domingo, 3 de mayo de 2020

CARTA A MIÑA NAI TERESA


CARTA A MIÑA NAI TERESA
Ola mamá: Esta mañá, mentras escoitaba a Misa na T.V.G., porque estamos cun Virus que prefiro non contarche, vin saír un sol tan primaveiro e de pronto decateime que sempre lle escribo a papá e a ti nunca. Iso si, o fago como ves, nas cantigas de abaixo á miña maneira musical. ¡E non me digas ti, que xa quixera papá esa fermosa canción!
Así, ollando dende a fiestra ese sol tan limpo que ao mesmo tempo deixa ver o Ceo, cal auga cristalina, lembrei que sempre estabas lendo ou escribindo, era o teu práceme diario en col da mesa da cociña. E dixen eu, pois, de hoxe non pasa. Mais o primeiro que me veu ao maxín, neste día adicado a vós, as nais que nos paríches e criáches :Felicidades, mamás.
E así nun intre, comecei a remexer no baúl dos recordos e aló no  fondo atopei tres ou catro cousas que endexamais esquecerei. A primeira delas, era ir coa “cartilla do racionamento” ao pan tasado para o día. Tampouco daría para máis o presuposto.  E logo aquelas sopas de broa ao almorzo que la mar me deixe que nunca me entraron aló mui ben. Pero era o que había e a Deus grazas.
Logo,  aquel ano que escomezara na Banda con papá, 13 anos. Tiñamos que ir a S.Antonio de Agolada, pero 3 días antes me mandáches picar leña para a cociña. Ao día seguinte, tiña a man hinchada cun sobrecalo e febre. E que non puiden ir coa Banda.
Pero a miña dor da man, foi moi pequena cando te vin chorar e escondendo as bágoas. Ao día seguinte, tiñas unha letra pendente para pagar da túa humilde mercería. E contabas xusto coas miñas 100 pts. da festa. Iso foi a miña verdadeira dor, que nunca souben como te amañáches logo para saír do apuro.
Tempo despois, estaba eu na mili voluntario con 17 anos por mor de poder estudar. Viñéstes a A Coruña e me convidáches a xantar de fonda. Toda a mañá foras de compras para a túa tenda e cando chegou o intre de subir ao Finisterre na Praza de Pontevedra, abríches o monedero coa intención de darme algo. E eu saquei o meu para que puideses quitar o billete, mamá, non tiñas un ren. Pero aquilo, emocionoume, sabes?
O tempo pasou, mamá, casei e aos dous meses aló se foi papá cando non chegárades ás Vodas de Prata. O Ceo tornou escuro neste 7 de maio. Sempre o 7 marcou a túa vida. E a miña, quizais. Os dous sabemos o porqué.
Coma todas da túa xeración, erades as mulleres máis listas, mamá, e casemente sen escola e o mesmo que papá. Até que aos 78 tamén te foi atrapando esa enfermidade de moda, como agora mal lle chamamos. E así foi como aquela tarde domingueira, fun xunto túa e che dixen con todo respecto que estabas facendo cousas raras como marchar para a finca antes de xantar e non aparecer até a noite. E cousas así, xa sabes, que non cadraban.
Naquel momento, me largáches a primeira bofetada da vida cando eu xa tiña 45 anos. Quedei sen palabras e marchei chorar á nosa vivenda. Á mañá seguinte non souben que facer, se ir verte ou non. Pero fun. E alí me recibíches co mellor sorriso do mundo. ¡Non te lembrabras, pero de nada!. E non me fixo falla nada máis: “Mamá ten alzheimer, Gabriela”, lle dixen á túa nora. Dende aquel día, aquela bofetada foi o bico meirande que me díches na vida. Aínda sinto a día de hoxe a túa boquiña bicándome chea de duzura.
Pasarían 11 anos máis. Ata que te fuches. Sen enterarte do teu neno, Luís, meu irmá,  que foi antes. Así e paseniñamente foron pasando eses anos con aquel sorriso que nunca tiveras, pola mágoa da triste vida que che tocou en sorte. ¿Sabes, túa irmá Rosa, que veu dende Avilés para estar ao teu lado  no intre final? Outra cabeciña do máis listo. Pero ao mesmo tempo que te despedía, tamén ela estaba sendo atrapada polo mesmo.
Así, mamá, quero crer e creo, que estedes todos xuntos ata vernos de novo. Rezade por nós, pois, de familia vos vén, e boa falla nos fai. Casemente cavilo, que, a pesar de aquela escasez, vos tocou vivir tempos mellores. Recibe e llelo pasas a todos vós, o meu bico cheo da máis profunda tenrura. Ata mañá ou cando sexa, mamá, e felicidades de novo no voso día. Teu fillo: Suso.


