OS PORQUÉS DO NOSO POBO
Dende hai uns meses, teño esta foto na pantalla do ordenador e cada día paso moitos minutos ollándoa con pasmo. Debe ser polos anos 30/40 a xulgar pola idade do finado Vidal, e tamén pola casa en construción dos Puentes. A estrada terminara no 1910, logo de 30 anos construíndoa. Era tamén o Corme dos 3.000 habitantes.
Sen dúbidas ollándo este trouteiro como senlleira vía de acceso ao mundo, non é de estrañar que os que se foron non volveron. E digo eu, como sería antes disto?, aínda que ben pensado, pouco máis tiña o camiño das regateiras ca esta lamacenta estrada.
Mais esta foto é unha reflexión para decatarse do illamento dos portos de mar. De algún xeito, calquera vila mariñeira é un Fisterra máis. Tampouco é de estrañar que cen anos atrás, a xuventude, co afán de ver mundo e todos cheos de ilusión, se embarcase no primeiro veleiro que fondeara na nosa Ría. E sen pensalo dúas veces!
Así foi como a historia de noso quedou tinxida de negro para sempre. Centos ou quizais milleiros de mariñeiros de toda Costa de Morte e pobos mariñeiros de outras vilas coa mesma xeografía, deixaron a súa nova vida naqueles barquiños coma o Rutilo ou o Encarna, por poñer un exemplo.
Aínda que as comparacións son odiosas, sen lugar a dúbidas, a vida do labrego tamén foi dura, moi dura. Mais eles de algún xeito, pisaron en terra firme. E sen dúbidas tamén, non son lenda chea de tristura da nosa Costa a Deus grazas. Por outra banda, o mundo rural está situado terra dentro. Encrucilladas de antigos camiños, son hoxe vilas importantes e cun futuro de desenvolvemento que xa quixeramos os portos de mar.
Cómpre dicir que para basearnos nisto, só chega facer unha análise de cantos parques industriais temos na Costa. Practicamente cero. Ou sexa: que estamos sen terreo industrial na beira do mar. Que horizonte de porvir temos á vista sen un carto ferrado de solo industrial?
Con respecto a Corme: baiucas para un tute de vellos, e, algunha cáneba da esquina para o azafrán do guiso que xa está ao lume, é o noso futuro, mágoa de quen non queira entendelo. Aínda que algún mecenas quixera facernos a regalía de asentar aquí unha pequena industria, non pode por lei ao non termos un só metro cadrado de solo industrial. E coma sempre, se non hai galiña non hai ovo ou viceversa, malia que no noso caso nin capoeiro.
E para rematar este 1º traballo en prol deste tema, engadir que estes días lemos nos xornais, como pequenos industriais da bisbarra que outrora ergueron a súa modesta nave ao pé da súa casa sen ningún impedimento, vense agora entre a espada e a parede pola razón que os organismos queren empurralos deica os novos parques industriais. Pero iso si, noutras vilas alleas ás súas. Ou sexa, cara o centralismo de sempre que esquilma aos máis pequenos pobos e aldeas.
Seguiremos con máis voltas, pois, isto dá para longo e tendido.
2 comentarios:
eu non son tan maior ;)) e lembro Corme cun censo de 2700 persoas máis ou menos...a primeira vez que estiven nunha mesa electoral
Ola amiga:Grazas ante todo polo teu comentario, pero nos datos oficiais que teño no meu libro, sáenme estes:
Corme-Porto
Ano:1.950=2.256 habitantes.
Ano:1.961=1.861 "
Ano:1.979=1.661 "
Ano:2.000=1.240 "
Ano:2.003=1.296 "
Ano:2.007=1.203 "
--------------------------------
Como podemos observar, perdimos nos últimos 60 anos un millar de habitantes, sen contar o censo actual que está por debaixo da derradeira cifra.
Coido entón, que se estivéches nalgunha mesa xa en eleccións democráticas, non poido haber esa cifra.(Falamos somentes de Corme-Porto).
Reitero as miñas grazas e sen ánimo de polémica, somentes intercambear opinións.
Suso de Basilio.
Publicar un comentario