viernes, 5 de febrero de 2010

O AGASALLO DO MEU CUMPRE


Ola meus, pois a cousa é que hoxe non atopo verbas para seguir escribindo da nosa vila/pobo. A verdade sexa dita, teño que andar ao “loro”, pois xa tiven que escoitar que fago “apoloxía” a favor de non sei quen. A cousa vén sendo que como vistes, saquei hai tempo unhas fotos da obra da Serra. E non vexades vós a que me caeu! Logo tamén está o tema mariñeiro: mellor "non meneallo", como dí aquela vella frase.
Así que lido o visto e visto o lido, hoxe vou falar de min, pero aínda con tento, non sexa o demo. Temos á xente moi “susceptible” ultimamente. Aquí o conto é falar de calamares, fútbol e tute, pois, se te “pescan” lendo o periódico na baiuca, xa estás “enterándote da política”. Ou sexa, que ler o xornal é iso, ler política! Eu xa o leo na casa, por mor do asunto.
Entrando logo no conto, que o vindeiro domingo (Deus mediante) cumpro un ano xa na 3ª idade. E non hai 4ª ! Logo, tamén dez desde que me operei da pérdeda dun ril e que tan ben quedei a pesar de todo. E foi a doenza o mesmo día que cumpría os 56, aos dez minutos de entrar no sete de febreiro. Xa hai casualidades! Mais, a partir diso, dos 65, a vida é unha regalía, e, como din os máis vellos: Xa non é capote...
Pero 66 anos e sen ver Madríd, que é o soño da miña vida. Mais ben era! Sempre falei de dar a volta a España sen présa e no meu coche, pero todo quedou en auga de verzas. Ao final case estou ousando en ir en avión, total agora xa non é tanta perda! Só o sinto polos demais, agás que é problema do piloto. Alá el.
Pero non sabedes o mellor e o 1º agasallo que me trouxo hoxe o correo: O diploma do Celga-4. Xa sei que os mozos dirán que chocheo de vello, mais, hai que ter ido á escola que “non” tivemos, para saber valorar isto que soñaba con el, pero como unha utopía. Agora validareino canto antes polo 1º de bacharelato. A ilusíón da miña vida!
Que dicir da nosa escola cantando e desfilando desde o Alto da Costa con aquilo de: “Cara el Sol con la camisa nueva”. E asi un longo, etc., e para máis só media xornada escolar desde os sete anos ata os trece que a deixei. Logo polo Campo, saudar ás “autoridades” o mesmo ca na mili. Non te atentara o demo pasar sen saúdo, pois ao chegar á casa..., co gallete, que daba dúas veces cun só golpe. Eran moi aforradoras nosas nais!
Naqueles anos, cruzar por diante do Casino era un perigo total, que volo digo eu, sempre había na porta algún de paxarela, chapeu e caxato tomando o ar por mor da cía ao estómago. Entón ante iso, case sempre iamos por debaixo da Capela para evitar entrar en "camisas de once varas". Pero tamén tiñamos os nosos espías desde a Fonte á esquina da horta do futuro Bar de Ricardo para ver se non había "mouros na costa" e pasar en crequenas semellando aos indios. Aquilo tamén tiña a súa intriga!
A verdade que un non daba abasto a tantos bos días/tardes, pois, con once gardas civís, o cura, os mestres, médicos e “altas xerarquías”, aquel Corme era o mesmo ca o patio ou os soportales do Cuartel de Infantería. E os días de funerais e cabos de ano, os cregos todos da táboa. Mellor non saír da casa, tiñas que andar "ao loro", pois o pobo estaba "tomado de cal a canto".
Cómpre engadir que, aos dezasete fun á mili voluntario por mor de aprender algo, cando menos de música, pois meus pais non tiñan medios para máis. Mirade vós o que é o subconsciente que, unha fin de semana que vin á casa estando en filas, namais cruzarme co novo médico do pobo, a man foime á fronte sen poder evitalo. Logo, fixen que rascaba a sen para disimular.
Así que meus, mañá farei o cadro para colgar o novo diploma. Abofé que aínda fun xuntando, entre uns e outros xa logo non teño parede. Ou sexa, coma os médicos cando estás na consulta privada que pasas a hora de espera lendo canto foron xuntando ao longo da vida. E si a eles todo lles vale, pois ao menda, o mesmo
. HAPPY BIRTDHAY TOU YOU.
(Que máis quixera eu ca descifrar este sintagma ao galego! Xa sei que é cumpreanos feliz, pero eu queríao en galego de verdade).

3 comentarios:

ANXO.S. dijo...

¡FELICIDADES¡ Suso,e que cumplas moitos mais.Espero que sigas escribindo das cousas do pobo,non creo que agora che colla de sorpresa,as faladurias,que seria de CORME sin cuzear,como decia algun o casso e que falen de un sea pra ben ou pra mal,pero que falen.SAUDE.

Anónimo dijo...

PARABENS PARA TI VECIÑO .AND THAT YOU HAVE A HAPPYDAY

Anónimo dijo...

66 anos? e ainda queres facer mais? ahora creo que o que mais che conven,e cumplir o deseo de ir a Madrid,como se fosen "as vacacions de fin de curso" FELICIDADES SUSO,e que cumplas muitos mais!!!