sábado, 2 de mayo de 2020

AS BARRIGUIÑAS VAN VINDO DE SEU


¡AS BARRIGUIÑAS, VAN VINDO DE SEU!
Eu, o mesmiño que a Preisler, cada mañá á báscula aínda non tendo chacusí con 18 billas ceibando chorro por mor do relaxamento. Do dela, que está mui estresada e ten que mirar a báscula electrónia por se subío 50 gramos. ¿Que dixen, 20 gramos?. E xa non xanta, nin merenda nin cea, soio unha mazán, como a Eva. ¡ E como  pican!. Así as cousas, cada un temos a nosa digracia e ela tamén ten as súas. Non poder comer.

Quería dicir eu, que, con este “enconfinanciamento”, as barriguiñas de eiquí todo rueiro, incluída o deste escribidor, van  vindo pra diante. Visto o asunto, xa fago vida aparte. As mañás eiquí na entreplanta, a miña des/oficina, máis chea de papelorios que de virutas e serrin unha carpintería ao sábado pola noite sen barrer.

Logo, xantar, ao segundo, onde estou a media pensión concertada coa señora da casa, que che fai un companguiño e non hai queixa. Iso si, con sal o sen sal, calando. Fíxome un precio a cámbeo de eu levarlle todo papelorio das Contribucións; Fenosas; Augas; A Santa Lucía; Bancos e recibos de canto hai, que saen coma os caracois cando chove. E tamén, quedamos nun prato solo, sen entrante, e logo de postre sempre mazán. Tamén lle levo o mantemento da casa como, cambear bombillas e chaves da luz; algo de fontaneiro; carpintería e todas chapuzas diarias.

Despois de xantar, baixo ao primeiro serrar un pouco no violín e secadra tamén no vello teclado Solton, aquel co que tantas veces vos fixen bailar. Porque non podo despertala, me dixo, seica lle bota unha cabezadiña no sofá. Despois lle fago a manzanilla e sen  facer ruído algún. E queda leda. Leda porque (isto entre nós) o home que tiña casemente era un atranco na casa, como me dicía un bo canteiro de Os Ánxeles.                                                                                                                                                                                                                                                                         E logo, durmir, ao terceiro con vistas a Cabana, A Telleira e Cándoas, visuando antes a Tiñosa. Vaia nome tamén lle puxeron, quen tal discurrío debíulle quedar o caletre relaxado. Ou vaite ti a saber, senón mandaban para alí aos que tiñan a Tiña. Eos pobriños, que non podían beber nin auga doce  por mor de pasar antes o Río Anllóns pola Illa dos Cagallóns aló en Currás,  onde levaban antigamente pastar as ovellas e así deixaban a Illa.

Pro, volvendo ao conto. Agora estou facendo no cuarto, outro cuarto. Ou sexa, no faiado, e poñer un catre por mor de ver se hai pingueiras e poñerlle unha palangana. E tamén por sacudir as gaivotas sobor do tellado onde fan un espolio que casemente parece o día do Percebe. E de paso, pra baixar algún gramo en subindo e baixando. Porque xa marca a báscula medio kiliño de máis. E iso, en canal, ou sexa, nin zapatillas.

Así as cousas, non queira Deus que dentro de sete meses non enchamos o rueiro de criaturiñas. E non veñan xemelgos. Porque o conto non foi máis que comezar. Hoxe poden saír camiñar os Cabana e de Portozás por non chegar aos 5.000 habitantes. E nós, os de Cormelle, non, porque disque pasamos desa cantidade. ¡Vamos, nin que foramos aquí a área metropolitana da metrópolis inter provincial da provincia!.

Como vedes, ante isto estou cavilando en pedir a doble “concellalidade” e ver de poder pasear dende a Outra Banda ata Soesto ou Traba de Laxe e volvendo por Matío eo Aprazadoiro. Pero sen pisar Fornelos que disque é de Zas. Borneiro seica entra eo Dolmen tamén. O Roncadoiro  é costa abaixo, e, dende o Terrulo xa sen alento, ¡ai…, por fin  vexo Cormelle!.

Terei que levar un G.P.S. deses modernos, pero non sexa o demo, porque eiquí en Corme, cantos veñen camiño do muelle, velaí entran na nosa Fontiña e quedan atrancados total. Tamén pode que sexan das dereitas e non queiran xirar á esquerda cando chegan á nosa Fonte do Campo, vaite ti a saber. Estes da política andan teimudos, ché, non dan o brazo a torcer.

Resumindo, que xa non sei por onde comezei, se contei a miña vida, a puxen ao clareo ou onde fun parar. Que a este paso, e sen poder camiñar, as barriguiñas non deixan de medrar nin a cabeza de cavilar. Tampouco sei onde vin parar despois de subir e baixar de cear.

viernes, 1 de mayo de 2020

LA MAR ME DEIXE, SE VEXO DE QUE FALAR HOXE


¡LA MAR ME DEIXE, SE VEXO DE QUE FALAR!
Non, se contos teño no caletre para toda corentena así dure o que vai durar, pero a cousa é acertar. ¡Que rima, meus, poesía e todo na súa propia esencia! Porque se falamos de política, Jesús, mellor fregar as lacenas; barrer o faiado; pintar a cociña; poñer a lavadora; aprender a planchar e casemente a calcetar. Algunha vez falabamos entre músicos e logo as corcheas saían centrifugadas, ou sexa, semifusas, pero cada unha por onde podía. O que vos diga un veretano remancheiro do asunto.
Logo temos o fútbol. Jé,jé, case nada, meus, coma o asunto de arriba. Agora que me lembro, mirade vós o que nos pasou en Muxía hai uns 20 anos. Chegamos alí, antes da reforma nova da vila, e aparcamos case onde se vira hacia o peirao. Baixei e abrin as portas de atrás polo de descargar no palco. Ai, pero non vírades vós os berros alí en fronte de unha ducia de veciños, aquilo fixo que volvese a pechar as portas ata ver. Ata ver que todo aquel batifondo, era…, por fútbol. Aquilo foi a risa do día pra nós, contando que xa viría a Garda Civil de contado. Ata o Gaioso viña tan crespo paseando na beira da Ría, debía estar afeito.(Esta llela adico a Ramón, o xefe de Proteción Civil, onde era a “desfeita”).
Entón, só nos queda o tema de falar de mulleres. Pero tampouco, que eres un vello verde (en Astures, viellu) e dás que falar. (E iso que agora non hai tabernas, nin pasexos, nin ata velorios, porque xa terían leria pra ganchillar unha toca). Logo, que fillos e netos te poñen a caldo. Que xa tés desmencia sen il, digo senil. E vaite ti a saber se tou verde,  porque ata recordo aquel tema de moda en sendo barbilampiño na Banda de meu pai: Camino Verde. Ou sexa, que o das mulleres, mui verde, mellor non meneallo, dí o refrán. E cando o dí o refrán, mellor deixalo, que xa teñen abondo liándo o palangre cada tarde co Sálvame de Luxe, ese. Disque ata lle levan biscoitos e todo as que o queren ver en directo, que xá é dicir. 
Ai, que xa caín da burra, nin que fora tan listo. Xa está, acertei. Que non hai nada de que falar, xa estamos no “enconfinamiento” falando todo día. Pero co móbil. Comezando por min.  Ferven as liñas (que digo?, senón hai liñas, todo aéreo e agora sen avións, o ceo despexado total, e se chove que chova)  co cal, iso, que  medran as accións nas “mobilándias”.
 ¿Pero como non me decatei antes, se andan eléutricos levando asistencia diaria de bocatería e refresqueiría aos astronautas das estacións mobilándias?. Xa víchedes hai tres días como caía na Coruña de madrugada un Ovni deses cando viña de volta de levarlle a cea, o almorzo e tiña que volver co xantar. Menos mal que non había ninguén aos calamares e aterrizou como poido. Pero falan de que a multa de tráfico vai ser boecha, contan que baixaba a 300 por hora e está limitado a 50 ata Betanzos/Enfesta. (Non  está en festa Betanzos, Enfesta está en Betanzos).
Así que meus, non hai nada de que falar, xa está todo falado. ¡Jesús!, outra cousa que me saíu sen querer: Fa,La, Do. Nin que fora músico.
P.D. Perdoáde por non atopar de qué falar hoxe, a ver se mañá hai sorte.

