martes, 3 de abril de 2012

¡CANTOS DÍAS PERDIDOS NA VIDA!


Quizais nunca nos decatamos disto tan cotián, pero na vida perdemos milleiros de días. Porque a vida non solo se compón de dar ao alento, comer e durmir, pasexar ou bailar, e así un longo, etc..
A onde quero ir, ou ben chegar?, pois, a eses tantos días parvos e tontos que se perden por unha renxeira máis parva aínda. A eses tantos días que ao longo da vida estivemos sen falar coa muller, cos fillos, cos netos e demais familia que, terxiversando unha vella frase: “o campo non cría por falla de auga”.
Agora que cheguei á terceira idade, ou sexa, á terceira división como se no fútbol se tratara, estou facendo un resumo das dúas anteriores etapas, as mellores da vida por moito que digan que esta é a mellor. E penso, logo eixisto, cantos anos hai que non falo un longa conversa con curmáns, tíos e tías, compañeiros da escola que viven no mesmo pobo ou mesmamente fillos e netos!
Outro tempo perdido na miña maneira de velo é a de xogar unha partida para iso, para matar o tempo. ¿Para matar o tempo?. Que frase tan crú sempre foi esta para min. Pero si o tempo é ouro! O tempo hai que aproveitalo a máis non poder. E falo do tempo de ocio, despois do traballo, o meu de agora mesmo. ¡E poñerse a xogar ó parchís ou ó bingo de perra e media. E sen dar fala!
Non sei se son diferente, pero eu o mellor pasatempo o encontro na conversa, na fala, na distinta maneira que temos de ver unha mesma cousa ou feito. Mais iso si, sen alporizar o máis mínimo, que a charla sexa para relaxarse.
Pero non, quizais nos escondemos nunha partida por non ser capaces de entreterse cunha conversa. Tamén é certo que cando un grupo está de palique, de seguido pasa outro coa retranca cotiá: “Aí están eses falando de política”. Pois mira por onde, ó mellor era de fútbol. E como se fora de política, é acaso un pecado?
De algún xeito, lembro con nostalxia aqueles tempos dos nosos avós cando estaban de palique ó abeiro dunha solaina ou dun cabazo. E falando diso, xa o comentei noutras ocasións, tiñan máis conversa os vellos mariñeiros da miña nenez sentados no pau de barco de Debaixo da Capilla, que agora na Casa do Mar, erguida casualmente no mesmo lugar. Eles, os nosos devanceiros falaban do tempo, do mar, da maruxía ou do nordés e discutían entreles coas distintas opinións en prol da súa profesión. E iso tiña un valor incalculable.
Mais o que verdadadeiramente me fai mágoa, é o dos días perdidos coa familia, porque hai cousas que aínda se recuperan, pero o tempo non camiña deica atrás e…, o perdido, perdido está. Un día, unha semana, un mes ou un ano de renxeira, enfado, ou non saber entenderse, é un anaco da vida roubado para sempre. Quizais non somos tan eleutos como parecemos e o coeficiente do noso caletre non dá moito máis de un cinco nun nivel dez. ¡Cantos días perdidos na vida!

No hay comentarios: