domingo, 15 de marzo de 2009

¿CRISE? EN CORME, RELATIVA.


Vaia por adiantado o meu respecto a todas aquelas persoas que de verdade o están pasando mal, pero mui mal, pola falla de traballo. Pero o tema que hoxe quero tocar non é outro que a incoherencia en prol da ditosa crise sempre segundo a miña maneira de vela.
Como podedes ollar, estes días ergueron tres novos guindastres na chousa da Serra. É este un dos puntos que fai chamar á reflexión. Cando no resto do país as están desmontando en Corme erguéndoas. Máis esta non é a dor nin a mágoa, senón ó revés, pois bo é que algo se mova na nosa vila tan penosamente falta de movilidade. En certa maneira, Corme é unha vila de xente xubilada e non temos ningunha industria que poida pechar porque xa non as hai. Tristemente a nosa xuventude sí vai sufrir isto nas cidades ás cales tiveron que irse por mor dun traballo diño que no seu pobo non hai.
Máis outra das incoherencias que eu veño de notar na tan triste crise, é o feito de ver día tras día o desbaldir no noso contorno: As vodas seguen sendo con sete pratos, dos cales a metade van tristemente para o caldeiro do lixo; ás ceas baile hai que pedir reserva con 15 días de antelación; os coches seguen rodando sen xeito; para os partidos de fútbol están sen entradas unha semana antes ou píllase o avión para ir deica Barcelona ver un partido e voltar no día; vaise ó cine ata á vila para ver só unha película; os móbiles non chegan a refriar nas máns dos púberes; ás despedidas de solteiro vaise ata Vigo, ou ó quinto pino; as ceas de peñas van a máis cada semana, pero sempre lonxe da bisbarra; os coches seguen mercándose novos cando temos un parque ateigado con ocasións a metade de precio; os piteillos tíranse pola metade logo de catro caladas; os viños de un euro ou máis, déixanse pola metade en cada baiuca; o Noitebús vai valeiro -véxase a Voz de hoxe- e a mocidade no seu coche. E así un longo, etc.
Porén coido que non debo seguir, pois isto sería o conto de nunca acabar. Enchería un folio só co que vexo ó meu redor, mais coido que é máis ca suficente co devandito. É por isto, polo que desexo expresar a miña opinión de que a crise é desgraciadamente mui relativa logo do exposto máis arriba. Eu coido que se realmente fose tan real no contorno de noso, non tería eu valor a expor o antes citado, repito.
E remato dicindo que de algún xeito debíamos, non digo xa apretar o cinturón, pero si ir acostumándonos ao que poida vir e dándolle ás cousas o valor que realmente teñen, algo que desgraciadamente non valoramos ata que chega a ocasión; malia que logo xa será algo tarde!
Reitero o dito ó comezo: que non é a miña intención ferir a quén realmente o están a pasar mal, pois sei de antemán que son moitos, só intento reflectir a miña opinión sobre da relatividade en canto á crise.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Todo na vida se move por rangos, ou o que os nosos avós chamaban darlle mais corda.
Esto quere dicir que cando estás acostumado a 100 metros de corda, que che saquen 50 nótalo, pero o que tiña 50, si lle sacan 10 ten menos que o outro pero notao menos.
O problema ven de que tíñamos moita corda e a reducción vai ser considerable, pero malo sea que ca corda que nos quede non vaiamos chegando o caldeiro da comida.
Saudos dende a capital

Xosé dijo...

como vai haber crisis en Corme, se cobran cantos vello hai. e xa non hai máis ca vellos que non gastan céntimo, todo po peto..