais. Todo, todo era paseniñamente deles. ¡Pero aínda lles era pouco! Tamén daban moita esmola no trueiro na misa do domingo, tamén hai que dicilo, co cal Deus xa lles perdoaba todo. Iso segundo eles. Segundo os pobres, nin o demo os querería no inferno cando Deus llos mandase de mortos. ¿Quen sabe se aínda están no Purgatorio? Sabendo isto, vale máis ir pó inferno. ¡Aínda que ben pensado, Deus tivo que ver isto e El si que non comunga con rodas de muíño!
E cando resoe o petador no vello poxigo, dirán as pobriñas das criadas ollando pola fiteira: "Los siñores nostán, tán nel Purgatorio". E as vítimas preguntarán: " E virán o día antes?"

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Agora chámase capitalismo e os gobernos fan as leis para os mais grandes.
Sempre mandarán eles.
Moi bonito o relato

Anónimo dijo...

Me gustaría saber las fechas en las que se usaba esa moneda

Administrador dijo...

Grazas a Andrés e a Anónimo.
Con respecto á pregunta é un pouco para volverse tolo. Comeza no século III ata o XIII, cun sinfín de acuñacións distintas, entrelas o chamado Dinero, de aí o seu nome. Pero mellor vai a Wikipedia e La moneda en España.
Segundo parece houbo moitos tipos de acuñacións co mesmo nome:Ouro, plata e vellón, segundo as épocas e que tipo de transacións.
Fernando I El Magno, foi o primeiro rei que acuñou moeda propia en aleación de vellón:Dineros.
Un saúdo e haber si aínda me botas unha man nisto, pois é moi liante.

Administrador dijo...

A Andrés. Non seas mal pensado,ho, agora chámanse Bancos y Cajas. Logo hai Dinero Fácil en 24 horas e así ata que quedas sin o piso que levabas pagando 25 anos cando só che faltaban cinco ou dez para ser teu de verdade.(?) Nada cambeou dende que o mundo é isto, só as formas, Andrés. Agora son máis modernas, pero o mesmo.
Una aperta e grazas polo teu comentario. Suso.