jueves, 17 de febrero de 2011

COUSAS DE CREGOS



PREDICANDO QUE É XERUNDIO.
Estabamos estoutro día na misa de unha parroquia calquera, tantotén, e mirada vós por onde o crego que oficiaba metío a pata cando na homilía predicou así: “Hermanos, todo hombre que ponga los ojos y el pensamiento en mujer casada, peca de hecho”. De repente, os das filas de atrás ollámonos de esguello con cara de abraio, e, sen poder evitalo erguemos as cellas fruncindo as sens. Algún que outro tamén chiscou o ollo para namais saír ao adro, quén máis, quén menos sacou o tema a relucir: “Coño, vós escoitáchedes o que dixo o cura?, porque de ser así aínda quedan as solteiras, divorciadas e viúdas de bo ver”. E todos dixemos amén, -por algo viñamos da misa- ou sexa, que era certo, o cura debeu trabucarse. Tamén hai que entendelo, agora non dan feito de tan poucos que son e andan aloulados co viño de tantas misas, hai que perdoarllo.
Mais a cousa dounos que falar mentres remexíamos uns descafeinados en col do mostrador da baiuca de enfronte, onde para máis carallo serviunos un rapaza nova á cal e sen quitarlle o ollo de riba dixemos: “Podemos mirar, pois segundo o cura non é pecado, a rapaza está solteira”. “De calquera maneira, ás casadas xa ninguén lles pon o ollo por mor do seu home, pode dárche uns lostregadas. E tamén por cortesía, todo hai que dicilo”.
Tanto dou que pensar o asunto e seguimos: “Eu penso que non é o mesmo ollar con envexa un Mercedes do trinque, cá roubarllo ao seu dono”. “Ou tamén ver os feixes de billetes nos bancos que tanto nos rouban e caer na tentación, coma roubarllos de feito”. E sinceramente chegamos á mesma opinión: “Se atopo un maletín ateigado de billetes, o dono que lle bote terra, non era ningún pobre”. E penso que non pensamos mal (¿).
Pero tampouco hai aló moito criterio entreles, os cregos, pois, lémbrome cando hai anos outro bo cura e persoa, -E.P.D. e que Deus o teña na Groria-dicía así na misa do domingo: “Todo hombre que tenga malos pensamientos con mujer ajena, peca como si lo hiciera de hecho”. Foi nisto cando meu curmán Pepe me dixo no oído: “Vamos daí, que, a misa está perdida. Tamos en pecado”. Aínda que ben pensado, este cura polo menos falara en xeral de todas
Eu penso que aquel día calquera dos presentes pensou o mesmo: “De caer así en pecado habería que levar o proveito”, dicían no adro os parroquianos con lentes e boina. A saber os sen boina!
Mais unha das cousas que dan raxeira é o porqué sempre están coa mesma teima de cara aos homes, coma se as mulleres non tiveran ollos na cara e caeran na mesma tentación! Vamos, parece que elas teñen bula e están libres de poder pensar e ollar canto queiran. Coma se non lle puxeran o ollo cando vén un médico novo, un cura, un carteiro ou un practicante mozo de bo ver.
Malia isto xa vedes, agora no inverno os homes temos que quitar a boina na porta da igrexia e ás mulleres déixanlle levar sombreiro. La mar me deixe se o entendo, pero así damos ao gancho coas gripes de inverno polas friaxes na calva. Tamén é certo que as féminas lavan e plánchalle as roupas e barren e fregan a igrexia sen cobrar un rén. De algún xeito teñen que serlles agradecidos.
E concluíndo, meus, a ver como facemos para non pecar no noveno ou no décimo Mandamento, pois no sexto xa non ten duda. Parece que levamos o demo no corpo con tanta “penitencia e abstinencia sen complacencia”, que culpa teremos de ter boa vista a Deus grazas. Ou será que elas foron “concebidas sen pecado orixinal”! Sexa o santo que sexa: Ora pro nobis.

2 comentarios:

Chuco dijo...

Carallo suso, este parece don Manuel romero, aquel de cando eramos rapaces, pero e verda que coas mulleres nunca se meten.

mariasuagon dijo...

Como moitas cousas de curas, que non de Dios, pura hipocresía, Dios dou ollos pa ver (incluindo os curas).
Para ver e mirar, e o sentido común para saber o que se esta mirando.
Certo que o sentido común non foi repartido a partes iguales entre todos os fillos de Dios (incluindo os curas).
Pero así lles vai, poucos saben ganar o repeto e os fieles que podemos ir quedando xa é "a nosa maneira", que non a deles