martes, 5 de mayo de 2020

QUE POUCO AGUANTADES, CHÉ


¡QUE POUCO AGUANTAMOS, CHÉ!
A verdade que non sei se son eu un aguantón, ou son ao revés do mundo. Nestes 55 días que levo medio “reconfinado”,  a cabeciña levoume dar voltas ata non sei onde. Ata me lembrei do  día que casei, minuto a minuto. Menos da minuta que non sei se xantei ou non. Pero diso xa vos falarei outro día, que o conto este non foi máis que comezar, o mesmo que o rañar.
E coma tódolos vellos, que cando algún se lembraba das cousas da mili, dicíamos: “Uuiii, cando comeza a falar da mili, é que está chocheándo, ou sexa, que vai vello”. Ante isto, pois nada, que tamén me lembrei hoxe de estarmos no Campamento de Parga en Guitiriz, tres meses xustiños. Iso si, a panorámica fermosísima. Non había toxo nin silvas, solo queiroas e nin un árbore onde resguardarse en algún lecer de aquel sol de primaveira.
Ai, pero non vexades cando volvín a Corme, viña máis moreno que ata na casa levaron un susto. E non fora da praia, senón de estarmos todo o día ao aire libre naquela agreste montaña. E a xente agora, collendo  o avión a Cancúm aló onda o Xulio Catedrais para poñerse moreno  coma el.
Mais  ao que iba, foron tres meses, noventa días xustiños nin un menos. Nin teléfono nin televisión; a luz, máis amortuxada nas noites non podía ser. A ducha,  un container acondicionado para iso. Eo rancho ben, non me queixo. O peor eran os 5 minutos ás 7 da mañá, que nos daban para vestirse e saír formar filas. Xa tiñamos a cousa controlada, e aló ás 6, nos íbamos vestindo por debaixo da manta, pero nin o mínimo ruído. Logo toque de corneta e saíndo a “fume de carozo”, unha frase que alí aprendín.
Tres meses, meus, e a golpe de carta vai e carta ven. E mirade vós onde metín a pata tan inocentemente. Un kilómetro máis abaixo, había un tabernucho, o senlleiro nos tres kilómetros ata Parga. Chamábase o bar Las Manolas, e a xefa A Rachona. E era iso, xa sabedes, un lugar de desfogo “fisiolóxico”. Ou sexa e en Román Paladino, porque senón non doi feito:O día-clube da zona, porque era de día. Catro paredes, unhas uralitas e tería 75 mtrs. cadrados para “abastecer” a mil ou dous mil soldados.
Eu fora voluntario con recén cumplidos os 17 anos. Ou sexa, un neno, porque no Exército se incorporan aos 21 ou máis. Moitos xa casados. Un domingo me colleron un grupo: ¡Veña Torrado,neno, ven con nós ata a Rachona! E alá fun. O chiringhito na mesma carretera e centos de soldados ao redor, porque dentro imposible. Non sei como amañarían a cousa “fisiolóxica os desfogadizos”, porque eu non vin habitación por ningures. Pasei a tarde, recordo, sentado nun valado e mirando semellante acontecer. Imposible mercar unha cervexa ou refresco, aquilo parecía a Romaxe de San Fins na hora punta.
Ata eiquí, todo normal, meus. Pero velaí que á pregunta por carta de meu pai, se o pasaba algo ben, lle respondín que estivesen tranquilos,  que ata baixáramos aquel domingo a unha taberna mui animada e se chamaba “Las Manolas”, pero de alcume: “A Rachona” que era a xefa.
Ai, inocente de min. Aquela semana, se encontrou con aquel inolvidable Aurelio Piñeiro, solteirón, mozo de farras tódolos días e un pedazo de persoa que Deus o teña pé Del. Aurelio tamén estivera en Parga: “Basilio, (lle dixo a meu pai) aí se pasa tremendo aos domingos no puticlub da Rachona, eu volvía mañán”. Meu pai, tamén era moreno de face. Pero naquel intre, seica quedou como a cera. E sen fala total entre as risotadas dos amigos xogando ao dominó no Casino. Era visto.
E eu tan inocente desfilando e cantando aquela típica que nos ensinaran:  “Margarita se llama mi amor, Margarita Rodriguez Garcés, una chica, chica, chica pum, del calibre ciento ochenta y tres”, etc. Logo viña o estribillo: “De Las Manolas nos hecha La Rachona…del Campamento nos mandan al Cuartel…”.
Así que meus, non me digades que levamos 55 días na casa e non podedes máis. Non vedes como eu aguantei 90 entre queiroas e arrestos pelando patacas?. E con moita secura, tanta,tanta,tanta, que: Nin un Orange ou Fanta bebín. Xa sabes onde, non?.        

No hay comentarios: