A José Torrado Esmorís (Tío Pepe de
Torrado)
(Publicado na Voz de Galicia o 17 de setembro de 2016)
Querido e inesquencible bisavó: En nome de tódolos teus netos e bisnetos Torrados, quero con estas
letras lembrarche que non nos esquecemos de ti e da bisavoa Clarisa. Cando
menos para min, fostes os
senlleiros bisavós que coñecín.
Este ano, querido bisavó, cúmplense cen –un século- dende que ergueches coas túas humildes mans de
canteiro/labrador a nosa Fonte do Campo. E velaquí está, á intemperie, ó sol e
ó vento. Un pouco esnaquizada polos quinachos dos camións, pero iso si,
imperturbable.
¡Canta lenda na túa Fonte, bisavó, cantos amoríos e primeiros
bicos á sombra do seu fuste!. Cantas borracheiras naqueles días dos Quintos e
cantos milleiros de cervexas pousadas en
col do seu brocal. Ao seu abeiro, esperaban
as nais ás fillas cando o Paseo do Campo. E entre murmurios e coas mans baixo o mandil, de reollo refrescaban a vista
ou ben lazaban o pano á curra pasando a man polo queixo coma quen non quere a
cousa.
A Fonte do Campo era o
marco para as parellas: nin un paso deica o Río da Roda. E volta á Casa dos
Cans. Era, bisavó, era. Agora non hai marcas nin marcos. Tampouco nais ó axexo
mentres esperaban a quenda para encher no cano de Riba ou no de Baixo. E sellas, caldeiros e bañeiras facendo tempo
no chan, cal semellanza de dúas serpes.
Logo, as bañeiras cheas na cabeza das mulleres con molideira de apoio. E cunha verza sobor da auga para amainar o
vaivén das súas ondas.
Canta secura apagou a túa Fonte, noso bisavó. Aquel pingar
dos pichos medíase por ferradas cando máis falla facía lavarse pola ruda vida.
Agora que só suamos na praia, por
toneladas. E hai uns inventos que vós non coñecéches nin falla que fixo: a
ducha e un tal "chacusi", unha bañeira
de trinta billas botando auga polo de relaxarse sen dar pandolada. O mundo ao
revés, bisavó, daquela tampouco tiñades estrés nin "pchiscólogo".
Como dicía, a túa obra marcou naquel tempo que para os
rapaces había un Corme subindo ata a Paxariña que se chamaba Givaje. Logo, da
Fonte para abaixo, xa era a Ribeira. E veña pedradas nos días de cámbeo de
tempo se uns pisaban a raia do outro bando. Xa daquela as cabeciñas non
paraban, como se dí agora.
No seu alicerce, se farían os primeiros palcos das festas, engalañados con espadañas do Río de Riba,
fiúncho da Paxariña e hedras do Carral. Fuches testigo, Fonte, de chantos, tristuras e milleiros de enterros.
Pero tamén de cantareas, aturuxos, piropos e paso de Procesións da Virxe do Carme,
San Roque e os Remedios. E na volta das
misas de festa, dos bailes solto ou amarrado e todos ben fardados. ¡Ai, meu,
pero tamén de lavar e enxugar no pilón, as bágoas das primeiras coitadas e desventuras!
Cando había vodas- mellor dito casamentos- había que coller praza
na Fonte, era o lugar de privilexio polo de ver o traxe das noivas, como ían
acicaladas, e contar os seus convidados. Ou ás furtadelas ás 6 da mañá cando
eran de viúvos ou solteiróns e se soltaban gatos cunhas vellas tixolas amalloadas
ao seu rabo.
Pero agora, bisavó, xa non hai Paseo do Campo. Nin ringleira de
sellas no chan cando a secura da traída da Arregadiña. Nin Día dos Quintos ou
veleiros de arribada. Nin festa algunha ao pé da túa Fonte. Malia isto, a xente
aloumiña e quere a túa Fonte, a Fonte do Campo. Durante este século foi o
símbolo de Corme como punto de referencia.
Cada noite, escura ou de branco luar, me sento na xanela e penso naquel Corme que te viu erguer. Do
primeiro retrato ao teu redor. Dos milleiros de segredos ao teu pé. E maxino
dende a miña fiestra, quén te verá deiquí a outros cen anos, nosa Fonte do
Campo.
3 comentarios:
P.D. Pido perdón polo erro cometido no nome da bisavoa, o seu verdadeiro é Teresa Pailos Collazo que era madriña de miña nai. As présas nunca foron boas.
Hola, disculpe la molestia, me llamo Silvia y estoy haciendo mi árbol genealógico. Mi bisabuela se llamaba Estrella Pailos Collazo, nacida en España, creo que La Coruña, aproximadamente en el año 1868. Era hija de Fernando Pailos y María Collazo. Quizá tengamos un origen común. Le agradecería mucho si puede responder a mi mail: silviacafiARROBAgmail.com
Muchas gracias y saludos desde el sur.
Hola Silvia: Ante todo perdona, pues casi nunca entro en comentarios anteriores, hoy lo hice por casualidad. Con respecto a lo que preguntas, cabe suponer que tú bisabuela era hermana de la mía/nuestra a juzgar por la data de nacimiento. Yo recuerdo a la bisabuela Teresa y al bisabuelo Pepe, murieron cuando yo tenía 5 o 6 años sobre el año 1950, con lo cual concuerdan perfectamente los datos.
En cuanto a averiguar más, te diré que las Parroquias envían el archivo a Santiago al cumplirse los 100 años, por lo cual ya es imposible ir más allá. Pero tengo en algún rincón de mi ofi, quién eran nuestros ancestros y si algún día lo encuentro te lo pasaré a ti y a todos bisnietos o tartaranetos.
Saludos de tú primo en ya no se que grado. Suso de Basilio.
Publicar un comentario