jueves, 30 de abril de 2020

JESÚS E MARÍA: UN AMOR NON ESQUECIDO


JESÚS E MARÍA: UN AMOR NON ESQUECIDO
Falaban un domingo á saída da Misa das 9 as mulleres do lugar de Coutarelo de que o Jesús de Pepe Pequeno, viñera operado, seica tiña pedra na vesícula. Eos homes noutra esquina do adro, falaban tamén do mesmo, agás que o Jesús, pena del, que ben estaría agora atendido pola súa anterga moza, a María, a  do Lugar de Baixo.
Aquela tarde, María, e despois de escoitar os remusmús de todo lugar, quixo facerse valer de seu, e romper cos dÍxomes- dÍxomes do lugar. Ou sexa, cos prexuízos. Sacando peito, saíu, saíu, pero aínda así sen deixarse moito de ver, abeirando os ribóns e matigueiras do camiño.
Xa na porta de aquela casa que nunca pisara, víu o postigo aberto e escoitou se habería alguén na casa. Ninguén, supuxo, solo dous gatos rebuldando sobor da lareira e enfarelados de borralla.
E berrou con forza: “Ou Jesús, tás aí ho?”.  E escoitou unha voz debre: “Tou muller, tou, sobe se qués”.  María, pisou aquela soleira por primeira vez mentras abría a folla baixa do postigo, a da gateira. Coa pel da galiña pola emoción de cruzar aquel umbral, olleou absorta sen saber se soñaba ou estaba desperta. Nunca tal pensara en facer. Até hoxe, por Jesús.
Enfilou as escaleiras da vella madeira de pino, e decatouse que a area dos chanzos, estaba tan rebuldada de arume e algún alcacén reseco que, casemente daba noxo. E cavilou: “Probiño, o que é un home solo”. Chegou ao piso e ollando á dereita vío no sobrado a cama de Jesús, que mesmo parecía a do Pascán, fóra a ialma. Alí estaba el acurrunchadiño envolto nunha vella manta de liño.
“Ou Jesús, como tás ho?”. “Como qués que tea, muller, cos pés pra cova”, dixo esvaecido de tan endebre. “Logho non hai quen mire por ti, ouh?” dixo ela achegándose. “¿Quen á mirar, muller?, ti non me quixestes e así quedei”. “Jesús, non falemos do que poido ser e non foi, xa sabes que non foi culpa miña,  agora  non ten volta atrás ,ho”.
“Xa muller, xa, todo por culpa de teu pai, que Deus o teña na Gloria moitos anos sen min, aínda que, penso que logho nos imos ver xuntos”. “Pro quizais arranxemos contas mais ben no inferno, e todo por culpa del, porque vós tiñades un cabazo de 16 pés e o noso era erguido sobor dunha pequena casadeira”. “E tamén a teima que nos tiña pola chousa do Bicarelo, que arre que lle cambeáramos o marco”.“Deixa iso Jesús, agora xa foi ho, e auga pasada non  move muíño”.
“Xa muller, xa, agora que falas. Aínda teño as cicatrices  nas costelas das vareadas que levei aquel noitecer no muíño da da Retorta cando estabamos…xa sabes, casemente no mellor”. “E leveinas, porque nos pillou espidos, que senón o meto na moxega mesturado co millo, e despois de sacudílo o tarabelo, sairía pola caneta, pero feito relón. E tiven que pillar braña arriba coa roupa na man e sangando ata a Fonte do Cornecho onde me lavei e vestín como puiden. Estiven 15 días na cama e contarllelo conto a meus país, sen remedio. Pro un mes despois, mi padre aínda chamándose Pepe Pequeno, case o mata cun fungueiro na corredoira da Ribadeira. E así quedamos ti e mais eu, namoradiños total e solteiros pra vida, María”.
“Xa o sei, Jesús, a miña vida foi de dor e sufremento, nunca máis ao baile fun nin outro mozo quixen, pero o pasado xa foi. Pro dime, como che quedou a operación, Jesús?”. “Como iba quedar muller, que non “pulso” as pedras polo.., xa sabes”. “Ou Jesús, pois mira ti que, mi madre, en paz estea, “pulsounas” na bacenilla ao dereitiño¨”. “Ai, claro muller, vós media que levades, se por aí saen as criaturiñas, non van caber unhas pedriñas?”.
“Mira Jesús, non comecemos con sátiras e falemos doutra cousa. ¿Ti xantáches hoxe?”. “Non muller,non, nin hoxe nin onte  probei bocado”. “Ou ho, que fan  aí esas latas de sardiñas valeiras e o pan reseso, Jesús?“. “Cala, muller, que mas cepillou o ghato mentres quedei masmorrado”.
“¿Vou logho facerche unha aughiña á lareira, Jesús?”.  “Ai, augha non, María, se me fixeras media ducia de ovos, ata os comería sen pan”. “Toma ho toma, que xa mo daba a alma e tróuxenche media bola, cunha tortilla no medio e unhas veiras de freba. E todo apretughado entre o mandil eo seo. Vai comendo logho, que baixo facerche unha augha”.
Deica aquel día, María deixou os marmurios de lado, e foi de seguido cuidar ao seu Jesús. Barríu, fregou e fixo limpeza  naquela  casa, das mellores do lugar, pero agora nas mans dun solteiro desdeixado total. Unha semana despois, Jesús xa era outro, pillara cor na face e xa termaba de seu. Pero o máis importante, o seu corazón comezaba a palpexar.
Aquela tarde, sentados na esquina da artesa e remexendo unha aughiña, Jesús acariñoulle unha man entre as súas. E mirándolle ás meniñas, non poido reprimir que das súas esvararan unhas bágoas: “María, pasaron 40 anos dende aquilo, pro nunca é tarde..e…non sei, por qué, por qué… non casarmos?”.  “Jesús, e onde imos nós agora con 65 anos?” “María, e onde vamos coma até agora cada un polo seu lado?. Foron 40 anos perdidos, os mellores, xa non podemos ter fillos, pro inda quedan os derradeiros, e sequera teremos conversa nas noites en véla e na trafega do día. E digo eu, por qué non aproveitalos xuntos?”.
Un mes despois e na cama xuntiños, rían e rían sen saber por qué rían. Don Eleuterio lles dera un sermón tan axeitado, que mesmamente non recordaban o intre de por os aneis, nin coa secura da boca o “si quero”. Soio aquilo de: Ata que a morte vos separe, que ninguén rompa o que Deus  xuntou hoxe  en matrimonio.

domingo, 26 de abril de 2020

HABERÁ QUE IR INDO PÉ DO CURA


HABERÁ QUE IR INDO  PÉ DO CURA

Boas, meus: O conto non está pintando nada ben, e iso que non ollo pro televexo nin mentras ceo. Por se ascaso, non sexa o demo que a cousa tercie mal e me pille sen confesar dende cando casei. Inda pra máis, aquel día tiven teima co crego, pois, arre que tiña que comezar polo sexto. E así porfiamos, eu dicíndolle que ata o sexto hai cinco antes. Pois nada, que non houbo consenso e deixámolo conto coma quen dí,  n`entremedias.
Así as cousas e con 95 abriles, haberá que ir facendo a maleta, aquela trasteada cando o Imserso que a zapateaban do avión. Pero chega ben.
Por iso, meus, vou ir pé dun deles, e confesarme. Porque  quero ir pró Ceo podendo ser.  Pero casemente coido que vou ir pró inferno, pois con tanta idade a ver quen non metío a pezuña. Teño unhas pitanzas que non sei se colarán.
Agora que recordo, na Renda nunca lle declarei todo. Cando a luz era de D. Manolo, enganchábamola no balcón pola noite. Ata que nos puxeron contador, pero urdimos de porlle un alfiler espetado pola parte de arriba e facía parar á rodiña. A oblata ó crego, xa nin me lembro. Logo, coma os políticos, as facturiñas se pode ser que sexan  sen IVE. Cando a fame era moita, roubáramos unha galiña. E peras, mazáns e figos, deixámos as árbores esquilmadas, aínda que tamén levamos algunha vareada dos donos.

