domingo, 29 de noviembre de 2009

LEMBRANZAS CORMELÁNS-Capítulo I


Ocurriuseme esta noite antes do albor: Por que non facer un resumo das baiucas (tabernas), e cánebas (tendas) do Corme dos anos cincuenta? Máis aló xa non chego nin falla que fai, pois, cando falo de hai sesenta anos como se fora do San Roque do ano pasado, sinto un calafrío aínda estando ao sol no mes de agosto.
Velaí entón a iniciativa, na que hoxe comezo coas tabernas, para o cal espero contar coa axuda dos meus lectores. De seguro que hei deixar no esquecemento, senón a maior parte, si algunha por mor do tempo.
Baiucas/tabernas:
Nos devanditos anos e no que eu recordo, había en Corme as seguintes comezando pola Ribeira: A de tía Esclavitude ollando á Ribeira e ao Caramanchón. A súa clientela era por suposto composta polos mariñeiros da tarrafa do seu home Ezequiel, armador e bo carpinteiro de ribeira onde os houbera.
Baixando a Solaina, seguía a de tía Carmen de Moliño. Quedoume quizais un recordo que, a especialidade desa baiuca era o Sol e Sombra. O mesmo ca anterior, ámbalas casas eran estreitas, as típicas dos portos de mar.
Camiño da Torriña, no baixo da hoxe casa de Poliño, estaba o Tantotén ou Non ten duda. Aínda tiña un terceiro nome que axiña non me vén ao maxín. Rexentaba un solteiro de Neaño que morrera afogado aos percebes.
E chegamos ao café bar A Torriña, a emblemática cormelán. A das boas partidas. Ollando ao mar baixo o socairo dos seus soportales, fixéronse milleiros de quilómetros andados no seu chan!
En col da Torriña, está dende hai anos o Bar de Lao, un recanto para a xuventude, con música e ambente da súa idade.
Pero o routeiro aínda só comezara: A de tío Caola, era unha pequena tasca por mor da casa, aínda que cunhas fermosas vistas ao porto e á Ría.
E para rematar na Aimea, estaba a do Vilso, quizais no que eu lembro aberta bastante máis tarde.
Voltamos de novo para a longa travesía deica á Arnela, e para iso comezábase na tríade que conformaban: Paco de Amalia, o Mini bar e o Pinzás. Todos eles con partidas en verán e inverno, as cales ao bo socairo de tódolos ventos, estaban ateigadas a máis non poder.
Na Praza do Pan, o Ranchito (anos 50/60) era lugar de encontro do mundo de terra e do mar coa xuventude. Non tiña partidas fixas.
Mesmo en fronte, a casa Garrido era parada e fonda. Un dos hostales de Corme na época. De alí baixada á casa de tía Carmen de Tella no Campiño, lugar de comelladas polo seu ben cociñar, a marxe do bon carácter. Anos despois, o da praza sería o Bar de Andrès, pois a súa muller era neta de tía Carmen de Tella, a dona da casa.
De novo no Río da Roda, o Arribada esperaba co futbolín sempre fervendo. Foi a escola de rondalla da época e asemade o lugar de nós, os quinceañeiros, ou sexa, o “paff” de moda onde comezamos cun vaso de Revoltosa, Fanta ou unha Mirinda.
Sen dar ao alento xa esperaban na de Jesús de Vila as tazas de ribeiro en col do mostrador e moitos manises. (Os cacahuetes eran e seguen sendo a especialidade de Corme).
E chegamos á Casa Isabel, rexida tamén polo seu home tío Soto. Tapas, comidas e camas, facían dela o lugar de encontro, sobre todo nos quintos e naqueles que viñan pasar revista á Axudantía.
Sen respiro, o “pelotón” dos chiquitos acadaba a primeira meta: O bodegón de Varela. Sempre a tope pola súa boa situación, era o punto de referencia entre Givaje e A Ribeira. Tamén a foto na Fonte do Campo era de rigor con vaso e pitillo na man, antes de espallarse a xantar.
Os máis valentes, ousaban a segunda etapa na de tío Jesús de Fanuco. Un arco en verde no soportal denominábao: Bar Neutro. Sempre sentado co respaldo da silla cara adiante, o seu sorriso bonachón facía entrar sen querer. Anos adiante sería o bar Filgueira, con mesa de billar nun salón engadido.
Asentada no solar do cine Olga, está a día de hoxe o bar e Cafetería Lista. Local de viños na mañá e ao serán, é pola noite encontro da mocidade.
Sen tempo ao respiro, o Bar de Alfredo, ao lado do Neutro, era outra visita de obriga, sobre todo para os patróns, pois, “sempre houbo clases”. (?).
En fronte, o Casino. Aberto no 1916 como Sociedade Unión Vecinal, é un dos mellores locales da vila, coa primeira mesa de billar de Corme. Foi sempre o lugar para as partidas, sobre todo cunha clientela de terra.
Zizagueándo, (en tódolos sentidos), esperaba a casa de tío Chuco do Casino (de Baio). Fora ao mesmo tempo, unha das pensións e fondas moi sonada entre os viaxantes coruñeses.
Dende hai anos, o Bar Osmo, de Julio, é lugar de encontro do estudantado cormelán. Partidas e fútbol compaxinan coas conversas sociais.
E de alí ao Bar de Pepe, o meirande de Corme. Partidas de doce horas, facían que os xogadores nin se enterasen das “zapatillas” do dominó. Sempre a tope, era ao mesmo tempo punto de referencia para nós, os púberes. Este local, antigo salón de Jesús Crúz, fora un referente nos anos 50 das modernas discotecas actuais. O inxenio e audacia do seu dono, ofrecía na época unha iluminación de abraio. Dende hai anos, é a cafetería Roncudo.
Volta a cruzar a estrada para un clásico cormelán como foi o Bar Ricardo. No seu comezo, vodas e banquetes farían gallo da boa cociña durante a súa etapa. A día de hoxe, segue nas mans de Andrés. (Bar de Jorge).
De novo facendo a zeta, era de obriga a visita ao bar O Casqueiro, de Luís de Armelina, na súa casa de aquel tempo ao lado do que foi o banco Pastor.
E deixando o cume do Campo na Casa dos Cans, comezaba a derradeira etapa. Á dereita, Jaime da Marinera coa súa moderna cafetería, sería punto de encontro da mocidade na década dos sesenta.
Anos adiante teríamos ao Bar de Pepe no baixo da súa casa, en fronte á Caixa. Viños, dominó, xadrez e sorte nas quinielas, facían un bo ambente.
No novo edificio fronte á farmacia, houbo hai uns anos o bar Casablanca e logo Stela Maris.
Costa abaixo, boa falla facía!, parada e fonda (nunca mellor dito) no Miramar. Del xa está todo sabido, pois coido entender que é a fonda máis vella de Corme (1930).
Na outra beira e ollándo ao salón, unha taberna e casa de comidas queda na lembranza cormelán como foi a Casa de Asunción e Costero. Outro referente que en tan pouco espazo dou boas comidas a clientela fixa.
Pero a meta final, aínda foi alongándo coa apertura anos adiante do Cabazo e O que faltaba, este último de Santos, e o primeiro tamén de comidas e hostal.
----------------------------------------------------------------------------------------------
Na época actual todos recordamos ao Rincón de Geima, un fermoso paff; O Candi e logo o actual Biscoiteiro. Tamén os Vagalumes de A Calle e o Alto da Costa. A Terraza, de Romualdo Lista no edificio Estrela. O Cháns, un bar de verán que fai unha labor digna, ao dar tapas e comidas nunha época de escasez de fondas. Tamén durante algúns veráns funcionou ao lado da Casa do Mar, o Corral da Pacheca rexentado por Paula de Chencho.
Mais indo moito aló nos tempos que eu quizais non nacera, fálanme os vedraños do pobo de algúns outros: O de Tío Esquerdo e a súa dona Xoquina na casa actual de Plaiero. Eran os avós de Gelin.
Pegado a el, e na actual casa de Lota, o de Tío Pedro de Caramba. (Estaban estes dous mesmo fronte ao actual Biscoiteiro).
Na mesma rúa quedaba a baiuca de Tío Juán do Práctico na súa casa.
No baixo da casa do cura tamén houbera taberna. Era a casa de Ferreiro ao cal eu recordo, pero como ferreiro, non como tasca.
Cóntanme tamén doutra tasca na Calle: A de Tía Trinidad, mesmo onde se baixa para a Ribeira.
E afondando no senso dos nosos maiores, parece que había outra no Campo: A dos Mudos, na súa propia casa.
Pero volvendo á Ribeira, recordan que en casa de Digna tamén tiveran bar. Chamabase A Mina. Anos despois todos lembramos que era os efectos navais de Corme.
E seguen aparecendo máis, esta vez ao lado do Cuartel Vello. Había o de Tío Cachea máis o de Tía Encarnación de Cardalda, aínda que estes tiveran mercería tempo despois.
E apareceu outro moi antigo. Parece que foi na casa dos de Paíño, pero xa moi lonxano.
----------------------------------------------------------------------------------------------
Ao final, pois, xa vedes que fun mesturando os anteriores aos que eu lembro. Isto é coma o rascar, todo é comezar. Se sabedes dalgún outro, pois velaí tendes en comentarios onde sacalo á luz. Con respecto ao tratamento de tíos/as, sabido é que así tratamos con agarimo ás persoas maiores.
P.D. No próximo capítulo falaremos de tendas (cánebas) as cales tamén vendían algún que outro sol e sombra ao mesmo tempo ca un real de unto e un azafrán.

4 comentarios:

ANXO S. dijo...

Hola Suso¡non sei se sera o mismo,pero cando eu de rapaz ,acordome de ir con meu pai o bar de Andres,que estaba enfrente do ranchito.E os principios dos 90,tamen tivo bar Paula,unha neta de chencho,chamabanlle,se non recordo mal,O corral da pacheca.Estaba o lado do que hoxe e a casa do mar,tmen estuvo outro que estava a caron do cuartel da garda civil.salud Suso.

Suso de Basilio dijo...

Ola Anxo. Bos días madrugador!Grazas pola túa 1ªcolaboración, pero esquecín dicir que o bar de Andrés érao da avoa da súa muller. Ou sexa, o que xa nomeo como de Garrido.
En canto ao Corral de Paula, lembreime del, pero pensei que só fora unha cousa de verán. Terei logo que engadilo.
Respecto ao do lado do cuartel, nin idea.Preguntarei aos que teño de man haber de quen foi.
Saúdos e a voar na noite dos tempos cormeláns.

ANXO S. dijo...

Ola Suso¡o bar ese tiverono,miñas primas as fillas do cachofeiro,tamen andres corral,e por ultimo anton vidal.Non me acordo se este e orden pero tiverono todos estes.Deica outra¡

Administrador dijo...

Ola Anxo, xa está corrixido o erro, pois primeiro foi o Casablanca e logo o Stela Maris. Grazas pola túa colaboración.