martes, 23 de febrero de 2010

CORME:PASADO E FUTURO-II



CORME Á CORREADA
A verdade que, remexendo na historia de noso, o embelezo lévame deica atrás no tempo. Se ollades esta foto –sen data, por desgracia- fai tremer de emoción o feito de pensar que aí están os nosos devanceiros, as nosas raiceiras e como non, o Corme dos tres mil habitantes. Tamén á vista salta, que debeu ser no outono, a xulgar pola surada –como se ve- e a nosa Praia dos Pulpos ateigada de correada e golfe. Sen dúbidas naquel tempo non se coñecía a palabra crise: xa a era toda.
Pero aínda sendo as comparacións odiosas, o que vemos na foto é unha riqueza que aínda a día de hoxe non teñen os pobos do 3º mundo. A miúdo vemos fotos do Sáhara e quedamos abraiados cando non vemos unha só herba nin toxo. Ben pensado, aínda nacemos nunha terra privilexiada!
Mais a tristura de todo isto -e seguindo co capítulo anterior- é que de aquel pobo que aí vemos deixando as pedras limpas e a correada deica O Cairo, non quedan nin os netos. Ou si, quen sabe. A maioría colleron a maleta e fóronse en busca dun porvir máis prometedor. Quizais as raiceiras dese retrato están no “noso” Pasaxes. Porque esa cidade é casemente máis cormelán ca vasca.
Noutros artigos lembrei a famosa frase de Castelao: “O galego non protesta, emigra”. E os cormeláns o mesmo. Así de sufridos. E eu pregúntome moitas veces, e sobre todo ollando esta e outras fotos, como sería a día de hoxe o Corme dos 3.000 habitantes? Pero ese soño de case todo cormelán, será pura utopía quizais para tódolos que viven a día de hoxe. E pensar que naquel tempo Carballo tiña ó redor de 500 habitantes!
No entanto á mágoa triste de todo pobo que ten que emigrar, queda a ledicia de ver aos seus descendentes con estudos e carreiras que nos pobos endexamais acadarían. Pero tampouco se nos pode pedir aos que aquí ficamos, que a vila medre a tódolos niveis cando eles se foron. A este respecto, fáime raxeira cando leo o que algúns escriben desde a diáspora.
Eu entendo o cariño que polo pobo senten os que están fóra, malia que tampouco deben estar preméndonos aos catro que aquí quedamos. Refírome aos seus comentarios en como e de que maneira debíamos facer para que o pobo medre. Non meus, de onde se quita e non se pon xa sabedes o que pasa. A miúdo subliña a prensa os milleiros, xa, das aldeas galegas que quedaron desertas. E todo mundo as quere! Pero todos se van á cidade.
As aldeas e os pobos, son mui fermosos un mes no verán. Todo son proxectos de quedar na paz tan silandeira do rural. Pero logo quedan once meses por diante e, malia todo isto hai un refrán que di: “Pequena aldea, inferno grande”. Ou sexa que, a menos habitantes peor sociabilidade.
Porén e rematando, engadir que, a min persoalmente faime falla ruído, moito ruído. Tanta tranquilidade éme totalmente depresiva sen poder evitalo. Na cidade, só vendo escaparates e aínda non mercando nada, o maxín voa ledo de optimismo. E sobre todo o máis buscado por todo ser humano a xulgar pola experiencia: que ninguén coñece a ninguén e iso ten a súa parte positiva como é a de pasar totalmente desapercibido.
Quizais si os da foto, os do Corme dos 3.000 non se houberan ido, tamén a nosa vila sería xa un pouquiño cosmopolita, co cal tamén pasearíamos sen ser ollados desde as fiestras que é a mágoa de todo pequeno pobo, por non dicir aldea.

3 comentarios:

SUSO DE BASILIO dijo...

Haber si hai un alma "caritativa" que me traduza estes anónimos que non sei se son en inglés, francés ou alemán. O conto é que tampouco sei o seu significado, ou si son propagandas que se filtran automáticamente.
De antemán, agradeceríao. Suso.

Anónimo dijo...

Tranquilo Suso non é ningunha ameaza de outro planeta,podes durmir tranquilo.E propaganda de un reloxo.Un saudo

Suso de Basilio dijo...

Grazas a Deus que alguén me quita do apuro. Isto de non saber Inglés-supoño-éche a carabina de Ambrosio.
Moitas grazas, colega.