sábado, 5 de diciembre de 2009

LEMBRANZAS CORMELÁNS. Capítulo II


O das tabernas –baiucas- aínda foi indo, pero no entanto ás cánebas –tendas de ultramarinos antergas- xa vai ser bastante máis difícil.
Así e para non a liar máis, vamos facer unha mesturanza de todo o restante que houbo na vila. Aquí si que pido colaboración, pois o asunto, repito, ten o seu máis ou menos.
No concernente ás devanditas cánebas onde se vendía un pouco de todo, vamos comezar polas máis clásicas que están na memoria de todos.
A primeira, e quizais neste momento a máis vella é sen dúbidas a de Carballal, fundada polo pai de Pepe, o señor Manuel.
Outra clásica fora a de Tía Carmen de Tella na mesma Praza do Pan, e anos despois de Fernando e Maruja. Tiña fonda, camas e taberna.
Comezando agora pola Paxariña, había a tenda de Tía Carmen do Couto, para seguir ata a carnicería de Virucha. (Esta, aínda hai poucos anos).
Baixando tiñamos a de Tía Pepa de Cachea. Podíase “mollar a palleta” mentres se enchía a esporta.
Ao seu lado estaba a de miña avoa Rosa, pero quizais era máis ben de louza. Aínda lembro que tamén vendía aspirinas soltas. Que tempos! Tamén tivera tahona, antes de eu nacer.
Dúas casa abaixo, estaba a panadaría de Tía Manuela da Leduza (do Leduzo) e o seu home Evaristo.
Outras dúas máis e atopabamos a tendiña de Tía Angélica, onde había un pouco de todo. Mentres atendía, ela panillaba a eito na súa almofada.
De seguido estaba a nosa casa onde miña nai Teresa tiña mercería, coa cal tamén ía ás feiras de Baio e a Trave.
Xa na esquina - hoxe carnicería- estaba a de Tía Natalia. Anos despois fora a carnicería de Manuel de Lela da Malpicana. Ao lado, nun cuarto, meu pai e Francisco Rey tiñan unha banquilla.
Ollándo á Fonte, na casa onde vivo, houbo tenda de teas antigamente e tamén bailes. Anos adiante, estivo a barbería de Suso da Maximiliana.
Seguimos pola Fontiña e na Rúa Pondal, tivera Tía Carmen de Luísa a súa pequena tendiña de comestibles. Tamén vendía tabaco, coma todas: Cuarterón, Caldo de Galiña, etc., e libritos, mixtos e pedras de mechero.
Un pouco máis arriba, ao socairo do cabazo da Arriloa, tivera tenda de Tía Marinera. Na Praza do Pan, a súa filla Manola tivo tenda de mercería moitos anos.
Ao lado, o Estanco e con tenda de roupa, perdurou durante moitos anos.
Case en fronte, a casa de Sabina foi ultramarinos e carnicería. Anos despois na esquina a tería Carmen do Grocho. Se mal non teño entendido, houbo tenda tamén na de Tía Engracia, ao lado da anterior.
Un pouco máis arriba, queda na lembranza a tenda de pan de Tía Concepción.
Na esquina da Calle co Río da Roda, estaba o correo na casa de Fernando Garrido, a onde tamén cambeara a súa carnicería. Un pouco abaixo estivera a de Bendaña.
Comezamos o Río da Roda e alí nos esperaba Xisco co seu bo humor de sempre. Electicidade e moitos artigos de uso cotián.
Pero tamén houbo, xa máis actual, un videoclube de Romualdo Lista ao lado do Dolmen. Mesmo en fronte, tivera a súa clínica médica D. Celestino.
Baixando ao Campiño, de novo outra cáneba: a de Tía Teresa da Grisalda.
O Correo o tiñamos en Vidal, nesa rúa. Cola á noite das mozas pola carta!
Seguimos un pouco máis e xa estaba a mercería de Tía Lola de Torrado. Parece ser que antes fora taberna.
E temos que baixar á Estada para lembrar a casa de Tía Pepa, onde mercaba a palilla de moitas compañeiras para vendela coa súa.
No Campiño, quédanos a lembranza da fábrica de salazón de Piñeiro, un tempo que xa non volverá. Aínda lembro como encascaban a rede! E alí preto, O Rancho, unha nostalxia cormelán do mundo mariñeiro.
Ao lado, na casa de Tío Patola recordamos a sé do Pósito no 1º andar.
Subimos ao Río da Roda e alí estaba a Peluquería Moderna de Juán Crúz, que logo sería coñecida como a das Barbeiras, as súas fillas.
Pero antes estaba a casa de tío Jesús do Chinito. Aceites industriais e a primeira gasolineira de Corme no Alto da Costa.
En fronte estivo o Hotel Moderno de Victor Cousillas. (O 2º de Corme. Anos 30). (Antigo local da farmacia).
Vindo deica arriba, estaba a frutería de Carmen da Coxa, que anos adiante cambearía para a súa nova casa.
De novo á Praza, pois, súa nai Tía Josefa, tivo tenda de comestibles e lambetadas para os rapaces.
Seguimos baixando para non esquecer a de comestibles de Aurita da Caola. Estaba na subida ao Gafote, preto da Ribeira.
Un pouco máis arriba tivera tenda Tía Frasquilla, na casa de Mourelle.
Facendo esquina a esta subida estaba a panadaría de Cambón, outra das clásicas de Corme.
E camiño da Calle, alí quedaba a zapatería da familia de Ramón Agrazo.
Na casa de Tía América, era un dos puntos de venda de sal, no seu soto.
De novo na Praza, queda a antiga lembranza da panadaría de: As do Pan.
Na esquina, o súper Xemelas pasou a punto de venda da panadaría Estrela.
No Río da Roda (isto é un ir e vir), estivo a tenda de roupa O Dolmen.
Mesmo en fronte, tiveramos a primeira clínica cormelán: A de D. Antonio Ramos. Logo subindo tiñamos a Casa do Estanco e ao lado a tenda de roupa das Chucas, así coñecidas polo nome da nai: Tía Chuca do Recoste.
Mesmo en fronte, tiveramos a carnicería de Manuel e Lela da Malpicana.
Onde hoxe está Vidú, alí estivo o Banco da Coruña. (Pepe de Blanca).
De Casa Isabel xa falamos no anterior capítulo. Tamén tenda de comer.
En casa Cotelo, pois iso, parada e embarque para as feiras, á Coruña coas regateiras, viaxeiros, etc., era a estación de autobuses do pobo. Tamén no baixo tivemos a primeira xoiería de Corme: A de Susita de Cotelo.
Detrás do Bodegón, estivo sempre a lexendaria panadaría de Tecelán.
Casa de Clarisa, a tenda de roupa da bisbarra. Cantos petos ás catro da mañá para vestir e calzar aos difuntos!
Pegadiño e case ao lado do adro, estaba a de Tía Pura. Velas, mariposas e cousas afíns á Igrexa.
Un pouco máis abaixo e aínda recente, estivo a libraría de Aurelita.
Xa no cruce da Igrexa, a Axudantía de Mariña era lugar de obriga do mundo do mar dende o 1929. Cantas trompas os días de quintos!
Na outra esquina do Campo, estaba a parada do Guillén dende o ano 1921.
E enfilamos o Campo, (a Rúa Real) con outra de ultramarinos: A de Blanca do Chinito e o seu home Pepe. Tamén se vendía a Voz de Galicia.
Ao lado, Tía Lola de Áurea tiña case o mesmo, amais de moitas novidades para os rapaces como foron os famosos Pirulís e Chupa Chups.
Xa en fronte, a Casa de dona María era unha das fortes de Corme onde o atopabas todo menos o de comer. Anos hai, tiveran a primeira central de teléfono (1956) de Corme e Ponteceso nun cuarto ao lado da tenda.
Na outra beira, a casa de Birloto tamén tivo un pouco de todo. Tempo despois, Manolo abrira un ambigú na entrada do cine. Hai poucos anos, tivemos sala de xogos de Manolo fillo, e logo outra: a de Finsol (fillo), fronte aos xardíns.
Pero antes do cine Olga (1944) xa quedaba o Avenida (1942). (Deles xa fixen memoria hai un tempo neste blog. Ir a anteriores). Ao mesmo tempo, Santiago mercaba puntilla ás palilleiras de Corme.
Seguindo na mesma man, chegabamos á tenda de Tía Rosalía de Andrés. Louza e droguería, máis cristais á medida para tanta pedrada dos rapaces.
De novo na outra beira, tivera a zapatería Francisco Rey. Anos despois foi a barbería de Jesús Ameixenda.
Baixo da Capilla, solo unha lembranza ás fábricas de salazón de Boedo,etc.
No Campo, subir un pouquiño por pan á tafona do Panadeiro Novo, hoxe Praza da Constitución. Mesmo en fronte tivera libraría Manola Pombo.
Ao baixar alí estaba a clínica privada de D.Ramón, o médico ourensán.
Ao lado queda o local do recén ido Banco Pastor.
Seguindo a rúa, a ferretería e tenda de Porteiro queda na lembranza.
Ao seu lado estivo a moblería Gelín durante moitos anos.
Tamén na outra beira queda no recordo Calzados Jaypa, de Paca de Jaime.