¡Aí, e agora que me lembro:  Unha noite en véla, acordeime do primeiro voo en avión. Iba coma quen  di, caghadiño total e pra mais o número 13, o que me faltaba. Ata que pasou polo pasillo unha desas “zafatas” que...alabado sexa El Señor por facer cousas tan ben feitas. Pasoume o medo total. E dixen pra min: “Bueno miña nena, se ti con esa ghuapura non che importa morrer, a min tampouco”.
Naquel  “impresionamento”, cavilei abondo e penso eu que non foi tan mal pensamento, que conste,  porque  grazas á rapaza perdín o medo a voar. Despois no hotel do Imserso , tamén, tamén me tentou o demo unha disvorciada de bo ver. E lle puxemos unhas pezas de arrimado, porque daquela non había ese regheitón nin a brachata. E a condenastra, véighana os demos que despois fixo por subir comigo  pra riba con catro mais. E sentín  o seu pretugamento blandiño contra a esquina do censore.          
Ai, aquela noite casemente...,casemente me tentou o demo. Ou mellor dito á disvorciada, que, aló ás 2 da mañá, me petou na porta. Que se sentía mal, me dixo. E aló sentou no sofá vestida,  mais ben despida,  cunha “destentación” desas que me fixo “lucubracións”. Parecía desvaída e eu convideina a un plátano que collera coma quen non quere a cousa no bufete ese. ¡Ai, e como foi estonando aquel plátano de Canarias! Ela mesmamente revivíu e eu non sei se tamén revivín, ou mais ben desmorrín. Logo, me pedío quedar na cama xemelga.
E quedou, sería unha falla de confraternidade por parte miña. Atapeina ben atapadiña e cando quixen botar unha masmorra, velaí me tira pola colcha. Seica tiña frío e me pediu saltar o río de entrecamas. Ela non sei, pero eu sentín unha quentura de pés a cabeza!. Mellor dito, perdín a cabeza naquel “sin querer queriendo” que xa non me lembraba de tal cousa. Ela debía ter boa memoria, pois abofé que recordaba ben as “composturas”.
Cando despertei, estaba soliño, e non sei se  foi un bo soño ou un pesadelo. Cavilei toda mañá e toda tarde. ¿Sería verdade ou unha indixestión da cea?. Porque suar, suei pelo e cabelo.  Aquela noite , agochei dous plátanos pra ter cadanseu, porque parecían mui ensensuales. Dixeran na “receución” que non era pecado, porque  alí en Canarias,   houbera boa colleita.
Pro debío ser un soño, e se foi verdade non debíu quedar mui satisfeita, porque despois da cea  aló a vexo cun galán ben traxeado. Logo, bailando tangos, a xente quedou vermella en tal ver, en tal ver as pernas dela entrometidas nas do tangueiro bailador. Eu, subín pra habitación e cavilei esgonzando  o meu plátano: ¡Pois, debío ser un bo soño!. 
 ¡Pero de mulleres nada, como vedes!. Mirade se fun sempre formal nisto  que, estabamos meu curmán Pepe  no tallo tras da porta da Igrexa pra misa do domingo. As mulleres entraban por diante nosa e, queiras que non, os olliños ven de seu, ¡miña Sta. Lucía bendita!. Comezou a misa e chegado o sermón sobe o cura ó púlpito: “Hermanos, no solo se peca de obra sino también de pensamiento. Todo hombre que piense y ponga los ojos en mujer ajena está lleno de pecado…”. Nisto que  Pepe dime  no oído: “Curmán, vamos daí que, total o pecado xa o temos encima e, tantotén seguir na misa”.
 Eu quixen protestar pra dicir se as mulleres non poñen tamén os ollos nos homes. Pero xa sabedes, na Igrexa só falan eles, os cregos. E calando. O mesmiño cá no xulgado, agás  que diante do xuíz  non hai que presinarse.
Deica aquel día, subín sempre á tribuna por mor de non ser pecadoso. Tampouco matei, nin xurei nin roubei.
 Pero son tantos e tantos mandamentos que xa logo non hai maneira de non tropezar nalgún. ¡Agora que me lembro, botei mais de catro carallos!. Así que o dito, confesarei con D.Bonifacio que é mui bonachón e a ver se mos mete por veniais. Se non colan, xa a teño clara. Pero, hei levarlle unha ducia de ovos da casa coma cando era da oblata.
Se  non teño esa sorte e baixo ó inferno, pois  disque aínda hai  lareira e tamén está cheo con máis de catro pecadoras calentonas. Non, non  é polo que estades matinando, que xa vos vexo pensando ben. ¿A onde ei ir eu agora coa  miña “prostarata” esa?, se  mexo polas zapatillas senón me sento no retrete. A min agora faime falla moita caloriña, ¡sabedes!,vouche moi velliño e arrefrianme os pés.
Pero, supoñede vós que quedo no camiño e vou ó Purgatorio?. Ai, Santoutelo Bendito, é o que máis medo lle teño. Disque está cheo de almas cândidas; ánimameas; monxas; frades; solteiróns e solteironas; paspáns e tordabeas. ¿Qué fago eu ali sen unha cousiña quente? Máis frío aínda e quedarei entoumado. E pra máis, alí seica non se morre nunca e hai que sofrir toda a eternidade por los séculos de los séculos, Amén.
Dito isto meus filliños, pecharei a porta, meterei a chave pola gateira do postigo e ireime. ¿A onde?., cara o  Cubeiro, a xunta tódolos meus. ¡Eu aquí xa non pinto nada!. Asinado: Tío Lelo da Arregadiña e Candelago.

--------------------------------------ooooo--------------------------------------------


