lunes, 28 de diciembre de 2009

UNHA "COSTA MORTA"


Desde hai un tempo acó, veño observando as incoherencias que os organismos oficiais están a facer na nosa Costa. Refírome que non me cadran as contas en canto ás inversión a facer: Futura autovía, Carballo-Berdoias, ou o novo peirao de Corme, etc, malia se por outra banda nos van quitando o pouco que xa tiñamos: Cuarteis da Garda Civil, Axudantías, Colexios, Médicos e agora tamén as oficinas do IMS. E para acabar de rematala, fálase ultimamente de centralizar as lonxas nunha sola comarcal, pero en vila terra adentro (?).
No entanto a isto, e, nos albores do século XXI, en calquera lonxa da Costa pódese poxar en directo con cámara incluída sen falla de desprazamentos por parte dos compradores. Acaso eles non venden a Madrid desde a mesma Coruña? Como exemplo temos á nova lonxa de Fisterra coa nova tecnoloxía. Penso entón que, non ten sentido ir vender os nosos produtos a ningún outro lugar, pois, énos de vital importancia o pulo que aos pobos costeiros lles dan as lonxas. Para mostra só temos que ollar no verán durante a venta do percebe!
Mais volvendo ao principio, dicía que non entendo o gasto en infraestuturas en prol da Costa, cando a están privando de un servizos outrora logrados a base de loita e reivindicacións, e, ao mesmo tempo que a despoboación vai a máis en xeral. Tamén pode ser que os nosos atafegados políticos queiran a bisbarra deserta para a súa tranquilidade polo “estrés”. De ser así non teñan dúbidas,“catro tele diarios máis” e, isto será a Pampa Arxentina, onde florecerá o alecrín sen falla de chuvia.
Cada día, e goberne quen goberne, todos eles tiran de cara á centralización. Ata nos levan cantas pezas son atopadas en castros celtas, etc! Véxase senón, as que levaron da Cidade de Borneiro para os museos de A Coruña. Eu case os animaría a levar tamén o Dólmen, os Batáns de Mosquetín, os Penedos de Traba ou a nosa Pedra da Serpe! Total, xa nos esquilmaron os montes de pedras rupestres para embelecemento de xardíns públicos e privados.
En canto ao IMS, que problema hai en atender cando menos un día á semana nas oficinas que xa ten en propiedade? Pois non, que se movan centos de mariñeiros antes ca un funcionario se desprace a unha vila. En certo modo, eles, os empregados, tamén están mellor xuntos por se un mariñeiro se sobre pasa coa voz en alto.
Resumindo: “Señorías” que xa o foron a priori, en presente e tamén a posteriori (¿), aclárense dunha vez por todas. Se realmente queren a Costa despoboada, non gasten un euro máis en estradas nin noutras mesturanzas. E viceversa, antes de que sexa tarde non leven o que xa temos que é bastante pouco á falla xa de outras industrias. Perdón, agás a de cemiterios! Pero unha vez soterrados os catro que quedamos xa non será a Costa da Morte, pois, non haberá a quen enterrar! Por iso, Señorías, pronto seremos unha Costa Morta.

No hay comentarios: