jueves, 24 de febrero de 2011

25 FEBREIRO DE 1967/25 FEBREIRO DE 2011


Pasaron 44 anos dende aquela mañá do 25 de febreiro de 1.967 cando o Suroeste zorregaba con chuvia no intre de baixar cara á Igrexia da Aldea. Mais o sorriso de felicidade brilaba nas nosas meixelas contra vento e marea.
Era o día máis ansiado da vida, da nosa vida, pero tamén de máis responsabilidade, o día que sentas os alicerces do teu fogar. Non sabes nesa borracheira de ledicia as cambadelas que che vai deparar a vida. Tampouco pensas niso.
No embelexo chegou o intre de poñer os aneis e darmos o sí quero, de mirarnos ás brileiras meniñas e os dous cun sorriso que endexamais esquencerá. Nese intre que non sintes os xeonllos en col do coxin ao pé do altar, desexas que pronto sexa túa, a túa muller e a nai dos teus fillos. Ese día marca un antes e un despois, afeitos á cociña da nai, temos que comezar a acostumarnos a ese ulido que marcará un novo lar.
Aquel día pasou coma un relampo, ata , pareceu o máis pequeno de vida a pesar que xa ían medrando pola preta primaveira. Un día que debía durar máis cá os outros. Que longos son os días de tristura e que tampouco duran os de ledicia!
Unha vida xa pasou dende aquilo, coma se fora hai uns días. Foi un abrir e pechar de ollos onde non sabes se estás soñando ou esperto. Parece que agora pasan os días máis axiña que na nenez. Pero non, duran o mesmo, nin un minuto máis nin menos. Mais facendo un reconto de todo o vivido, daste conta que xa coñeces moita historia. Como por exemplo as vodas de prata –onde elas van- ou as de ouro que…, velas aquí están á volta da esquina.
Nas noites en véla imaxinabas como sería a túa vida, a túa familia, os teus descendentes. Querías moldear cal oleiro de Buño no barro, unha familia á túa imaxe e semellanza. Soñabas esperto, porque o ser humano tamén soña cando non dorme, que todo sería un camiño de rosas e chuchameles, de fiuncho e espadañas ou pétalos de flores espallados no teu routeiro.
Agora véxome vello no espello, pero non me sinto, aínda sigo coa mesma teima de comezar de novo, de comer o mundo aínda sabendo que o mundo acó estaba e acó quedará. Cando o intelecto máis ateigado está, velaí fallan as forzas físicas e empezan os queixumes. Mais se algo non sei levar é a idade, aínda dando grazas a Deus por chegar á que teño.
Quizais sexa a senectude, tamén bendito tesouro, pero dende hai un tempo non fago máis cá soñar esperto con aquel día, coa mocidade, co comezo de nova vida. Como foi e como poido ser. Paréceme que agora o faría mellor, de outra maneira. Sen dúbidas, cando se coñece o camiño non se tropeza nel. Pero non, este camiño non se acaba de coñecer, é moi retorto ou…, máis ben o facemos nós.
Como dí aquel poema de C.Emilio Ferreiro: “Ben pensado, patrón, agora tomo o sol…”, sí, agora que son o vedraño da familia tomo o sol do inverno da vida e cavilo en poder volver deica atrás. Pero non, non quero, xa estivo ben así, chegou de sobra cunha vida, para qué vivir dúas? Pasou a primaveira, o verán e o outono. Xa estamos na cuarta das Catro Estacións de Vivaldi.
E falando de música, eu que a tantos noivos solemnicei con Haendel, Mozart ou Mendelsshonn, aquel día, o noso, ninguén nos fixo uns acordes. Non era moda nestes lares. Mais se vivimos, para as vodas de ouro a ver se atopo algún convidado que faga unha nupcial de Méndez Torrado, ese día quero unha composición miña.

4 comentarios:

mariasuagon dijo...

PRECIOSO.UN APLAUSO, MAESTRO.
dos relatos que mais me gustaron. sin mais comentarios. felicidades por saber expresar tan ben un sentimento

Suso de Basilio dijo...

Ola María: Hoxe erguínme mal por non durmir pola noite, son tantas emocións facendo reconto de 44 anos que en fin...!Xa sabes, o que liches no artigo, as cousas saen como saen, non como un quere. Pero ti cando menos sacácheme un sorriso. Gracias veciña, non sabes o que vale iso, un sorriso.

Chuco dijo...

animo suso que ainda poido ser peor, pois eu tou solteiro e tampouco e moita cousa. sabes esplicar ven as cousas vello estudiante. animo.

Claricousi dijo...

Hermosa manera de narrar toda una vida Suso. Ánimo que las vodas de oro las harás con organista, faltaría más con tantos que enseñáste. Saludos director.