sábado, 25 de abril de 2020

UNHA VODA DE LUXO


UNHA VODA DE LUXO
Era un 11 de outubro aló polo 94, cando me chaman de un hotel, uns clientes de Novas Ideas, persoas mui apreciadas por nós pola súa formalidade. Era para unha voda ao día seguinte, o 12 da Pilarica. Tiñamos, como se adoita dicir na xerga musical, a fecha tirada ou perdida.
Así as cousas, a señora como portavoz do hotel co seu home, me dí que solo dispón de 60.000 pts. Cantidade pequena, pero antes de estar na casa e por seren clientes lles dixen que contasen con nós.
Chegamos alí con tempo suficente, ás 12 da mañá, e namais baixar me dí a señora no Holl do hotel: “Suso, mira, o pai da noiva é tan repugnante que se o sabemos non lles facemos a voda. Nin sequera vos quere dar de comer, pero non vos preocupedes diso, que comedes como hai Deus “.
Pois menudo aviso a navegantes. Era este un matrimonio serio e fantástico que xa nos diran máis ceas baile. Así as cousas, fomos montando o material para o recibimento dos noivos á súa chegada. Ao rematar de preparar todo, pois iso, que nos puxo mesa á súa conta.
Coa chegada dos convidados mentras os noivos iban quitar as cláxicas fotos de recordo, comezamos a facer unha hora de baile até chegaren os noivos. Logo,  a Marcha Nupcial. Nese intre, os donos do hotel me presentan ao pai da noiva e velaquí comeza a historia do día da Pilarica: “Jesús, hoy he hecho el negocio de mi vida, casando a mi hija con ese chico, tienen una fortuna los padres”. (SIC)
Como norma da orquestra, pasei a “carta de presentación” aos compañeiros. Menos mal que xa xantáramos, dixemos termando no riso. Comezou o xantar do “enlace” e nós fixemos tempo até a hora de comezar, aló sobre as 6 da tarde.
As cousas iban indo ben, solo que cada 15 minutos, veña o paliza a darme a tabarra con historias. Casemente non termaba no asiento e creo que nin xantou indo de mesa en mesa. E así até rematar o concertado ás 10 da noite. Pero nin auga en toda tarde nos trouxo o ínquedo pai da noiva coa ledicia do seu “negocio da vida”. Menos mal, que nos iban traendo algo de recepción.
Parte segunda: Se rueda, dirían filmando unha peli. Chegou a hora de cobrar. Os compañeiros que me dín: “Suso, vai ti cobrar rápido, que nós che recollemos os teclados, pois queremos chegar á verbea  en Carballo, onde hai festa hoxe”.
Parte tres, toma número catro: “Vén o ínclito (vamos chamarlle así) e me colle de “ghanchete” pra pagarme a actuación: “Jesús (me dixo) es que aquí hay mucha gente y..ya se sabe, con “tanto” dinero no se puede jugar”. E aló comeza polos pasillos do hotel, ningún curruncho lle valía, nin que fora medio millón das antigas pesetas, meus. Levoume aos servizos e tampouco, “había mucha gente”. Seguimos ruta, e de pronto ve unha porta de chapa: “Vamos Jesús, aquí creo que es un buen sitio, no se oye nadie”. Mete man á manilla, abre e entra e tirando do meu brazo. A pique de morrer chamuscados. Era a pequena sala da potencia eléctrica do hotel, ou sexa, o transformador a 380 W.
“Caray, Jesús, menudo susto nos llevamos hombre”. E veña pasillo, curva dun lado e curva do outro. Eu lle dicía: “pero hombre, si para esa cantidad sobra este recodo”. Ata lle falei castelán e todo pra non ser menos. E nada, abre outra porta e entramos de novo no “salón da voda”. Senta el e sento eu. Os convidados, que nos miran de reollo e dando co cóvado uns aos outros. Pero o“pai da noiva” que non vía maneira de pagar.
“Señor Manuel, usted no se da cuenta que estamos en el Salón Azul y la voda de su hija es en el Salón Verde?”, lle dixen baixiño. “Vaia hombre, es que llevo un día, Jesús, ya sabe, cosa de los nervios”. E volta ao pasillo. Media hora despois, xa non poido máis. Eu tampouco, estábamos esgotados.
“Bueno Jesús, tenga entonces las 60.000 pts. hombre. ¡Y también han comido, caray, han comido y todo!. Bueno, pues  le doy una tarjeta mía porque  vendo pisos y coches, sabe?, por si quieren comprarme algo”.
Todo pasou, “me cághena tós”; o paseo polo hotel; morrer chamuscados; ir aos servizos e nin mexar sequera; sentarmos no  Salón Azul; e aguantalo toda tarde entre peza e peza. Pero o de “también han comido”, doume gañas de ghomitarlle senón fora que nos diran de xantar os donos do hotel.
O furgón estaba máis que cargado e o motor quentando había media hora. Pero máis quente iba eu: “Aquí tendes a tarxeta “del Padrino” por se queredes mercar un coche, ou un piso”, lles dixen con retranca. A pobriña da tarxeta saíu pola ventanilla. Pero en mil trizas voándo. “Y que comisteis y todo, o sea, que habéis comido”, lles dixen  en castelán termando na risa e con sorna mentras arrancaba: Ou máis ben arrañaba eu o pelo da cabeza.  P.D. Case deixo viúva co finadiño en churrasco ou ao forno. Quen sería? Servidor.

