martes, 16 de marzo de 2010

O MEU OUTEIRO: "O CAN ANTES CA NAI".


Nos xornais de hai uns días, lemos unha triste nova onde dous irmáns non quixeron saber nada de súa nai. Ela, a pobriña, estaba abandonada na cama e con 90 anos e o seu home e coidador coa mesma idade, tivo que ser hospitalizado. (Quizais xa o leras todos). Pero o conto que me trae, é algo que vivín persoalmente hai uns anos o cal é un calco do artigo devandito.
Estaba eu unha tarde de verán nun paseo marítimo da provincia -que obvio por non dar datos- cando me atopo cunha coñecida da bisbarra paseando o can. Á miña pregunta –inocente, por suposto- de como estaba súa nai a cal tiña alzheimer, a resposta foi que non sabía nada dela. Quedei abraiado e de sotaque sentín noxo da súa presenza, máis aínda, cando de coitío lle pasaba a man ao peluche co agarimo para min mais repelente.
Tempo despois, súa nai morreu. E veu ao velorio. E coma é costume recibiu o pésame e a dor dos veciños. ¿O pésame, de que dor? Velaí a hipocrisía de tantos e tantos moitos, que, logo de non saber ren dous seus teñen a face de recibir o pésame, repito. Tamén é moda e queda moi snob.
Hai un vello refrán –porque a vida é unha enciclopedia de refráns- que di: “As familias vense nas ocasións”. Mais ben non se ven, pois..., o defunto suponse que xa non ve. Aínda sendo certo, este refrán é de tristura. Que toda unha vida sen ollarse nin dirixirse a fala e logo á hora da “ocasión”, velaí aparecen os descendentes. Canta querenza! Tamén habel@s hain@s que teñen prace en ver a cara do finado, ou sexa, haber como quedou de bonito, aínda que isto máis ben se dá nos alleos ao velorio.
Pero o abominable de todo isto, é o feito de ver a miúdo como se rexeita á familia, ás raiceiras de un, ao árbore de cuxo froito pertencemos, para ao mesmo tempo contemplar a empatía con e por “amigos”. Ten un que chegar á terceira idade para ver o que xamais imaxinou: Que un pai ou nai atópase en calquera esquina, sen embargo un amigo...,ai!, iso xa é cousa de coidalo cal peza de Sargadelos no andel do chineiro e con porta de cristal.
A verdade que para os que coma min, rexeitamos a unha profesión e mellor porvir cun horizonte máis brillante para coidar aos nosos devanceiros, énos difícil de asimilar. Persoalmente non acerto a entender como un cristián (?) é capaz de durmir sen cavilar se os seres que o trouxeron a este mundo estarán ben ou mal. Por moitos defectos que teñan, un só pode ser fillo dese pai ou desa nai. Si os nosos proxenitores houberan casado con outras respectivas parellas, nós non estaríamos aquí.
Dicíalle un médico a unha nai ante o afastamento dun fillo: “No se preocupe, señora, que si algún día se entera que está en el sanatorio, verá como llega allí enseguida”. “Mire usté doutor, no sanatorio xa hai enfermeiras para atenderme, sabe?”.
Mais tamén é certo que o que sementa recollerá o froito que plantou. Ou quizais non, vaite ti a saber. Sempre houbo excepcións e xente con sorte. Malia que a sorte é o mesmo ca lotería: toca cando toca e onde cadra. De calquera xeito e no que a min respecta, cambiei o rumbo da miña vida polos meus e de certo que sinto un deber cumprido. Outros non o fixeron e tampouco foron moito máis lonxe nin son máis felices.
E remato este artigo de hoxe, de tristura polo realismo que encerra, coa letra de unha de tantas cancións que á Virxe como nai, compuxen. Porque unha nai, é unha fonte cal manantial que endexamais enxoita. Unha fonte de inspiración para calquera compositor, onde sempre atopamos unha nova maneira de cantar a esa nai que nos levou nas entrañas e nos pariu con dor. E de certo, que, sobra temática para cantar á nai:
Unha nai que por nós dá a vida / cando ó colo lle vamos chorar / na procura do noso desfogo / soio ela nos sabe escoitar. Unha nai que non dorme na noite / doce estrela polar que nos guía / na labor cotián por nós reza / Unha nai que se chama María.
Como as flores que abrouxan no maio / así amosa o sorriso unha nai / co anceio dos fillos bicar / coa ledicia da nai de Deus Pai . Na inquedanza da escura noite / tras da fiestra ollando vixía / unha nai que por nós non acouga / Unha nai que se chama María.

1 comentario:

Anónimo dijo...

suso,eu tendo a miña nai viva,choro todos os dias pensando en cando me falte.pero ai xente ke non ten corazon algun,e e verdad,prefiren pasear o can,que pasear con sua nai