sábado, 16 de enero de 2010

CARTA DE UN VELLO ESTUDANTE


Ola meus: Pois nada, que levo un mes que non sei de que escribir. Xusto desde o día que aprobei o Celga-4, aquilo que vos falara o ano pasado. Ou sexa que, aos meus case 66 acabo de facerme co 1º de bacharelato en Lingua Galega. Case nada a miña idade! E debeu ser co susto que, quedei desconcertado, pois, a verdade que cando estaba matinando no suspenso, velaí soa o móbil dándome a boa nova. Pero non, non me fiei ata que pola noite o lin polos meus ollos en Internet.
A verdade que fixeron ben en “quitarme de diante”, pois tíñalla xurada de por vida. Non vexades como eu paseaba pola Escola de Idiomas, o mesmo ca un mozo de 20 anos! Agora xa me sentía da casa despois de suspender o pasado ano por non facer por despiste a 2ª proba.
Ben pensado, sempre fun un estudante vello, e tamén un vello estudante. E pasando a vergoña entre nen@s e moz@s. Logo da 1ª etapa aos 17/18 durante a mili voluntario para poder estudar música, recomecei aos 31 xa con dous fillos. Tiraría ata os 49 no Conservatorio. Un total de 18 para saír con máis complexo. Complexo de saber que non sei nada e ver cada vez máis lonxe unha meta ou cume que non ten final. De certo que, a ignorancia é moi atrevida; moitas veces vale máis non saber ren e vives ledo e feliz.
Pero o problema no fixo máis ca comezar: Que vou estudar de agora en diante? Pensei no Inglés, polo de cando veñen algúns iates no verán, pois eu aló non teño pensado ir. Seica hai moita néboa, e, tamén pagar o billete para non ver aló máis de cen metros! Amais diso, a humidade non me é boa para a miña feble gorxa. Tampouco subín nunca a un avión (son “Méndes”), aínda que desde hai un tempo acó case o estou desexando.
Falando de avións, estoutro día foi a Madrid unha amiga nosa por catro €. Desde logo, aí non pico nin tolo, antes fago o Camiño de Santiago a pé deica Roncesvalles ida e volta. A min estas ofertas danme moito que pensar. Quen sabe se xa non lle cambian o aceite aos motores, non pasan a I.T.V.,bótanlle gasóleo vermello do dos tractores e as rodas son recauchutadas!
Non falamos aínda coa amiga, pero seguro que nesa oferta/viaxe as azafatas eran as pre-xubiladas e os pilotos..., vaite ti a saber cantos puntos perderon na rotonda de Lavacolla. Despois do lacón con grelos “compangado” con Albariño e follados con mel no Ruta Xacobea, non pode faltar unha cunquiña de queimada. E logo, a soprar...
Tamén souben de boa fonte o porqué de outras aerolíneas que elixen para azafatas ás mellores mozas: A que non o sabedes?, para que os viaxeiros perdan o medo. Non é de estrañar. Pero Julio, o fillo de Papuchi; Amancio, (Prada non, ese vén no Alsa/Castromil, refírome ao de Zara), ou Valentino “D‘italia” (este é parvo total, en vez de azafatas leva catro canciños), estes voan no seu propio avión. E con gasolina de 98 “estalos”. Quixera ver eu a estes nun voo de catro €! Véiganos os demos que ían levar de cueiros dous “dodotris-maxi”con bragueiro!
Mais ben pensado, o que realmente me afecta estes días, como a todos vós, é sen dúbidas o de Haití. Velaí a outra cara da moeda, uns tanto e outros nada. Ben pensado, tampouco, aínda é algo. Pero somos nós todos, a sociedade total quen non valoramos o que Deus nos dou.
Que se neva e non se pode saír co coche, todos queríamos unha quitaneves para cada un. Que se hai temporal e chuvia e os aeroportos están pechados, veña a pedir dimisións a eito, pois tiñamos que estar en Barcelona para a comuñón da sobriña e iso “é unha necesidade vital”. Que se falla a luz ou o butano e quedamos a dúas velas e sen ver a telemerda diaria ou o partido do Madrid, veña bágoas.
No entanto a isto, parécenos que somos unha sociedade privilexiada, non pensamos nos do Caurel nin nos de Pedrafita que botan semanas ou meses sen saír porta a fóra. E non se queixan! Ai, Señor, e logo vamos á Misa de doce, fardando cantidade e calidade cos abrigos de visón. E comungamos coa caluga baixada como se tal cousa. Ou sexa, como se Deus fora parvo, vamos.
Sempre penso que tiñamos que tornar á aldea de onde somos oriúndos e pasar tan sequera alí un inverno. Remexer nas nosas raiceiras sería bo para valorar a vida en si. Acostumarnos a vivir sen luz, butano, coche, televisión e estar preparados para unha hipotética catástrofe como a actual Haitiana, Deus queira que non. Era bo saber que o leite quéntase cuns carabullos e á luz do seu arder xa se alumea o lar, á marxe da de carburo ou da vela de cera das abellas.
Era bo un tempo no lar de noso, de onde asemade sairiamos relaxados sen falla de psicólogo, falar ao redor da lareira e contar contos e lembranzas sen ollar o reloxo. E logo durmir no xergón de cazula ata ouvir o canto do galo deica o amencer do novo día. Así, sen présa. Era bo.
Atentamente, meus.

7 comentarios:

Yoli dijo...

Noraboa mozo, que de vello nada. Na vida chega a algo quen o loita e ti es un loitador empedernido.
Con respecto aos vicios, non o podes reflexar mellor, estamos mui mal acostumbrados e algún día a vida pasarános factura.
A seguir co inglés, veña.

¨Chuco dijo...

Mui ben Suso eso e un ejemplo que todos tiñamos que seguir en ves de tanta baraxa e chiquitos, en horaboa home, a verdad que es un loitador asta a morte, pero que che tarde moito. apertas de Chuco.

Cormecat dijo...

Hola Suso:Somos de Corme pero vivimos en Cataluña. Enhorabuena por tú aprobado. Mi padre al igual que tú, no tuvísteis escuela. Fué compañero tuyo y está emocionado con tú tesón, dice que te tiene envidia sana, pero que él no es capaz de hacerlo.
De sú parte y la mía, abrazos.

mariñeiro dijo...

brabo campeón, así se fai e non estar esperando que toque a campana por un, e no da vida fainos falta un repaso a tanto vicio, eso si que e verdad.saludos e ánimo.

Anónimo dijo...

Noraboa polas mais de 700 entradas en dous días. Recor mundial

Administrador dijo...

"De nada, anónimo", pero mira, as entradas desde o día 15 foron:82,96,59,18 onte e hoxe 60 a esta hora.Logo hai na semana anterior días de 4, 10,8, e 50 ou 40. Era convinte mirar cada certo tempo as entradas dos demais.Eu persoalmente leo os blogs de todos de Corme Net tódolos días.
Sen embargo sí apareciu un blog hai uns meses que unha noite tiña 630 entradas e no outro día apareciu con 1500 xustiñas de polvo e palla.Iso si foi un Récor mundial sen precedentes.

ANXO.S. dijo...

Ola Suso¡enhoraboa polo teu aprobado¡Non sabia eu que lle tiñs tanto medo o avion¡pois mira agora iso e o que tes que facer subir a un e vas ti a mais a muller pasar unha semaniña a canarias,que nesta epoca tase de maravilla.Saude Suso,e sigue escribindo,que cada ves tardas mais.