domingo, 7 de noviembre de 2010

CARTA ÓS AVÓS DA FOTO ANTERIOR





CARTA ÓS AVÓS DE ABAIXO

En Corme a 6 de outubro de 2010.

Ós nosos avós da foto de abaixo no petón do Cachafeiro, a Riveira.
O Ceo, s/n, ó lado de Deus Pai.
Queridos avós: Na procura que vos atopedes á destra de Deus Pai folgando das penurias e traballo que tivéches acó abaixo, quería eu con esta carta contarvos un pouco como está o voso pobo cen anos despois da foto que sacáches nas pedras da Riveira. Namais vervos nese retrato, non o dubidei e dixen para min: “Que máis quixera eu dentro dun século, ter alguén que me escriba e ver ó meu Corme!”.
No retrato adxunto, sacado tamén un día de festa e no mesmo lugar onde vós estades, alí comezouse o primeiro peirao, o do Cachafeiro, e logo foise alongando que xa case chega ó medio da ría. Pero mirade como é a cousa, agora que temos peirao, non hai aquelas ducias de barquiños que fondeaban na nosa ría. O conto de sempre.
Veredes que hai moitismas casas, pero total quedamos catro, os demais foron indo uns trás doutros. (Os galletes que hai nos tellados, son antenas das televisións que logo vos falerei). Ollade o xardin, está mesmo riba da Praíña do Pulpos e máis arriba a Igrexa, dimoslle a volta co campanario cara o noroeste. No monte entre a Arnela e o Osmo, ata nós pasmamos co que alí fixeron. Xa non hai cola na Fonte do Campo, agora a auga chéganos á casa e, veña a ducharse dúas veces ó día, xustamente cando non se dá pandolada.
E os adiantos, iso xa non ten xeito: A televisión, un caixonciño para ver cine na casa, coma aquelas películas que o Tarugo poñía na Calle despois da comedia; nevera no lugar da fresqueira; lavadora e enxugadora, agora as mulleres non van ó río de Riba, ó Perillán nin tender ó clareo; aspiradoira, móvese coma un porco espiño e barre sen vasoira; o butano, un gás que fai lume co cal xa non hai lareira nin hai falla de ir ás carolas. Logo está o teléfono, antes con cable e agora xa sen el, un invento para falar sen que te vexan e quedar coa moza sen ver a cara do pai.( Noutra carta escribireivos do resto dos inventos, pois cada día hai un máis novo).
En canto a viaxar, agora hai coches á Coruña catro veces ó día, sen falla de arrumbarlle, como tiñades vós que facerlle á carrilana nas costas arriba. Logo hai uns paxaros de lata con ás, e voan!, chámanse avións e chegan a Bilbao nunha hora, aquel porto ó que íades con corenta toneladas de costeiro e vos levaba quince días. Ai, cando entrabas de arribada en cada porto unha semana e moceabas e troulabas arrufados para esquecer as penurias do mar. De aí veu a lenda dos mariñeiros: En cada porto un amor. Sorte que o cura aquel, cando vos confesou pasóuvolos por veniais, senón…! (Tamén tiñades a oblata ó día, as cousas como son).
Mais, non vexades como é a vida de mariñeiro actual. Agora navegan en barcos de miles de toneladas, e cada un deles ten o seu camarote coa televisión esa e a ducha. E de vacacións cada dous meses. Pero tampouco é coma antes, atracan ó peirao e saíndo ás dúas horas. E nada de amores en cada porto, non teñen tempo, pero a verdade sexa dita a cousa ten arranxo, pois, de seguido saen elas voando, voando no avión ese, e, aló se prantan en Barcelona en dúas horas. Xa Deus goberna!
A dicir verdade, (sen que se enteren elas) as mulleres tampouco teñen moito tempo de nada con tanto ir e vir. Á perruquería, ó chacusi (un balde grandismo con 30 billas xiringando auga por todo o corpo) e a un solarium, outro tareco que as pon morochas, antes tiñan que estar esbrancuxadas, xa vedes. Así que con tanto trafego non dan feito e ata chegan á misa cando o cura está lavando a louza, como se dicía antigamente.
Como vedes, meus, os mundos cambearon moito, moito, moito; antes había que facelo todo a man e dobrando os cadrís, e, sobraba tempo, agora que nolo dan todo feito non hai tempo de nada! Siquera vós aproveitade ho, e xogade unha brisquiña de seis, coma na Torriña que aínda segue teimando, pero iso si, non vos escape un "carallo" ó cargar brisca á baza, polo amor de Deus, non sexa o demo que El vos mande para o inferno co traballiño que vos custou chegar ó Ceo.
E namais por hoxe, nosos devanceiros, deica o Ceo a carta vai levar moitos selos de avión e estamos en crise, unha palabra nova que vós non coñecíches, naquel tempo sacudíase todo quisque e ninguén estarrecía de frío. Agora temos que estar pé da estufa todo inverno, senón cómenos a gharugha.
Ai, que me esquecía, recordos a meu bisavó Tío Pepe de Torrado, o que fixo a Fonte do Campo, dicirlle que está moi ben pintadiña e aloumiñada. Aínda que os pichos non botan auga e o pilón está un pouco trasquilado, eu vivo en fronte e dou boa conta dela.
Apertas e bicos para todos e de todos nós, os vosos descendentes, veremos se nós temos algún bisneto que nos escriba despois doutros cen anos.
Suso de Basilio.

1 comentario:

Ánxela dijo...

Chegar cando o cura xa está lavando a louza! ajajajaja
Moi bonito o que lin até agora si ho!
Houberon de levar unha boa sorpresa os seus cando en plena brisca de seis lle chegou a carta ;)
Un saudinho dende Ourense.