jueves, 30 de mayo de 2013

HISTORIA DO CASINO DE CORME




Sen dúbidas o ano 1916 foi de lembranza para a nosa vila, nese ano tivemos auga no Fonte do Campo (feita polo meu visabó Tío Pepe de Torrado, que aínda o recordo) e inaugurouse a Sociedad Unión Vecinal presidida por Jesús Piñeiro e de secretario José Centeno. Como podemos ver, estes apelidos xa indican por onde ían os tiros: a nosa alta alcurnia.

Na idea da labor social de esta entidade, todo un luxo para Corme, estaba como prioritario o modifica-lo Regulamento de Practicaxe do 7 de agosto de 1.911. O que entenda disto, pois, pode facer un comentario si o ten a ben, pois eu son profano nestas lides.

Logo outro dos puntos a reivindicar por esta Sociedade era o de ter servicio diario de autobuses á Coruña, pois parece ser que era en días alternos. Debemos lembrar tamén que a nosa estrada con Ponteceso fora inaugurada seis anos antes, no 1.910, unha obra que durou nada máis nin nada menos que 30 anos.

Asemade entraba nas primeiras ideas desta Sociedade a loita por un alumeado público para o Paseo do Campo, polo menos. Parece ser que as parellas aproveitaban a “cousa” para escaquearse na escuridade para Baixo da Capilla, e, as nais tremían coa “secura” dos mariñeiros, que era moita cando viñan da mercante logo duns meses sen probar “auga doce”.

No entanto a isto, ían un pouco adiantados os señores directivos, pois si aínda non había luz eléctrica nos fogares, mal a podía haber pública. Chegaría no 1.920 e producida nunha pequena central onde mesmo hoxe está a subida da estrada a Roncudo, na Arnela. Ou sexa, o que máis tarde foi o taller de Pepe o mecánico.

Outra loita desta ousada Sociedade era a de ter teléfono, case nada, pois aínda tardaría ate o ano 1.956 que aínda eu recordo. (A verdade que tamén vou indo vello, todo hai que dicilo, por moito que me custe asimila-lo). Naquel tempo había que amañarse co telégrafo, aquel dos telegramas que anos máis tarde recordamos levaba Xisco na súa casa do Río da Roda: “Llegamos Bilbao, salimos domingo Coruña, te espero sin falta. Manolo”. Estes eran os textos, así de escuetos. E todo era un arrollo por parte das mariñeiras en facer a maleta para coller o Guillén.

Pero volvendo ao conto da tal Sociedade, debemos recordar que o primeiro local que tivo foi onde agora está instalado o Museo, ou sexa, mesmo en fronte, ata que anos despois faríase a casa de Tío Jesús do Peilón e pasaron para alí, onde hoxe é a cafetería que leva o mesmo nome.

Na acta de constitución da Sociedade figuraba que se fundou con 130 socios e cunha cuota de 50 céntimos. Ou sexa, media peseta ao més. A renda do local custaba 10 pesetas mensuales e o porteiro cobrador tiña unha mensualidade de 11,25 pesetas. Debemos recordar que o tal Casino/Sociedade era para a nosa Jett-Set, porque naquel tempo Corme tiña alcurnia, non como agora que somos todos iguales. Non podía entrar calquera no Casino. E menos sen traxe e ser socio. Tamén había que falar castrapo podendo ser, aínda que se dixese “voy pallá”, ou “vengo dallá darriba”.

Outra das cousas que tiña o Casino, e que case lembramos todos, era a mesa de billar, e, o xogo por excelencia era o dominó en mesas de auténtico mármol.

Sexa como for, o Casino tivo unha época de explendor para unha vila que neste período 1.916/1.920, tiñamos un censo entre Corme-Aldea e o Porto de 2.978 habitantes, case nada, meus, aquilo era “funcionar sen marcha atrás” e sen “póntelo- pónselo”.

P.D. Caralladas aparte, as datas son verídicas e fiables segundo fun recopilando ao longo da miña vida. Que vos guste.

1 comentario:

Administrador dijo...

Ola amigos: Onde escribin que o Casino era de Tío Jesús do Peilón tiven un erro, era Tío Eusebio do Coroso casado con Tía Peilona. Perdón por escribir aquí, pois non me deixa facelo no propio blog.