sábado, 18 de abril de 2009

TEMPOS IDOS IV. "QUÍTESE LA BOINA"


Era eu un púbere cando escoitaba ós músicos da nosa banda as penurias e aldraxes que aínda tiñan que pasar despois de loitar na triste guerra.¡E quedaba abraiado! Ou non, velaí a cousa, pois, ó mellor xa era así a vida. Ou coa miña idade era algo normal. Mais, para eles non era tan doado como eu pensaba.
Sempre fun un escoitador e ollador do meu redor. A verdade sexa dita, tampouco tiña outros rapaces na banda con quen rebuldar. ¡E agora ata hai rapazas! Pero a historia non ten volta atrás. Nin falla que fai.
Escoitaba eu nos ribazos dos campos das festas á sombra dos carballos logo de deixar limpa a friameira. Limpa sen falla de lavala, aínda cando a fonte da Santa vertía a cano cheo. Coa navalla de xantar unhas frebas, púxenme a estonar un vieiteiro para facer pinzas para as partituras do atril, namentres ía escoitando o queles falaban...
Dicía un deles: “Antonte fun ó Untamento e petei na porta da oficiña: ¿Se puede?”, preguntei co oído pegado ó entrepeito de tea. “Pase”, escoitei dalí a un pouco. E pasei: “Buenos días siñor..., eu viña a ...” . “Vuelva a salir y sáquese la gorra antes de entrar”, díxome de esguello o escribano. “Saín tremendo, pois xa non contaba que me arranxáse os papeis”. “¿Se puede?, petei de novo cos nocelos”. “Pase”, escoitei. “E pasei coa boina na man que mesmo parecía na xura da bandeira”.
“¿Que desea?”, dixo sen mirarme á cara mentras escribía a máquina. “Mirusté, eu viña por mor dun certificado de cando fun á guerra”, dixen tremendo coa boca reseca de nervos e da andarela. “Para eso tiene que venir antes de las diez de la mañana, y, ya son las once”, dixo ollando o reloxo Dogma Prima, eses que viñan de Ceuta. Saín dando os bos días, por si acaso..., e de volta os nove quilómetros a pé.
“Onte volvin, pero xa estaba alí ás nove da mañá. Aínda non chegara e senteime no banco do pasillo, mais, cando o albisquei subindo os chanzos, brinquei de pé firme dándolle os “buenos días siñor”, non fora o demo. “Sacou do peto a chave e entrou sen darme un pío. Pechou a porta e alí quedei sen saber que facer”.
“Petei e escoitei en voz alta”. “Espere hasta que lo llame”. Voltei ó tallo e o reloxo de campá tocou as dez. E as dez e media. Tocou as once e logo a media, cando escoitei: “Pase”. Abrin coa boina na man dicindo: se puede? “Sí, que desea?”, contestou. “Viña polo certificado que lle dixen onte, oío”. “¿Trae la carta de buena conducta del señor cura párroco?” “Non siñor, usté onte nonme dixo nada e...”. “Pues sin ella no le puedo dar el papel, vuelva el día que lo tenga”, cortoume sen deixar acabar.
“Saín tolleito, mirade vós que non mo poido dicir o día antes! Malia iso, aínda lle debíamos a oblata ó cura dende que casamos”. Baixei á baiuca de Pepe o Ourensán e pedin unha cunca de tinto, custaba un real, pero esgorecía de sede e coa raxeira de nervos. Notoumo e preguntóume: “Logo, que fais por acó José?”. Conteillelo conto e dime: “Volta de novo ho, e ponlle cinco pesos riba da mesa”. "¿E non meterei a pata Pepe?", pregunteille. "Vaite tranquilo que xa el mete lle antes a man". Remexín nos petos e só tiña catro. O Ourensán decatouse e deixoume un máis, coñecíame de tempo.
“Se puede?, petei de novo e entrei albo coma cera: “Mire usté ho, tome pa uns cafeíños e fágame o favor, siñor”, dixen mentras deixaba os pesos en col da mesa. De socate cambeou a face e comezou a remexer nos papeis, coma ben que non collía os cinco pesos”. “Haber hombre, ya me doi cuenta que le apremia el certificado. Pero no le diga a nadie que se lo dí sin el papel del párroco, eh”. Erguiuse, doume o papel e unha palmada nas costas mentras me acompañaba á porta. ¡Ata ma abriu dándome os bos días! “Vuelva cuando lo necesite hombre, es que ya sabe...,uno está del trabajo...”.
¡Quixen por á boina e decateime que aínda non a quitara! ¡O escribano tampouco se decatou!

3 comentarios:

Xosé dijo...

a verdade Suso, é que agora non hai boina, pero o resto segue sendo o mesmo:o cazo. Moi bo artigo.

Luz dijo...

Pero de verdad que hacían salir, quitar la gorra y volver a entrar?.
lo del cazo ya lo asumo, lo de siempre. Muy bueno Suso.

Eloi dijo...

Suso, tés razón cando dís que non lle vimos a cara á vida as novas xeracións. Esto nin se me ocurría pensalo. Quitar a boina, a gorra pa entrar no concello. ¡Nin que fora na Iglesia, vamos.!Ten razón o meu avó.
Bo traballo por ensinarnos a historia que non coñecemos.