Ao lado tivemos a 1ª farmacia no 1962 de D.Manuel Pazos Pobes.
De seguido, na de Tía Susa de Ricardo tamén se vendía sal.
Seguindo dúas máis, estaba a droguería de Tía Gabriela, xa coñecida como a dos “efectos navais”. Unha tenda mui moderna e moi repleta de pinturas.
En fronte á actual farmacia, estivera a oficiña de correos na casa de Tía Daría. Velaí o apodo de toda a familia aínda a día de hoxe. “As do Correo”.
O Cuartel da Garda Civil, co comandante de posto, máis nove gardas e o radiotelegrafista, impoñían un respecto polas rúas que te facían tremer aínda sen romper nada. E os bos días/tardes, que remedio! E en castelán.
Ao seu lado estaban as casas de Tío Cachea e Tía Encarnación. Primeiro tabernas e logo a última, mercería.
Pegadiño a ela, estaba a do Cheíño, onde nos mercaban a chatarra aos rapaces a cámbeo de pitillos soltos de Celtas ou Peninsulares. Se chegaba, comprabamos Chesterfiel ou Bisonte, facían menos tós!
Pegadiño, estaba a sastrería de Anselmo, o músico e xastre que tocaba a batería no salón Miramar os domingos e festivos. Primeiro namoraba aos noivos e logo lle facía o traxe. Ao noivo, claro. Ai non!
No soto do Miramar, mesmo na Arnela, alí estivo a carpintería de Luís de Armelina coa primeira máquina moderna. (Traballei dous anos nela).
Pouco adiante tivemos un local de vestimenta á medida para as mulleres. O de Basilisa: A Modista, como así foi coñecida.
Na rilleira de Givaje, estaba ao comezo a casa de Tío Arán. Era un mestre artesán da hoxalata que facía xerros do leite, sellas, caldeiros, etc. e reparaba canto facía falla nos cacharros do fogar.
Asentada na mesma praia da Arnela, estaba a casa de El Otro, autos Pombo, a segunda empresa de transporte de Corme. Un pouco adiante, o taller de Pepe o Mecánico (así coñecido, con maiúscula), era a base naval para as embarcacións da época, e algúns turismos que escasamente había.
Na curva do Chalet, Suso Neira foi un dos primeiros en facer aparatos de radio e máis tarde de televisión.
E ao seu lado tivemos no 1918 o primeiro hotel de Corme, O Chalet, propiedade de Tío Eliseo Pailos (dos Teceláns). Onde fora a escola do Pósito, fixera tamén salón de baile e no soto estaba a súa ebanistería.
Pero non debemos esquecer na Rúa Cubeiro, ao artista e artesán Calixto, que amais de ser un mestre da gaita, facíaas el mesmo e..., como soaban!
E no alto, xa vedes, a Serra queda na memoria. Un día tiña que ser, pois os toxos son para o monte.
Mais queda unha no recordo. No Río de Arriba houbo outro aserradoiro antes ca Serra. Movíase a vapor e tiña a típica cheminea de ladrillo.
E rematamos ollándo de esguello á caseta que foi o surtidor de Tío Jesús do Chinito. Medida a xerros e con embudo, deu de “beber” aos primeiros coches e motoras cormeláns.
----------------------------------------------------------------------------------------------
P.D. Como subliñei no anterior capítulo, o tratamento de tíos/as que fago, é unha tradicción cormelán que respecto e con moito agarimo. Que sexa do voso agrado.

2 comentarios:

Anxo.S. dijo...

Ola Suso¡Vamos alo,eu vou decir algun dos sitios que me acordo,cando eu era un neno,acordo de ir mercar o pan a panaderia de tia Concepcion,que ademais vendia mas cousas,tiña a tenda chegando casi a rua dos condes.Onde hoxe esta o museo, no campo,tiña a, chamemoslle,zapateria,REY,que despois foi peluqueria Suso se non recordo mal,teño ido cortar o pelo moitas veces.Non hai moitos anos,tamen tivo Romualdo un video club,enfrente de correos,e o lado tamen estuvo a consulta de don Celestino,e se non mequivoco,eu penso que na paxariña,tvera unha tenda a nai de manolito villaverde.Bueno Suso xa me diras se estou equivocado ou non,coido que ainda me queda algunha pero agora non me acordo.Saude.

Administrador dijo...

Ola Anxo, xa sabía eu que ía deixar no baúl máis de catro cousas. Isto non é para un só. Grazas pola túa colaboración, e xa están engadidas.