Das tebras do mar infindo, en Corme ficou o Calo,
meigas e trasnos coas figas, falaron de conxuralo.
Cal anxo do Ceo coitado / tenrura que entenrecía,
náufrago esmirrado / esgotado el tremía.
De fame esgorecendo / e a roupa sen enxugar,
chegaba a el o recendo / do caldo quente no lar.
Ninguén soubo onde el vir / nin o seu nome chamar,
pois, só sabía dicir / calo calo, ó falar.
Mesmo era un malpocado / das ondas do mar batido,
que semellándo a un fuxido / esmolába un bocado.
Sen roupa de mal remendo / descalciño camiñaba,
mais de abafo repelendo / só nos pobres tiña entrada.
No vagar do triste fado / non atopou un esteo,
tantas noites ó sereo / dos poxigos rexeitado.
Nin de hedras pardiñeiro / nin cabana de palleiro,
non fora o demo deitalo / nun cabanel ó abeiro.
O seu fogar foi a rúa / a súa cama o chán,
durmía co sol do día / que a noite fría era en van.
Mais na noite silandeira / ó rueiro espertaba,
que ó socairo da soleira / ollában como ouveaba.
Loiro famento, ouvía, alma de cándida pena
da artesa broa resesa, el duras codias roía.
Unha noite de luar / a unha lubre foi levado
bouránronlle pra eivalo / até case agonizar.
Era a vergoña da vila / dicían coa terra na man,
quen letanxías rezaron / no Cubeiro un serán.
As plañideiras laiaron / irtas meixelas sen bágoas,
baixou o cadaleito á cova / de mostrengo as catro táboas.
Nin campa dun vello valado / nin cruz de dous carabullos,
que pra calar os murmurios / o alcume foi vedado.
Floreceron alecrins / no seu túmulo, cal foxo,
roseiras son as dos ricos / dos pobres a flor do toxo.
Na escura noite ó embalo / petos na amura resoan,
e os cegos morcegos voan / coa lenda de Calo Calo.
------------------------------ººººººººººººººººººº-------------------------
2 comentarios:
¡Ola Suso¡So pra desexarche que pases unhas boas festas en compaña dos teus.E que teñas un 2010,se pode ser millor co que se vai.Saude.
Para Anxo e demais lectores,pois aínda que non son amigos de facer comentarios, sei polo contador que son moitos. Pois, iso: Bo Nadal e Aninovo e que o vindeiro 2010 non sexa "polo menos peor". Á falla de zambomba, toquemos madeira.
Cos mellores desexos para todos:Suso de Basilio.
Publicar un comentario