miércoles, 12 de febrero de 2014

VELARSE A NOITE DA VODA


   Morrerei sen entendelo, meus, pero o que nunca entendín foi aquilo dos cregos de antes de penitenciar aos noivos na súa primeira noite de vodas, que: Había que velarse.
E eu pregúntome: Haberá algún paspán que non o faga xa sen ser por penitencia?. Eu penso que ata os máis lerdos noivos xa se velaba sen a condicionante do crego. E con seis vélas, dicían os máis vellos do lugar, que era a tarifa mínima que imponían os da sotá. Mellor que mellor, así tamén se vía mellor. ¡Cantas mellorías!

   Ante isto, vén de seu que os cregos por moita ducia de anos que tivesen de seminario non era tan listos como debían. ¿Ou non pensaban eles que os noivos xa se querían velar sen mandarllo? E que tiña que ser unha semana enteira. Velaí que eiquí xa me gustaba máis a ditosa condicionante: Unha semana enteira. Que mellor. Así xa non era pecado, dicían os vedraños do lugar. Dicían, pois, total xa se ían velar o mesmo.

   Eu penso, logo eixisto, que os cregos dalgunha maneira queren compensarche o interrogatorio en prol do devandito 6º e, por iso despois che compensan, ou compensaban, cunha semaniña enteira. Se xa o dicía o refrán cantareiro: “Unha noite non é nada, unha noite non é nada/ unha semaniña enteira, si que’é boa foliada”.

   Pero eu xa debo ser da era moderna, pois, non me mandaron velarme nin nada diso. ¡ E mira que o desexaba eu despois de 23 anos esperando! E nada, tivo que ser con luz eléctrica o cal xa non é o mesmo. E agora que me lembro nunca llelo confesei ó crego, vaite ti a saber se non estarei en pecado. Aínda que ben pensado, a culpa non foi miña.

   Así as cousas, e aténdome a isto, antonte cumplin os 70 taquiños, pero son un vello moderno, ai non! Aínda que agora que recordo, algunha noite de inverno que faltaba a luz de Don Manolo, tivemos que velarnos. Ou sexa, que grazas a este D. Manolo quedamos a ben con Deus! Digo eu , pois no tempo do meu casamento aínda a cousa era á vella usanza. Co cal maxino que debiu de esquencerlle ao crego que nos casou.

   Non me extraña, que, dademún fixo máis ca ter teima no 6º mandamento a véspera da voda cando nos confesamos. E volta e dalle, coma se non houbera 9 máis. Pero non, tiña que ser o ditoso 6º. ¡Eu xa non sei para que nos fixeron aprender os dez, se total somentes preguntan polo do medio!.

   E así foi a cousa que, aquela noite tan longamente, ansiadamente, sufridamente e tódalas mentes (habidas e por haber) esperada, chegamos ó hotel Sevilla, fronte ao Obelisco e facendo esquina á Rúa dos Olmos, onde comeza o roteiro dos viños,  por máis que remexín no armario e nas mesiñas de noite, malditúnha véla había. ¡E a cousa non foi tan romántica, pero tamén menos cheirenta polo fume das ditosas vélas!.  Pero si vos son sincero, malditún das vélas me acordei!

   Mais agora que me lembro: aínda que houbera vélas, como non fumábamos tampouco tiñamos mechero para encendelas.


1 comentario:

O renqueante dijo...

Parabéns. 70 anos non se cumplen todo-los días. E con esa memoria, menos.