miércoles, 22 de abril de 2020


A MOCIÑA CHORABA SEN  TRÉGOLA
UN ROLLO/VIRUS MÁIS

Con esta frase de “Unha noite na Eira do Trigo” de Curros, comezo con lembranzas da miña vida de trotamundos facedor de festas; casementos; vodas; xantares; ceas baile e procesións moitas, fun facendo unha recolleita como se dí agora, virtual, pero no meu caso de ollador da vida.
A verdade que non sei o que durará este confinamento, un palabra que nunca escribira até este mes, pero creo que teño recolleita para mentres viva. Malia que non podo nin por moito, sacar as mellores, porque sería ferir sensibilidades, machismo ou o que queirades imaxinar.
Así, neste eido, o que máis me doío na miña vida de remancheiro (músico, no verbo gharnucio dos canteiros) foi ver dende os palcos tantos amores e desamores chorando por coitados. Cando vía unha parelliña rifar entreles, e logo a mociña chorar, me tiraba a noite, algo que nunca puiden evitar.
Pero mirade vós estoutra sen ser en ningún palco nin facendo bailar á xente. Estabamos case de “lúa de mel” estreando a caravaniña, o “noso niño de amor” como eu lle chamo e a “parella” se enfada. Porque tamén quero ser moderno e chamarlle parella, inda que sexa eiquí e ela non se entere, senón, xa a teño clara: durmir ao faiado esta noite.
Dicía eu que, estábamos aparcados  no Burgo das Nacións en Santiago e cerquiña do Auditorio de Galicia por mor de asistir aos concertos. Unha fermosa noite de prácido luar naquel casemente Bosque Animado da literaria obra de W.Fernández Flórez con árbores centenarios.
¡Ai, pero de entre as árbores, escoitamos un desgarrador grito que resoou naquel fermoso paisaxe. E velaí baixo eu, a pesar de impedirmo a consocia. E comezo a ollar entre vidueiros e plataneiros, eos gritos seguían dunha xove voz feminina e eu sen ver a quen auxiliar.
Ata que comezo a escoitar o pisar da follaxe das árbores que cubrían o chan de todo o parque. E alí aparecen os dous anxeliños do Ceo e ela seguía gritanto e a miña señora dona berrando. Berraba, pero por min, para que volverá ao coche. “Diso nada, como vou abandonar esta pobre mociña”, lle dixen. Se foron achegando ao paseo alumeado e a mociña que nada, que bágoas e chantos todo era un: “Que no te quiero ver más, márchate”, lle dicía a pobriña limpando as meixelas mentras eu, ollo avizor por se había violencia, me mantiña a distancia prudencial.
E así case unha hora, meus, ata que se acabaron aloumiñando entre o verdal matigueiro. ¡E por fin o bico, e outro, e cen máis!. E se entrebellaron nunha aperta de amor, que case ten que pedir auxilio de novo a mociña. ¡Ai, respirei aliviado! E respirou a medio dona da caravaniña, unha de tantas naquel fermoso lugar. Até que baixaron amartelados e agora case choro eu vendo o que é o amor.
Logo, para relaxarme, comecei a dar uns paseos á luz do alumeado do parque. E pasou a Patrulla Municipal. E volvío na volta e volvío a vir de volta. “Suso, ven xa que están desconfiando de ti”, me dixo o meu Anxo da Garda. E outra volta, ata que os parei, porque estaban quedando sen gas-oíl que o pagamos todos. Indentifiqueime e lles contei o conto. Sorriron e me deron as grazas, as boas noites e se foron. Creo que  tamén felices.
¡Ai, pero logo case choro eu no noso “niño de amor”, casemente estiven a coller unha manta e durmir ao socairo  dun vidueiro ou debaixo do coche. Porque aquilo, amigos, me trouxo o recordo do que vos contaba ao principio, de tantos e tantos amores coitados. E me lembrei de case unha  das derradeiras festas das Novas Ideas na Terra Chá de Lugo.
Acabáramos a verbea e unha espesa néboa apenas deixaba ver. Fun pola furgo eos cristais empañados total. Encendo e meto marcha atrás, porque ollara que non había ningún coche. Ata que abro a ventanilla, porque non vía nada. E de repente case me dá un infarto vendo o que estiven a punto de facer: Unha parelliña, estaba acochadiña debaixo do furgón, e non me extrañou con aquela noite de xiada. Rastrellándose como puideron, saíron a cen, mentras en daba o Nome do Pai pensando no que puidera pasar.
Tiven que baixar e calmar os nervios matinando no que puido pasar. Eu, que embelexo vendo o amor nas parellas, ou as parellas nomoradas,  aquela noite enxedamais a esquecerei por mor do que houbera pasado se non abro a ventanilla. Xa na casa, non peguei ollo, e o trauma me durou un tempo. Un recordo de case uns 25 anos. Espero que sexan felices. E viva o amor; os bicos; os abrazos, e todo de verdade, pero non virtual.