jueves, 27 de enero de 2011

SER FELIZ



SER FELIZ
Ser feliz, así dicía un artigo onde esta bela frase ou pequeno sintagma era realidade non hai moitos anos: (sic)“Os veciños dunha aldea galega celebraban o aninovo levando “lume novo” da súa lareira uns aos outros en sinal de paz e bo ano”. E parolaban á sombra nas tardes de sol e ó socairo nas frías de inverno. Logo en cada fogar, o día do Santo Patrón se xuntaban no sobrado todos os fillos e netos fardados de festa baixo o sorriso do patrón da casa á cabeceira da mesa. Iso é familia e…, os amigos e veciños son alleos aínda cando hai un curruncho para todos en cada corazón.
De envexa, meus, isto é incrible no século que estamos. En plena era moderna. E eu soño, soño con esa quizais utópica aldea na que todos os veciños se falan e queren entreles.
Que tan fácil sería ser feliz e que tan dificil o facemos. Non custa nada, nin un céntimo. Pero non, iso é o malo, basta que sexa de balde para rexeitalo.
Os animais piéintanse entreles e límpan os dentes uns aos outros mantendo o ollo avizor para comunicarse cando hai perigo á vista. E aloumíñanse cheos de tenrura cal parella de púberes nun tallo do xardín. Estoutro día vin nun documental como a unha femia lle durou a dor pola súa cría uns catro anos. E cavilei: Pois non son tan animais, teñen sentimentos. E quedei abraiado! Nunca eu tal pensara.
Ser feliz, que tan doado é, malia que loitamos por ser infelices. Nos dous sentidos da palabra. E sofrimos, sofrimos sen saber o porqué, ou tampouco nos dá o caletre para moito máis. Quizais non somos tan “eleutos” como pensamos, un termo popular que se emprega cheo da retranca máis rexoubeira, pero que todos entendemos.
Que falla temos de ser felices, cando a vida xa pon suficentes mágoas para non poder selo: Enfermidades, accidentes, guerras, droga, terremotos e un longo etc., sen falla de lembrar nada máis. Pero non, só sabemos bicarnos, abrazarnos e entrar á fala nos tanatorios. E sorrirnos xustamente baixo a ollada de Tanatos, nese lugar tan “romántico”! En certo xeito, parece que soio nos une a morte cando pasou a vida sen darnos fala.
A veces penso que a lenda bíblica da Torre de Babel non só correspondíu á fala senón tamén a odiarnos sen motivo. Por iso Deus, segundo a Biblia, seica nos castigou con falar milleiros de linguas sen poder entendernos por querer acadar o Ceo coas mans e esa foi unha das primeiras penitencias que El nos impuxo. Sería logo o demo, digo eu, quen nos ateigou de odio, e, abofé que non ten que facer moito esforzo cando nós logo vemos a maneira de facermos o inferno en vida. Mais, dous nunca riñen se un non quere.
Canta falla temos de bicarnos, collernos das mans e palpar as meixelas, ollarnos ás meniñas dos ollos e ver que no seu brilar, cal espello, reflicte felicidade. Lembrar que para unha muller, o mellor galano é unha flor. Saber que eixiste San Valentín. Sentir que o corazón reborda de celme e palpexa de ledicia. Aprender que amor escríbese sen hache e feliz é un fermoso adxetivo. Darnos os bos días co albor do Sol e, un deica mañá cando o Fusco e o Lusco empardecen no infindo mar. Fagamos que este parágrafo sexa realidade, un fermoso paradigma a seguir e…,sentiremos o que é ser feliz.





3 comentarios:

ubaldinho dijo...

Susooo!!! que me entran janas de darte un bico!!!!

Claricousi dijo...

Suso, te lo bordas. La verdad que eres un poeta y con una experienza de la vida... Gracias por estes consejos que todos conocemos, pero que tan olvidados están.Saludos.

Chuco dijo...

Suso dame berjonza pensar que fun a escola a canda ti bendito sea DIOS por teres tantas ganas de aprender a nosa eda.