viernes, 5 de marzo de 2010

CORME, ÁS 4 DA TARDE DO 5 DE FEBREIRO






CORME AO DÍA
Pois iso, meus, que así estaban as obras que vedes nas fotos ás catro da tarde de hoxe. Cun vento de Nordés que facía tremer, decidín ir ata o Cairo polo de quentar os pés. E así foi, cámara en man e de retratista, xa case a tiña enferruxada despois de tanto tempo pechada.
Todo isto é para os que viven na diáspora lonxana e que agradecen ver o seu pobo ao día. Os que están máis pretos, coma os da Coruña, xa veñen a miúdo e de calquera xeito non sofren tanto.
Por unha banda, a obra da Serra, que xa vedes como vai indo e por outra o muro Sur-oeste do Campo do Cairo. Xa está listo o alicerce en formigón, só falta o recheo que estaban hoxe con el, e logo o peche con bloque. E xogando, que é xerundio.
No concernente ao Cairo, coido que vai quedar en boas condicións. Non hai que esquecer, e menos politizar o derrube do muro, pois todos sabemos que fora erguido pola mocidade cormelán e sen grandes medios económicos, pero iso si, con moita ilusión. Pouco máis era ca un valado que actualmente non podía co peso e humidade acumulada.
Como xa sabedes nunca me gustou o fútbol, pero hoxe mesmo no Cairo matinei no caso dunha boa Primitiva coa cal deixaría o meu grao de area nese ventilado Campo. Xa naquel entón –era eu presidente da Asociación- lles manifestei aos compañeiros impulsores do Campo que o lugar era moi venteado. Pero eles, meus pobres, foron ao barato e..., logo acabei participando en axudarlles –so mentes- a buscar aos propietarios.
Debo engadir que naquel intre, eu propoñíalles mercar a finca onde está o Polideportivo, pero aquilo era articulo de luxo para os petos da chavalada que estaban ao fronte de erguélo campo.
Mais todo hai que dicilo, pero cada vez que subo a Pallagueira -a costa antes do Cairo- éntrame unha tristura de nostalxia polo da miña nenez, cando, coma tódolos da miña idade tiñamos que carrexar esa correado e golfe que vedes no anterior artigo ¡E agora que non xunto alento para alancar sen chaqueta!
Cómpre engadir que a chaira de O Cairo aínda era unha “etapa de montaña” como se di nas voltas ciclistas, pois algúns compañeiros da escola tiñan que carrexar ata As Capillas. Así en castelán, pois si digo Capelas o mesmo non se entende. A sorte foi que non tiñamos leira tan lonxe. Que mágoa!
E agora que hai boa estrada, ao Cairo en coche para facer deporte. E digo eu: si é para facer deporte, non é xa boa cousa choutar costa arriba? Pois non, hai que levalos e ir buscalos, tampouco lles sirve costa abaixo. Mais mirade vós senón tiñamos nais matinadoras, que, para non vir en lastre, de volta xa traíamos un alimpeiro de fieita ou estrume para o cortello do porquiño ou das galiñas. Que non pense ninguén que o de andar el lastre é unha cousa nova, iso xa é máis vello ca andar a pé.
Deica logo, pois xa me está entrando a nostalxia da nenez.

No hay comentarios: