sábado, 15 de septiembre de 2012

AQUELES TEMPOS DE QUITAR O AIRE




Tería eu ó redor dos cinco ou seis anos, cando aló urdiron os meus que me tiñan que quitar o aire (ar). Era cousa de moda naquel tempo, pois os rapaces estabamos un pouquiño estuxados por mor da postguerra. A cartilla do racionamento non daba para máis e o bolsillo tampouco.

Así as cousas, as nosas nai estaban de cotío dicindo que tiñamos mal cor, que non medrábamos abondo, que non comíamos ben ou que nos pillara o ar das meigas. Había moitas daquela, agás que aínda non morreron todas.

E velaí unha tarde de domingo cando meu pai pilla o camiño de Froxán, da súa casa paterna, pois, disque alí, na súa aldea, quitaban o ar moito mellor que acó no Porto.

Namais chegar, entramos na cociña que xa era o “recibidor” ou salón da tódalas casas de labradores, alí ou na corte das vacas, tabique en medio. De seguido, miña avoa Mamá María, (como así a chamábamos tódolos netos), muller santa e boa onde as houbera, xuntou de contado dúas ou tres mulleres do lugar, ben rezadoras elas e xente formal. Iso si, todas elas vestidas de negro e con pano á curra, era a moda.

E comeza a cerimonia no medio do chán da cociña. Follas de loureiro e oliva bendecido do Domingo de Ramos facían unha especie de coroa funeraria, onde tiven que entrar eu sen dar pío. E comezaron os padrenuestros e aves marías e eu no medio sen dar creto a aquela historia. Ata que chegou o momento culminante, o de acender o lume purificador de loureiro e oliva.

Como daquela había moitas películas de indios, casemente me sentía eu un “home branco”na tribu india rodeado de lume e apaches danzando e sen poder escapar, a verdade que xa non as tiña todas comigo.

Pero aínda faltaba algo máis: o “erguela paletilla” apertándoche as costas e erguéndote no ar. Ben pensado, isto aínda tiña algún xeito, pois aínda se fai a día de hoxe, e abofé que non é cousa mala.

E alo saín eu co ar das meigas quitado, e elas todas satisfeitas. Digo elas porque os homes non podía estar na cerimonia. E aló voltou meu pai todo satisfeito de que eu xa viña sen o meigallo. Tamén viría ledo, supoño, porque da casa dos avós nunca se volvía sen nada.

Agora os nenos tampouco comen ben, din súas avoas, pois realmente son elas quen os crian. Como carallo van comer máis senón dan feito! E están que lucen de ben criados, a Deus grazas. Agora aos nenos non hai falla de quitarlles o ar, pois con tanta cheúra e vacina do pediatra veñen para diante os mesmo cás roseiras no maio florido.

Volvendo ó conto, namais rematar a cerimonia xa me veu o apetito co ulido da tortilla de ovos de curral que Mamá María remexía na tixola. Púxenme xebre e, casemente valía a pena ir quitar o ar tan sequera cada domingo.

2 comentarios:

Administrador dijo...

Ola amigos: Dende hai días intento meter outros artigos e Blogger non me deixa. O sinto e tan pronto poida, pois iso, entrarán.Saúdos.

Galicia Alive dijo...

Moitas gracias polo artigo. Ando a recopilar información por internet e algún libro para escribir un artigo na miña web.
Fomos moitos ós que nos houbo que quitar o aire.