jueves, 3 de febrero de 2011

O MEU HAPPY BIRTDAY

O MEU CUMPLE
Ben pensado, meus, nunca tan vello me vin.¡Que diferencia só cunha letra: Bello, por vello. Mais o triste non é iso, o conto foi que estoutro día o meu psicólogo -eu tamén o teño, coma a jett-set- deixoumo así de claro: “Jesús, suponiendo que todo vaya bién, 20 añitos más, así que volando a Canarias”. E claro, un xa o sabe, pero o feito que cho esñáfren así de sotaque…, coma se che din que tés a garabata torcida, vamos!
Xa mo dixera o finado de meu pai cando un compañeiro músico falaba de cotío que a súa muller era de bo ver, foi entón cando eu canso de o escoitar espeteille: “Home, pois a min paréceme fea”. Ai, aquel día estiven entre a vida e a morte. “Pero papá, se eu non lle dixen mentira, faleille con toda sinceridade”. “Xa filliño, pero hai sinceridades que matan, e por pouco mátate el a ti”.
Mais volvendo ó conto: Que o vindeiro luns, se chego aló, serán 67. Malo será que non terme aínda que sexa cunhas “sacarinas”. Unha de estas noites no peirao e facendo o futing diario por mor da friaxe dos pés, dóuseme por calcular os anos en días mentres a potera dun calamareiro erguía un anxeliño. E abofé que aínda quedei ledo, saíronme así a ollo de calamar uns 7.000 días sen arredondear mes arriba ou abaixo, tampouco hai que ser tan interesado, despois de todo o que non fixen deica agora tampouco vai ser de acó en diante.
Aquel día vindo do “chiscólogo” e matinando no seu consello, pensei o de subir a un avión. Nunca o fixen por medo, pero agora tantotén, xa non é capote. E a parienta tan leda, ata me fai ter envexa cada mañá cando dende a cociña ollámos como voan e brilan á luz do sol.
Ai, pero esa noite soñei, soñei que estabamos en Lavacolla xa dispostos a pasar pola cabina detectora. Mesmo parecía desas de escoller o voto nas eleccións. E diante nosa un matrimonio da 3ª idade. Seica ían a Benidorm polo Inserso. Era visto, sopa de sobre Korg e pola tarde a bailar os Pajaritos da miña amiga María Jesús, pero sen acordeón e en disco, por suposto.
E soñaba que o detector non facía máis ca pitar e casemente parecía o árbitro dun Madrid-Barcelona. “Por favor, vuelva a pasar y saque todos los efectos metálicos de sus bolsillos”, dicíalle o garda ó vello. “Mirusté, eu xa quitei o cinto, as chaves, a caldeirilla e non vexo máis que quitar, oío”. “Pase luego de nuevo, por favor”, díxolle o garda. E pitou de novo o chintófano. “Ai, xa lle sei ho, é un imprendible do calzoncillo, sabe, rompíome o botón antes de saír e co apuro…”.
Entre as tebras do soño pasaba o túnel de embarque en nun intre sentaba no nº 13, o que me faltaba! E que ollaba ás dúas azafatas: “Pobriñas, mira que non hai oficinas e teñen que andar cos pés no aire con eses corpos de Nanci”. E escoitábase a voz do comandante:“Señores pasajeros, apriétense los cinturones”, pero eu xa estaba ben cinchado.
Que comezaba o despegue e sentía coma o calleiro na boca me facía o celuco. As mans aferradas ó asento, o nº 13, para máis, e os pés facendo forza no chán. Ata escoitaba ó vello detrás nosa: “Logo, vostedes tamén veñen pa Benidrol?” E xa non me lembro de máis, só que o avión facía un viragancho nun bache de ar e o corazón me paraba. De later, pois de palpexar xa hai tempo!
No medio do meu trasvaio notei que ulía á miña cama. Paseniñamente estriquei a man, pero estaba valeira. Carallo, a caixeta debe ser ancha, isto parece un mausoleo. Quedei irto, ou máis ben xa o estaba. “Nada, que o avión estampouse no bache e morrín, este debe ser o meu cadaleito ou…, xa estarei enterrado, pois con tanta escuridade”, cavilei estarrecido de frío.
“Pero Gabriela non está, claro, ela como é tan boíña dubiu ir para o Ceo, e eu debo estar no inferno. Era visto, sen confesar dende a primeira comuñón! Aínda que só terei catro pitanzas de pecados estívome ben, de lle ter paga a oblata e a bula ó cura dende que casamos ó mellor mos pasaba por veniales. Pero tampouco, se isto fora o inferno tiña que haber máis caloriña e máis ambiente e marcha do meu mundo da farándula. Ai, isto debe ser o Purgatorio, o que me faltaba, monxas, frades, paspáns e tordaveas que non se comeron unha rosca”.
Tin, tan, tón…, tin, tan, tón…, tin, tan, tón…Si, la, sol…, si, la, sol…, “coño, as notas de tocar a morto, debe ser a hora do meu enterro”, pensei entre a masmorra e o pesadelo. A campana non paraba de soar e pareciume ouvir o chirrar das ventás do rueiro da Fontiña: “Logo, quén morrería?”, escoitei mentres me arrecendía a descafeinado. “Seique foi tío Eustaquio da Arriloa, fíxolle Dios mil favores”, berraban na Fonte do Campo.
De repente, abriuse a porta do cuarto e a luz da mañá dibuxou unha silueta:“Suso, ti érgueste ou quedas un pouquiño máis?”. “Logo, ti quén es, a miña viúda?”, preguntei aferrado ó embozo das sabas e cheo de medo. “Xa hai tempo que estou viúda, xa”, faloume con raxeira mentres erguía as persianas e eu fregaba os ollos cos noceliños dos dedos.
Pero a campana seguía tocando a Tanatos. “Quén morrío logo, muller, todo Corme?, leva media hora tocando a morto”, preguntei sen ceibar as sabas. E sentíndo un bico na meixela da esquerda pregunteille: “Logo non estou morrido?”. “De todo non, pero case, meu vello, levas toda a noite desvariando de morridos”. O que un ten que escoitar!.

5 comentarios:

Claricousi dijo...

Así que nunca subiste a un avión, vaya,vaya. Pues la verdad que lo plasmas realisimo y eso estando "morrido", ja,ja,ja. Feliz cumple, maestro.

Anónimo dijo...

Suso, soy un amigo tuyo de la infancia y la verdad que te admiro por tú tesón a tú edad cuándo casi todos hemos tirado la toalla. Eres un crak de superación. Enhorabuena y sigue que, leerte es vivir en Corme aún estando en la diáspora.

Josecho dijo...

Veño Suso q hai unhas azafatas q quitan o hipo. Moi bon escrito coma sempre.

A.SUEIRO dijo...

Felicidades Suso¡xa vai sendo ora de que vaias en avion,despois vas arrepentirte de non facelo,e eu creo que nesta vida e peor arrepentirse do que non se fixo,que do que si se fixo,pois se non o fais logo despois xa no ai remedio,vea home dlle unha alegria a muller e vaite a Tenerife,xa veras que leo volves.

Suso de Basilio dijo...

Grazas Anxo, tanto tempo sen ler nada de ti, pero xa vexo que estás aí. O do avión, estou desexando probalo, pero vai chegar o netiño novo e xa sabes, a esperar.Saúdos e en Corma un nordestiño con bo tempo.